RIOBÓO

Galego

 

CASTRO DE FOLGOSO

O castro de Folgoso atópase situado nun pequeno levantamento de terra no que a croa do castro conta con forma ovoidal con 122 metros de longo e 103 de ancho así como un parapeto de entre 7 e 8 metros de altura. Cara o Noroeste atoparíamos dous antecastros duns 70 metros e 20 de ancho mentres que cara o suroeste toparíamos co precipicio que forma o Pozo da Forca do que se conta unha lenda con diversas variacións.

Nunha delas nárrase que no fondo do pozo se esconde unha grade de ouro que aínda ninguén foi capaz de atopar mentres que a outra conta que no fondo hai unha trabe de ouro que une a fervenza coa Torre da Penela.

No centro do castro érguese a capela barroca de San Brais datada do século XVIII. Conta con planta de salón dunha soa nave e un retablo barroco. A imaxe de San Brais pequeno (o santo da gorxa) é trasladada á capela dende a igrexa de San Martiño para as súas festividade (3 de febreiro e 26 de abril).

O presbiterio estaría a unha maior altura que a nave, teito a dúas augas e unha espadana sen campá na fachada principal. No adro atoparíamos na marxe sureste un cruceiro de granito e formigón, cunha plataforma cuadrangular de dous graos. O pedestal remata nunha roda lisa mentres que o varal é octogonal aínda que comeza en cadrado. Carece de capitel e coróase por unha cruz de formigón con remates de forma lanceolada.

SAN MARTIÑO

O cruceiro, localizado no lado norte do adro, combina formigón con granito e conta cunha plataforma de formigón en tres graos. O pedestal é circular mentres que o varal é cadrado con chafráns. O capitel sería moldurado e a cruz octogonal. No anverso estaría Cristo crucificado con tres cravos e as mans abertas, a cabeza ladeada á dereita e un pano de pureza atado á dereita mentres que no reverso aparecería unha Virxe orante coas mans xuntas.

A igrexa foi construída por mandato de Ruy Soneira de Riobóo, nobre da casa solarega da Penela, e onde foi soterrado. A construcción sería dende as súas orixes, independente da propia parroquia debido á imposibilidade para poder atendela, pasou a formar parte da parroquia de Riobóo e a estar ao cargo do párroco do lugar.

A igrexa actual sería na súa maioría de estilo barroco e posterior, sendo románica soamente a estructura da ábsida, as primeiras fiadas dos paramentos desta e o arco triunfal con semi-columnas que da paso á cabeceira.

Conta con planta de salón, unha única nave rectangular, unha ábsida cuadrangular ao interior e exterior e un arco triunfal de medio punto que delimita os dous espazos. Presenta un teito raso de madeira e un tellado a dúas augas. A fachada principal, sinxela e sobria, non ten decoración escultórica a excepción da espadana que a coroa con dúas campás.   

No interior destaca o arco de medio punto, con certo perfil en aresta, sustentado por dúas columnas adosadas compostas por basas áticas con plinto cilíndrico, fustes monolíticos e capiteis vexetais de influencia dos talleres composteláns da segunda etapa do románico entre o 1099 e o 1101.

Contaríamos ademais con dúas pías, unha cunha base dun oso ou lobo (símbolo dos Moscoso) e outra máis grande de copa semiesférica decorada con gallóns na parte externa.

O retablo de San Martiño será de estilo barroco e constitúese como unha auténtica xoia sacra das terras do concello.

Baixo o altar escóndense no chan tres sepulcros. O da esquerda, co escudo dos Castro, Moscoso, Riobóo, Leis e Villardefrancos, alberga a Lorenzo Bermúdez de Castro e á súa muller María de Leis. O central ocuparíao Ruy Soneira de Riobóo mentres que o da dereita non conta con epígrafe polo que non se conseguiu identificar.

 

 

 

MÚSICA

Punteada de Folgoso

Muiñeira da ribeira,
muiñeira ribeirana,
muiñeira da ribeira
tócoche de mala gana.


Se canto, dinme que canto;
se lloro, dinme que lloro;
se me ven falar contigo,
dinme que si me namoro.


El corazón de mi amante
dicen que lo tengo yo;
que lo tengo si es cierto,
pero de mi amante no.
Como quieres que me valla
contigo a la alameda,
si soy casado y no puedo
olvidar a mi morena.

 

Xota de Folgoso

E vira e vira
e volve a virar,
a volta da vira
é mala de dar.

Eu pidinllo a unha nena,
ela díxome primeiro:
esta somana non podo,
que teño que ir ó Ribeiro.

E vira e vira,
se non viro eu;
teu pai é meu sogro,
teu amor son eu.

As miñas mans son de prata,
heinas de saber dourar;
saben tocar o pandeiro,
mellor saben traballar.

E vai de rondiña
e vai de ronda;
e vai de rondiña
para ti Jusé.

 

BIBLIOGRAFÍA

Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña. 

Kirk Martínez, O. e Díaz Carro, P (2012), Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, Cabana de Bergantiños. 

Lema Suárez, X. M. (1998), A arte relixiosa na Terra de Soneira (Tomo II), Santiago de Compostela: Fundación Universidade de Cultura. 

 

Erro | Concello de Cabana

Erro

O sitio web atopou un erro inesperado. Por favor, inténteo de novo máis tarde.

Mensaxe de erro

  • Warning: Cannot modify header information - headers already sent by (output started at /usr/home/concello-cabana/www/includes/common.inc:2861) en drupal_send_headers() (liña 1554 de /usr/home/concello-cabana/www/includes/bootstrap.inc).
  • Error: Call to undefined function each() en SimplenewsSpool->nextSource() (liña 273 de /usr/home/concello-cabana/www/sites/all/modules/simplenews/includes/simplenews.source.inc).