Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Cabana ocupa parte do fondo da ría de Corme e Laxe, dende Ponteceso ata o extremo oriental da praia de Laxe. A estrada comarcal 552, de A Coruña a Fisterra, toca o término municipal no seu extremo sur por A Piolla e Nantón.

   – De aquí parten cara Cabana e cara a costa de pintorescas, aínda que accidentadas vías. Máis cómodo, para chegar a Cabana dende a capital da provincia é tomar unha destas dúas opcións :

   – Desviarse en Carballo por Buño e Ponteceso (56 quilómetros desde A Coruña), ou ir ata Baio e de aquí por Borneiro (LC-430) a Cabana (72 quilómetros).

Dende Santiago o camiño máis directo é por Santa Comba, Zas e Baio. A distancia é de 55 quilómetros. Unha estrada moi pintoresca é a que bordea a costa da ría e pasa pola capital municipal. É a LC-430, y LC-431 de Ponteceso a Laxe. Outras pequenas vía, casi todas de percorrido interesante e pintoresco atravesan en varias direccións as terras do municipio.

Dolmen de Dombate

Dentro das características xerais das Rías Altas, ao municipio de Cabana correspóndelle a parte máis doce, pola súa posición no fondo da ría, non tendo nada que ver co aspecto rudo e temido da Costa da Morte.

Pódese dicir que Cabana, dentro da Terra de Bergantiños á que pertence, é un balcón sobre a ría de Corme e Laxe, e mira de lonxe a dita Costa da Morte. Pero ademais de ser un municipio costeiro, as terras de Cabana penetran considerablemente cara o interior, uns quince quilómetros hai a voo de paxaro entre as praias de San Pedro e Rebordelo e a aldea de Padrín ao sur do concello. A extensión de Cabana é de 99,8 quilómetros cadrados, cunha poboación total de 4.985 habitantes (censo de 2009), dos cales 2.459 son varóns e 2.526 mulleres.

Praia de San Pedro
Praia de Rebordelo

As principais fontes de riqueza son a pesca, a agricultura e a gandería. O solo é rico en minerais como o wolframio, rutilio, granito e pizarra. Hai indicios de explotacións romanas de cuarzo aurífero na parroquia de Corcoesto, que se intentou de novo traballar non hai moito tempo.

O nome do concello foi orixinariamente Cesullas, parroquia onde estaba a aldea de Cabana, capital municipal, antes de pasar a O Bosque. A Casa Consistorial atópase na actualidade na ribeira da ría no lugar de A Carballa.

O asentamento dunha importante poboación prehistórica está suficientemente probado pola abundancia de castros e mámoas en todo o termo municipal, sobre todo en Dombate e Borneiro.

Castro de Borneiro
Dolmen de Dombate

Os principais atractivos turísticos de Cabana son os que lle proporciona a súa paisaxe costeira, coas solitarias praias de San Pedro e Rebordelo, e a súa paisaxe interior, onde abundan os ríos troiteiros e a caza.

📲 Descubre o Castro de Borneiro

Leva a historia contigo cunha experiencia interactiva.
Descarga a APP oficial do castro escaneando este código QR dende o teu móbil.

QR APP Castro de Borneiro

Entre as populares festas de cada parroquia que se suceden case sen interrupción durante os meses do verán, chama a atención pola súa orixinalidade a de San Fins de Castro, en Cesullas, o día primeiro de agosto. Un dos actos máis típicos desta romaría é a queima dunha figura alegórica dun afiador en medio do campo, que os devotos denominan Santo da Pólvora.

Dende o punto de vista monumental destaca o Dolmen de Dombate e o castro de Borneiro, Tamén ten detalles interesantes as igrexas de Cánduas, Cesullas e Riobó; ademais da espectacular torre de A Penela, ao sur da parroquia de Silvarredonda. 

O Berro Seco San Fins do Castro. Foto ( La Voz de Galicia)

A ermida, na que destaca un pequeno rosetón de pedra, que debeu de formar parte dunha construción moito máis antiga, está enclavada nun lugar moi pintoresco, no medio dun bosque de abeneiros onde hai un bonito cruceiro. Nas inmediacións do templo hai unha fonte, á que atribúen poderes para facer desaparecer as verrugas.

Rutas, Romarías, Praias etc.

· RUTA 1. DE PONTECESO DE CABANA A FREXUFRE POLA CARBALLA
· RUTA 2. DA OUTRABANDA A CORCOESTOPOR BERES
· RUTA 3. DA OUTRABANDA Á MATA POLA PENELA
· RUTA 4. DA OUTRABANDA Á PEDRA POR CUNDÍNS
· RUTA 5. DE NEAÑO Á ERMIDA POR ANOS
· RUTA 6. DE NEAÑO ÁS TORRES DO ALLO POR CESULLAS
· RUTA 7. DAS AGRELAS Ó BRIÑO POR FONTEFRÍA
RUTA 8. DO VAO Ó CASTRO DE ANIDO POR CAMAFREITA