José María Álvarez
JOSÉ MARÍA ÁLVAREZ
Músico e director de bandas
Músico e director de banda
Corme Aldea, Corme (Ponteceso), 28/12/1905 – Neaño, Cesullas (Cabana de Bergantiños), 01/05/1977
No lugar natal de José María Álvarez Canto, Corme Aldea, en cada casa había polo menos un músico de banda. Na súa familia non foi diferente, pois pertencía a unha estirpe musical que se transmitía de xeración en xeración. Desde pequeno, estivo vencellado á música: con tan só seis anos, xa acompañaba as procesións das festas locais tocando un tamboriño coa Banda de Corme.
Conta a anécdota que un día, canso de camiñar polas procesións, sentou nun curral, e seu pai díxolle:
«Levántate, que che arreo unha patada no cu.»
A música, aprendida primeiro de oído e logo mediante solfexo, acompañouno toda a vida. Incluso durante o servizo militar, exerceu como corneta de El-Rei. Foi músico e director da Banda de Corme, e máis adiante dirixiu outra banda en Coristanco, onde tamén fundou unha orquestra.

Do seu paso como mestre musical pola terra da pataca, quedan versos como estes da poetisa Asunción Antelo Suárez, a Rexubeira de Bergantiños:
Sentía ensaiar os músicos
cando ía pra Carballo:
eran os Soanes da Miñata
e os Naias de Carantos.
Posteriormente, instalouse en Neaño, onde mercou unha taberna-casa de comidas. Alí fixo vida definitiva en Cabana de Bergantiños, onde entablou amizade co crego e folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Desa relación naceu o Himno a San Fins do Castro, con letra e música de Cuíñas e arranxo para banda realizado por José María.
A súa veciña, a poetisa María Baña Varela, inmortalizouno na literatura popular a través destes versos, recordando a súa presenza e a dos seus músicos na romaría de Santa Margarida de Baneira (Corcoesto):
E estaba José María,
dirixindo na orquestra,
tocando no pasodobre,
que era a alegría da festa.
E estaba José María, dirixindo na orquestra, tocando no pasodobre, que era a alegría da festa.

José María Álvarez foi un dos grandes referentes musicais da Costa da Morte como músico polifacético e director de bandas. Dominaba todos os instrumentos de percusión e vento, compoñía música para todos os compoñentes dunha banda e era un verdadeiro mestre do acordeón.
Aprendeu a tocar este instrumento en Corme, cun pequeno acordeón de botóns. Máis tarde, chegaron ás súas mans varios acordeóns piano, uns comprados en Ferrol cos cartos prestados pola súa nai, e outros recibidos como agasallo da súa dona.
En Neaño, unha vez deixada a dirección das bandas de música, comezou a impartir clases de acordeón. Entre os seus alumnos destacaron Jacinto de Borneiro e Manolo de Ovidio. Ademais, foi o alma das tardes de baile no salón do Burreiro, onde tocaba o acordeón acompañado por Lelo de Pedra Cuca á batería e Anselmo Cousillas ó clarinete, que “o facía falar”.
0 Comments