Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

María Baña Varela

MARÍA BAÑA VARELA

Poetisa popular
Vilariño, 10 de xaneiro de 1906 – Neaño, data de pasamento descoñecida

Aínda que naceu nos Casais de Vilariño o 10 de xaneiro de 1906, a poetisa popular María Baña Varela botou raíces no lugar de Neaño. Alí fundou a súa casa familiar xunto ao seu home, Xusto Cousillas Castro.

Desde nena, as ocupacións como muller labrega impedíronlle ir á escola, polo que a escrita era para ela un territorio vedado. Non obstante, a súa mente non deixaba de compoñer versos, que gardaba na memoria con absoluta claridade. Nunha ocasión chegou a declarar nun medio de comunicación comarcal que ela “pensaba en copla”.

Co paso do tempo aprendeu, mal que ben, a escribir, para así poder deixar por escrito os poemas que tiña gardados na cabeza. Calquera tipo de folla servíalle para transcribir os seus versos. A súa propia vida, a da súa familia e a dos seus veciños —ás veces en ton serio, outras con retranca e humor— son os eixos temáticos principais da súa obra.

En 1998, o Concello de Cabana de Bergantiños publicou postumamente a súa obra inédita e instituiu o Certame de Poesía para a Xuventude María Baña, como homenaxe á súa figura.

María Baña, xunto con Asunción Antelo e Hermosinda de Tabuído, conforma a tríada de poetisas populares cabanesas que non tiveron vergoña de seren mulleres escritoras, elevando a voz feminina desde o rural galego a través da poesía.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *