Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Saturnino Cuíñas Lois

SATURNINO CUÍÑAS LOIS

Cura de Cesullas e folclorista benemérito
Carballedo (Cotobade, Pontevedra), 21/12/1897 – Cesullas (Cabana de Bergantiños), 07/04/1978

Tras exercer como capelán da Condesa de Torre Penela de Carballo e da familia Figueroa en San Martiño de Horto (Abegondo), Saturnino Cuíñas Lois foi enviado como párroco a Santo Estevo de Cesullas, en substitución de Manuel López Porto. Presentouse en Cesullas o 10 de abril de 1931 acompañado pola súa nai Adelina e mais os seus irmáns Aurelio e María.

Desde a súa chegada, a parroquia colleu un forte dinamismo relixioso, festivo, social e mesmo en infraestruturas. Creou coros parroquiais, revitalizou as celebracións do Nadal e achegouse á mocidade organizando festas do catecismo. Foi unha figura clave para a construción da estrada de Neaño a Baio.

Como recoñecemento ao seu labor, o 17 de marzo de 1956 —coincidindo coas vodas de prata como párroco— o Concello de Cabana de Bergantiños nomeouno fillo adoptivo. Durante o acto descubriuse unha placa de mármore na igrexa de Santo Estevo.

Saturnino Cuíñas exerceu o seu ministerio ata pouco antes do seu falecemento, o 7 de abril de 1978. O seu pasamento converteuse nun importante acontecemento social en toda a comarca de Bergantiños, con presenza de veciñanza dos concellos limítrofes e da corporación municipal ao completo. O funeral foi oficiado polo arcebispo de Santiago de Compostela, Ángel Suquía. Foi soterrado no cemiterio parroquial de Cesullas.

Cinco anos máis tarde, o 21 de agosto de 1983, o Concello de Cabana de Bergantiños realizou unha homenaxe póstuma e nomeouno fillo predilecto. Os actos culturais contaron coa participación das corais Coral de Bergantiños, Toxos e Flores de Ferrol, Follas Novas, Lembranza, e Cántigas da Terra da Coruña; o grupo folc Marea Baixa de Carballo; os grupos folclóricos da Asociación Cultural Río Anllóns de Ponteceso e do CEIP As Revoltas de Cabana; e o humorista O Xestal, que fixo rir aos asistentes cos seus chistes e cantou por primeira vez en público acompañado por Xosé Manuel Eirís, quen tocou unha zanfoña pertencente a Saturnino Cuíñas. Como peche, Andrés Rei dirixiu a interpretación do famoso Berro Seco.

Tamén se descubriu unha placa conmemorativa na fachada da ermida de San Fins.

Saturnino Cuíñas e o San Fins do Castro

A romaría do San Fins do Castro, festa patronal por excelencia de Cabana de Bergantiños, é filla espiritual de Saturnino Cuíñas. El dotouna de elementos singulares e únicos que a distinguen doutras romarías galegas, marcando un antes e un despois na súa identidade e celebración.

Saturnino Cuíñas naceu con alma de músico. Desde a súa infancia, rodeado de bailadores e gaiteiros, tomou compromiso de rescatar a memoria musical de Galicia. Así, a súa memoria prodixiosa foi quen de conservar coplas e cantos do seu Cotobade natal, como tamén melodías Cabana, Ponteceso, Carnota, Corcoesto, Cambados. Todo ese legado folclórico, retido na súa cabeza, foille cedido, sen nada a cambio, a toda persoa que se achegase a el.

De todos modos, sería a agrupación coruñesa Cántigas da Terra, grazas á amizade co seu director, Adolfo Anta Seoane, quen tivo a fortuna de recoller no seu arquivo musical todo o traballo de recolleita desenvolto por Cuíñas ó longo de toda a súa vida. Entre a obra recollida están as foliadas de Augasantas, de Bora, de Vilaxoán, de Corocoesto, de Trabazo ou de Corcoesto. Ou as pandeiradas de Cesullas, de Ponteceso, de Loureiro ou de Carnota. E tamén os alalás de Cerdedo, de Santo Ourente
ou de Carballedo. Cantos de aninovo, de berce e de canteiros enriquecen o legado.

Ademais de compilador de música tradicional, Saturnino Cuíñas foi un excelente músico tradicional. Chegou a dominar instrumentos como a gaita, a pandeireta, o bombo, a bandurria, o harmonio e a zanfoña. Na súa época, xunto con Faustino Santaelices, foi unha das poucas persoas de Galicia que interpretaba a zanfoña. Unha das súas históricas zanfoñas foille entregada a Cántigas da Terra o 1 de agosto de 1945 na romaría de San Fins. Despois, Cántigas interpretaría con ela cantos de cego por distintos escenarios do país.


Como mérito polo seu labor folclórico, a Real Academia Nosa Señora do Rosario concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. Os actos de entrega tiveron lugar o 24 de agosto de 1954 na Casa da Cultura da Coruña. En xornada de tarde, na Praza de Touros da cidade herculina celebrouse unha festa folclórica coa participación das agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago, Follas Novas, Aturuxo e a Masa Coral da Fábrica de Tabacos da Coruña.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *