Manuel Lema Otero
MANUEL LEMA OTERO
Pintor naif e inventor
Borneiro (Cabana de Bergantiños), 04/06/1916 – 06/08/1991
Manuel Lema Otero é, sen dúbida, a figura máis singular da parroquia cabanesa de Borneiro. Destacou por ser un home polifacético: labrador, carpinteiro-encofrador, emigrante, pintor, inventor, vendedor de pitos e pensos, e mesmo escavador no castro A Cidá. Coñecido tamén polos alcumes de Manuel do Monte ou o Home dos Pitos, foi o pintor e inventor máis recoñecido de todo o concello de Cabana de Bergantiños.

Poucos coñecían a súa faceta como artista ata que, no ano 1981, acadou o primeiro premio no Concurso de Arte Naif convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, cunha dotación de 200.000 pesetas. Tiña daquela 65 anos. Presentáranse 575 obras, e Lema Otero resultou gañador coa pintura “La Batalla del Ebro”, ademais de colocar outras dúas entre as finalistas. O xurado, no que estaba Juan Antonio Vallejo-Nájera, destacou que o cadro estaría “entre os 12 mellores naïf de España”, cualificándoo como “orixinal e libre na súa exposición”.
Como recoñecemento, o Concello de Cabana rendeulle unha homenaxe en febreiro de 1982. A partir dese momento, comezou a súa etapa expositiva: participou en mostras colectivas na Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago, e organizou exposicións individuais en Ponteceso, Vimianzo, Negreira, Baio, O Couto ou Cabana. Impartiu conferencias sobre a súa obra en Vimianzo e Cabana, e moitos dos seus cadros forman parte hoxe de coleccións privadas en Laxe, Baio, A Coruña e incluso en Suíza.

Pintaba polas noites, logo dunha dura xornada no campo, nun galpón da súa casa. A súa afección pola pintura nacera xa de neno, cando pedía insistentemente lapis e papel para debuxar barcos, casas, persoas ou animais.
A súa obra ten un marcado carácter autobiográfico: representa escenas da Guerra Civil, do seu traballo como encofrador ou da súa participación nas escavacións arqueolóxicas da Cidá. Moitas das súas pinturas teñen un fondo didáctico e de denuncia social, tratando temas como o alcoholismo ou a falta de valores da mocidade. Tamén abondan os temas relixiosos e as paisaxes locais, elementos que conforman un universo creativo propio.

Outra das súas facetas foi a de inventor. Xa de cativo, fabricaba aparellos cos seus amigos. Entre os primeiros inventos destaca un sistema para obter metano a partir de esterco. Co tempo deseñou o “libro das quinielas”, xoguetes articulados, moldes para capiteis, termómetros para fornos, sistemas de alarmas contraincendios e unha bomba de auga sen consumo enerxético.
Os seus inventos máis populares, polos que obtivo patente, foron a tella plana e a incubadora de pitos. Este último invento proporcionoulle sustento durante anos, xa que criaba e vendía polos por toda a Costa da Morte. De aí vén o alcume polo que moitos o coñeceron: o Home dos Pitos.
0 Comments