San Martiño de Canduas

Cruceiro dos Romero

Está construído en granito. Ten como plataforma unha pilastra. O pedestal é cadrangular e remata con medias canas e cunha roda lisa; posúe a seguinte inscrición: ?De la casa de los Romero?. Ten mesa adosada. O varal é octogonal e comeza en cadrado. O capitel esférico, singular no concello, presenta astrágalo circular con chafráns e liso, follas de acacia e serpe coroándoo. A cruz é cadrangular. No anverso aparece Cristo cruficicado con tres cravos, inclinando a cabeza cara á dereita e coas mans pechadas, á cabeza coroa de espiñas, o pano da pureza anóase á dereita e lese a cartela de INRI. No reverso aparece a Virxe en actitude orante coas mans xuntas.

 

Cruceiro do igrexario

Está construído en granito. A súa plataforma está enterrada. O pedestal é cadrangular. O varal é cadrado con chafráns adornados. O capitel é esférico coma o do cruceiro dos Romero, aínda que nesta ocasión carece de decoración, e coróase cun semicapitel cadrangular. A cruz é octogonal con remates florenzados.

 

Cruceiro das Grelas I

Está construído en formigón. A plataforma é unha pilastra. O pedestal é circular con mesa adosada. A curz é cadrangular.

 

Cruceiro das Grelas II

Está construído en granito. A plataforma vese enterrada. O pedestal é cúbico rematado con chafráns. O varal octogonal comeza e remata en cadrado. O capitel é cadrangular moldurado. A cruz é cadrangular con remates florenzados.

 

Cruceiro de Ures

Os seus materiais construtivos combinan granito e formigón. Ten a plataforma enterrada e o pedestal é cadrangular. O varal octogonal comeza e remata en cadrado. O seu capitel é cadrangular moldurado. A cruz é romboidea con remates florenzados.

 

Cruceiro da Cruz do Cabalo

Está construído en granito. A plataforma e pedestal están enterrados. O varal é cadrado con chafráns. O capitel é cadrangular con cuarto bocel. A cruz é rectangular con remates florenzados.

 

Cruceiro do Campo da Escola

Está construído en granito. A plataforma é cadrangular de tres graos. O pedestal é cadrangular e remata con chafráns. O varal octogonal comeza e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.

 

Cruceiro de San Martiño

Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é cúbico. O varal é octogonal aínda que comeza en cadrado. O capitel é troncocónico invertido e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.

 

Cruceiro de Taboído

Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é circular. O varal é circular partindo dun pedestal cadrangular liso. O capitel ten astrágalo circular liso, ábaco de lados rectos e catro caras. A cruz é cadrangular con remates florenzados.

 

Cruz do Padrón

Está construído en granito. Carece de cruz e pedestal xa que se incrusta nun penedo. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel cadrangular está moldurado en cuarto bocel e media cana. A cruz é romboidea con remates florenzados e círuclo no centro.

Galego