- PORTADA
- CONCELLO
- ÁREAS DE ACTUACIÓN
- CULTURA
- DEPORTES
- EMPREGO
- PRESENTACIÓN
- CADRO DE PERSOAL
- FUNCIÓNS
- BOLSA DE EMPREGO
- Plan de Emprego Local (PEL Reactiva)
- COWORKING
- CMAT – Costa da Morte Asociación Turística
- PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO: ReActiva
- PROXECTO REDE XIANA
- GALP Costa da Morte
- PLAN REVIVE COSTA DA MORTE
- OBRADOIRO DE EMPREGO “ESCOLA DE VELA DA COSTA DA MORTE- FASE II"
- FORMACIÓN
- SERVIZO GALEGO DE COLOCACIÓN
- SUBVENCIÓNS
- EN IMAXES
- LIGAZÓNS
- CONTACTO
- SERVIZOS SOCIAIS
- PRESENTACIÓN
- CADRO DE PERSOAL
- ÁREAS DE ACTUACIÓN
- PROGRAMAS BÁSICOS
- PROGRAMA DE EDUCACIÓN FAMILIAR
- PROGRAMA DE VOLUNTARIADO
- ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL "A CASA DOS TÍTERES"
- BENEFICIO FAMILIAS NUMEROSAS
- FAMILIA
- CENTRO DE MAIORES
- II PLAN MUNICIPAL DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES PARA HOMES E MULLERES
- CONVOCATORIA DE AXUDAS
- LIGAZONS
- CONTACTO
- POLICÍA LOCAL
- PROTECCIÓN CIVIL
- URBANISMO
- TURISMO
- PRESENTACIÓN
- RUTAS TURÍSTICAS
- SENDA DOS ANLLÓNS
- SENDEIROS POR CABANA
- PERSOEIROS
- ROMARÍAS
- PRAIAS
- GUÍA DE HOSTALARÍA
- PATRIMONIO
- HISTORIA
- PUBLICACIÓNS
- SERVIZOS PÚBLICOS
- CONTRATACIÓN
- PERFIL DO CONTRATANTE
- SELECCIÓN DE PERSOAL
- CONTRATOS MENORES
- NOVAS
- CONTACTO
CUNDÍNS
Galego
MACHADO PULIDO DO NEOLÍTICO NA MARGARIDA
Na Margarida, no ano 1994, o familiar dunha alumna, María Torres, do colexio As Revoltas cando estaba traballando unha leira encontrou un machado biface pulimentado de pedra pertencente á época dos finais da cultura megalítica. Dataríase, polo tanto, contra os anos 3500 e 3000 a.C. Á falta de maiores datos, deduciuse que o machado formaría parte dun enxoval funerario. Os machados de pedra eran ferramentas coas que se realizaban tarefas artesanais ou domésticas, aínda que nese caso sería unha ofrenda á persoa que se encontraba enterrada.
IGREXA DE SAN PAIO DE CUNDÍNS
Éntrase no adro por unha cancela de fero coroada por dúas molduras-capiteis cadradas. Estes capiteis (Garea, 80) proveñen da desaparecida casa modernista Villa Fanny de Ponteceso de Cabana.
Posúe unha planta de salón, formada por unha capela maior cuadrangular e unha nave. Apegada ao muro norte da nave aparece unha capela lateral de planta cuadrangular e, xunto a ela, anexionada ao muro norte do presbiterio, está a sancristía.
A capela maior está cuberta cunha bóveda de crucería nervada, mentres que a capela lateral posúe unha bóveda de nervios estrelada, de catro claves. A cubrición da nave é de madeira.
Inicialmente, a finais do século XVI, construíuse neste lugar unha capela panteón que se coñece como capela da Virxe da Soidade, para posteriormente levar a cabo o que é hoxe a igrexa parroquial. Deste xeito, ambos corpos estaban separados por un enreixado. As construcións que chegaron ata nós pertencen ao primeiro barroco galego. A porta exterior presenta (Garea, 80) un frontón partido co escudo do Marqués de la Sierra. Na inscrición pódese ler JANUA COELI (Porta do Ceo).
No interior de San Paio destaca o retablo barroco que preside o altar maior. En canto á iconografía, nun oco do ático represéntase a decapitación de San Paio; no primeiro corpo, e á esquerda do espectador, hai unha imaxe de San Paio, e á dereita está situada a imaxe de San Pedro. Aínda que non pertencen ao retablo, colocáronse na mesa do altar as imaxes do Sagrado Corazón de Xesús e de San Isidro.
A porta da fachada está enmarcada por un arco de medio punto formado por grandes doelas. Este é (Lema Suárez, 1998 II: 643-70) a parte máis antiga da igrexa, o resto e a espadana son de finais do século XIX; o retablo maior é barroco.
CAPELA DE SAN MARCOS
En Cundíns (Otero Cebral, 43) existiu no pasado unha capela dedicada a San Marcos, hoxe desaparecida aínda que se sabe da súa existencia pola memoria oral dos veciños.
A ermida de San Marcos foi fundada en 1860 por Francisco Rodríguez de Soto. En 1749 xa tiña os seus bens “incultos e moi deteriorados” e en 1753 era unha “ermida ben indecente”. Quizais fose abandonada de modo definitivo tras a Desamortización de Mendizábal en 1834. Contra mediados do século XX aínda o gando se refuxiaba a carón dos seus muros. Consérvase aínda o resto toponímico baixo o apelativo do Monte de San Marcos. A pía bautismal trasladouse a unha casa próxima á parroquial de Anós. Tamén se comenta que o San Marcos barroco (último tercio XVIII) de San Cremenzo de Pazos (Zas) procede desta ermida cabanesa.
REITORAL DE CUNDÍNS
Á dereita do cruceiro, encóntrase a reitoral de Cundíns, que conta cun rústico cabazo de seis pares de pés. As ventás vixían a igrexa e o val da parroquia. Arredor da rectoral (Otero Cebral, 76) levantábase a Casa da Fábrica ou Casa de Beneficiencia, antano destinada ao servizo dos pobres e dos romeiros que acudían aquí cada 26 ou 29 de xuño.
CASA DE ENRIQUE SIEIRO
Á sombra dun carballo centenario encóntrase a casa de Enrique Sieiro, mestre xa falecido, natural de Codeseda (Pontevedra). A eira é circular. Onda ela, o pozo con caseta de pedra. En fronte á de Enrique, outra vivenda onde vivía Dédalo, un can de caza que morru con máis de 25 anos e que, como podemos comprobar polo seu nome, tiña apelativo de embarcación de guerra.
JOSÉ EIROA FONDO
José Eiroa Fondo naceu no Perico, parroquia de Cundins, o 14 de decembro de 1929 e faleceu no lugar de Pedrouzo, tamén en Cundíns, o 2 de abril de 2003. Coñecido popularmente como o Fotógrafo de Cundíns, prendeu o xerme da fotografía no servizo militar. Despois, co regreso á aldea natal, alugoulle unha cámara a Gervasio de Carballo e púxose a tirar fotografías por toda esta baixa. O oficio pronto deu algunhas rendas e encargou unha Leika de case un millón de pesetas daquel tempo, que lle sería enviada desde Alemaña.
Eiroa posuía unha verdadeira ollada de creador. Se mercaba unha cámara nova, as primeiras probas realizábaas cos seus fillos que se bañaban en tina de cinc a carón da cociña de ferro. Ademais, labores da aldea, pequenos detalles de cada día, festas, feiras, vodas, comuñóns e outros eventos sociais marcan a temática dun interesante mundo creativo aínda por descubrir para o gran público.
Nun principio desprazábase ás romarías da volta coa cámara ás costas e montado en bicicleta, vehículo que despois cambiou por unha moto Guzzi e máis tarde por varios coches Citroën. Nas romaxes, retrataba as merendas, sobre todo grupos de mozos e mozas que por entón ansiaban ter carteiras ateigadas de instantáneas daqueles que lle enchían o ollo.
Nos inicios, comercializaba as fotografías polas feiras da volta: Baio, Agualada e Anllóns. Alí, acudía coa maleta e abría un amplo abano de retratos en exposición que logo mercaban as persoas retratadas. Pagaban e levaban a instantánea en branco e negro con toda ledicia coma quen encontra un tesouro. Máis tarde, dispensaba o traballo desde a casa. Durante un tempo, colgou como reclamo no escaparate a fotografía dun mozo con dúas pombas pousadas nos ombreiros.
O seu traballo tampouco estivo afastado de contratempos. Cando na casa facía falta un pouco máis de diñeiro, o fotógrafo Eiroa botábase á emigración ou saía embarcado. Pero sempre, ó final, regresaba á verdadeira vocación de seu: ó mundo da fotografía.
Nunha ocasión, desprazouse a Anos para realizar fotografías de carné. Na hora do xantar, pousou a cámara enriba dunha mesa. Cando a quixo coller, roubáranlla. Quedou negro. ¡Cantos esforzos pasara para chegar a ela! Denunciou o caso. Por sorte, días despois, apareceu no Allo, enriba dunha pedra á beira da estrada. Tratárase dunha broma, aínda que demasiado pesada para un corazón tan humilde coma o del.
José Eiroa era un fotógrafo total. Abranguía todo o proceso fotográfico, desde o inicio ata o remate, desde o momento en que tiraba a fotografía, pasando polo revelado ata deixar a instantánea en mans do cliente. Pola contorna, foi dos poucos que revelaban en branco e negro. Aprendeu a técnica do revelado nos laboratorios de Foto Blanco da Coruña. A continuación, armouse do material necesario (ampliadora, líquidos, papel...) para realizar copias nun pequeno laboratorio construído ó lado do comedor da súa casa.
Debemos observar o traballo de José Eiroa Fondo, o Fotógrafo de Cundís, como testemuña imprescindible dun pasado en imaxes de Cabana de Bergantiños. Por dereito propio, cada fotografía súa converteuse en recanto de lembranzas dunha terra e dunhas xentes que habitaron estes confíns en pleno século XX.
MINA DE SAN LOTO
Nas minas de San Loto extraíase rutilo. Un dos seus traballadores, o señor Manuel Torrado do Outeiro (Anos), manifesta na entrevista (Eiroa Pose) que segue as formas de traballo na mesma:
“Hai 43 anos no lugar de San Loto (ano 1958) comézanse a traballar unhas minas. Este traballo durou dous anos. Levaban a empresa as seguintes persoas: Mourelle, Manolo de Xaquín e Lelo de Cacharro. Eles eran os xefes. Tiñamos unha barraca no San Loto, donde se gardaba o mineral e alí había un garda de noite para vixiar. O mineral obtido era o rutil. O rutil empregábase para obxectos de guerra (pistolas, balas?). Alí traballaban sobre 30 ou 40 persoas? ou algo máis? As ferramentas utilizadas eran o azadón, pala e pico. Traballábase da seguinte maneira. Facíase un canaleto por onde corría a auga. Mentras se ía picando, metíanse paladas no canaleto. O canaleto tiña auga impulsada por un chupón con motor e lavaba a terra e a pedra e no fondo do canaleto quedaba o mineral. Logo, recollíase o rutil do canaleto con caldeiros e levábase para a barraca, onde se almacenaba o mineral ata que uns camións o viñan recoller. Daquela, cobrábamos cinco pesos diarios, que xa se podía ir indo. Cando tiñamos rachas de moito mineral, os xefes facían comida e, entre nós, había unha grande caballada”
As minas de San Loto foron recollidas en verso pola poetisa de Neaño, María Baña Varela (2004: 89):
“Xa che buscamos traballo.
Vouche comprar unha moto,
léva-lo caldo na pota,
vas traballar a San Loto”.
CRUCEIRO DE CUNDÍNS
Encóntrase nunha área recreativa próxima á igrexa. Érguese nunha plataforma cadrada de catro escaleiras. O pedestal está encastrado na última escaleira. O varal é octogonal e remata nun capitel sinxelo e cadrado. A cruz aparece esculpida polas catro caras.
CRUCEIRO DO IGREXARIO
Combina materiais de formigón e granito. Ten dúas plataformas: unha de formigón para salvar a pendente do terreo e outra de granito de tres graos. O pedestal é cuadrangular e remata con chafráns. Ten mesa anexa. O varal é octogonal comezado e rematado en cadrado. O capitel é cuadrangular moldurado nel aparecen cabezas de anxos con ás. A cruz é cuadrangular, de brazos con chafráns e tamén cabezas de anxos con ás. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, ladea a cabeza á dereita, ten mans abertas, coroa de espiñas, cartela de INRI, pano de pureza atado á dereita, pousa os pés sobre unha caveira con tibias, enriba súa cabeza aparece a cara do Pai coma no cruceiro de San Fins, ós seus lados están a Virxe e San Xoán. No reverso, aparece unha Virxe orante coas mans xuntas.
BIBLIOGRAFÍA
Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña.
Lema Suárez, X. M., (1999), Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas), Asociación Neira.
Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995), Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso, Deputación da Coruña.
Varela Varela, X. M. (2005), No confín dos verdes castros, Cabana de Bergantiños