R-3. Ruta do Rego dos Muiños
R-3. Ruta do Rego dos Muíños
Panel 1: Ruta do Rego dos Muíños (R-3)
Tipo de percorrido: Lineal
Lugar de inicio: Aparcadoiro do Lodeiro (inicio da Senda do Anllóns)
Lugar de chegada: Castro A Cidá de Borneiro
Lonxitude: 3,5 km
Duración aproximada (ida e volta): 2 horas
Dificultade: Baixa
Esta ruta comeza no Lodeiro (Canduas), punto de inicio e remate da Senda do Anllóns, e finaliza no castro A Cidá de Borneiro.
No pasado, o Rego dos Muíños ou do Roncadoiro foi un importante recurso económico aproveitado polos habitantes das parroquias de Canduas e Borneiro. Como vestixio deste uso tradicional, ao longo dos seus 3 km de percorrido aínda se conserva un destacado conxunto etnográfico composto por 24 muíños. Desde as abas do castro ata as beiras da enseada da Insua, a auga descende en fervenzas cunha forza suficiente para mover os rodicios destes fermosos exemplos da arquitectura popular vinculada á produción do pan.
O nome do regato provén do “roncar” da auga ao baixar con forza: o característico son que se escoita ó longo do seu percorrido.
Os muíños son pequenas construcións de pedra nas que o gran (millo ou trigo) se moe por medio dun sistema de rotación activado pola forza da auga. Hoxe, coa transformación do mundo rural, a maioría destes muíños atópanse abandonados, mais aínda se conserva algún en bo estado e preparado para realizar a súa antiga función de moenda.
Lista de muíños do Rego dos Muíños
- Muíño de Taboído
- Muíño Novo
- Muíño da Cancela
- Muíño do Ferreiro
- Muíño dos Corteduiros
- Muíño da Brañeira
- Muíño de Tras dos Ríos
- Muíño do Mouzo
- Muíño das Bellotas
- Muíño do Loureiro
- Muíño do Marroco
- Muíño Vello
- Muíño de Jorge e Plaia
- Muíño do Leiro
- Muíño do Vidreiro
- Muíño de Generosa
- Muíño do Chaparro
- Muíño da Cotareda ou Daniel
- Muíño de Motas da Fontefría
- Muíño de Agustín e Miranda
- Muíño de Rei
PANEL 2: XAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ E OS MUÍÑOS DO RONCADUIRO
Coincidindo co inicio das escavacións arqueolóxicas no castro A Cidá de Borneiro na década de 1930, un mozo do Seminario de Estudos Galegos chamado Xaquín Lorenzo Fernández, coñecido como Xocas, aproveitou a súa estadía en Cabana de Bergantiños para compilar documentación que máis tarde publicaría co título Notas etnográficas da parroquia de Borneiro. Nela, ademais de describir numerosos elementos etnográficos da zona, realiza un estudo detallado das arquitecturas do pan e dos muíños do Roncadoiro. Estas son as súas palabras:
“A auga, ó saír dun muíño, entra xa no cubo doutro, aproveitándose así todos os sitios para instalar estes. A consecuencia da inclinación do leito do regato, a auga leva moita forza, o que motivou a introdución dunha peza característica: a pa. Despois dunha curta canle, a auga entra no cubo, que ten unha inclinación duns 60º. Pode ser de madeira ou de pedra.
No primeiro caso, emprégase un tronco de árbore partido pola metade, escavado en ambas partes e logo unido con aros de ferro. No segundo, fanse dúas canles na pedra que logo se ensamblan e aseguran con grampas metálicas. En ambos casos, o cubo conta ao comezo cunha reixa de ferro, chamada gradisenla, que impide o paso de follas e ramas que poderían obstruír o eixe.
Cando o muíño está parado, péchase a saída da auga coa pa para evitar que a súa forza rompa o rodicio. Todos os muíños de Borneiro son de herdeiros, non existindo ningún destinado á moenda mediante pagamento.
A disposición do mecanismo varía pouco respecto a outros lugares. A capa e o pé están ao aire e, para evitar que a fariña se espalle, colócanse unhas táboas arredor formando unha caixa. A abundancia de pedra pizarrosa fai que tamén se empregue no tellado dos muíños, sostido por trabes que soportan as laxas que os protexen da intemperie […]”
PANEL 3: PATRIMONIO, NATUREZA E TRADICIÓN ORAL NO REGO DOS MUÍÑOS
1. CRUZ DO RONCADOIRO (DESAPARECIDA)
A cruz viradoira do Roncadoiro está hoxe desaparecida. Por fortuna, coñecemos a súa existencia e forma grazas a un debuxo e texto de Daniel R. Castelao incluído en As cruces de pedra na Galiza:
“Esta cruz é xiradoira e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun monumento antigo, quizais refeito máis tarde. Pola súa condición xiradoira, o pobo atribúelle virtudes milagreiras.”
Nesta parroquia cabanesa consérvanse outras dúas cruces viradoiras: unha camiño do lugar de Borneiro e outra en Vilaseco.
2. CRUCES GRAVADAS NAS PORTAS DOS MUÍÑOS
Moitas veces, os marcos das portas dos muíños presentan cruces gravadas na pedra. A súa función era impedir a entrada do demo e protexer o muíño de todo mal. Estes símbolos cristianizaban e salvagardaban tanto o lugar como ao muiñeiro.
3. TREVISCO (Daphne gnidium)
Arbusto de propiedades purgantes e tóxicas, con follas e cortiza velenosas. O seu froito é unha atractiva baga vermella tamén velenosa. Os veciños de Borneiro recollían trobisco do Roncadoiro para matar os piollos do gando. Tamén se utilizaba en rituais para afastar o mal do aire.
4. CANTIGAS POPULARES
Nas Notas etnográficas da parroquia de Borneiro, o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, Xocas, recolleu cantigas da tradición oral cabanesa, nadas arredor dos muíños, lugares de encontro onde os veciños, mentres agardaban a súa quenda de moenda, contaban contos, bailaban muiñeiras ou cantaban versos como estes:
O muíño no é muíño,
que é a capela dos ratos,
onde se daban os bicos
e mailos moitos abrazos.Mui muíño, mui muíño,
bótame a fariña fóra,
que a filla da muiñeira
ten un andar que namora.Fun ó muíño con Paula,
fun ó muíño con ela;
fun ó muíño con Paula,
fun en paz e vin en guerra.No muíño onde eu moio
tamén moi unha señora;
chégalle o gran, queridiña,
chégalle o gran que non roia.
0 Comments