Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

JOSÉ EIROA FONDO

Fotógrafo
O Perico. Cundíns (Cabana de Bergantiños), 14/12/1929 – Pedrouzo. Cundíns, 02/04/2003

En José Eiroa Fondo, coñecido popularmente como o Fotógrafo de Cundíns, prendeu o xerme da fotografía durante o servizo militar. Ó regresar á súa aldea natal, alugoulle unha cámara a Gervasio de Carballo e comezou a tirar fotografías por toda a comarca. O oficio comezou axiña a dar froitos, polo que encargou unha cámara Leica, valorada en case un millón de pesetas da época, que lle foi enviada desde Alemaña.

Eiroa posuía unha verdadeira ollada de creador. Se mercaba unha cámara nova, as primeiras probas facíaas cos seus fillos, que se bañaban nunha tina de cinc xunto á cociña de ferro. Os labores da aldea, os pequenos detalles do día a día, festas, feiras, vodas, comuñóns e eventos sociais encheron a temática dun mundo creativo aínda por descubrir para o gran público.

Nun principio desprazábase ás romarías coa cámara ás costas e montado en bicicleta, que logo cambiaría por unha moto Guzzi e posteriormente por varios Citroën. Nas festas retrataba merendas e, sobre todo, grupos de mozos e mozas que querían gardar instantáneas daqueles momentos.

Nos primeiros anos, vendía as fotografías polas feiras da zona: Baio, Agualada e Anllóns. Alí abría a súa maleta e expoñía os retratos, que as persoas mercaban coa mesma ledicia que se descubre un tesouro. Máis adiante, entregaba os traballos desde a súa casa. Durante un tempo, incluso colgou no escaparate unha fotografía dun mozo con dúas pombas pousadas nos ombreiros como reclamo.

A súa traxectoria tamén estivo marcada por momentos difíciles. Cando na casa facía falta máis diñeiro, Eiroa emigraba ou embarcábase, pero sempre regresaba á súa verdadeira paixón: a fotografía.

Nunha ocasión, desprazouse a Anos para facer fotos de carné. Na hora do xantar, deixou a cámara enriba dunha mesa, e cando volveu, xa non estaba. Denunciou o roubo e, por sorte, días despois apareceu en O Allo, enriba dunha pedra á beira da estrada. Fora unha broma pesada, que afectou fondamente a un home tan humilde como el.

José Eiroa era un fotógrafo total, que abarcaba todo o proceso fotográfico: desde tirar a foto ata o revelado e entrega final ao cliente. Foi dos poucos na contorna que revelaban en branco e negro, técnica que aprendeu nos laboratorios de Foto Blanco da Coruña. Montou un pequeno laboratorio na súa casa, equipado con ampliadora, líquidos e papel, onde fixo milleiros de copias.

O traballo de José Eiroa Fondo, o Fotógrafo de Cundíns, é unha testemuña imprescindible dun pasado en imaxes de Cabana de Bergantiños. Por dereito propio, cada unha das súas fotografías converteuse nun recuncho de lembranzas dunha terra e dunhas xentes que habitaron estes confíns no pleno século XX.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *