Hermosinda Varela Lema
HERMOSINDA VARELA LEMA
Poetisa popular
Tabuído, Canduas (Cabana de Bergantiños), 1914 – 26 de febreiro de 1989

A poetisa popular Hermosinda Varela Lema naceu nunha casa forte de labradores. Cóntase que desde Rebordelo ata a súa casa natal todo eran propiedades da familia. A facenda incluía vacas, cabalos, varias parellas de bois e gando miúdo. Nun vello reparto da herdanza, mesmo se entregou como dote unha parella de bois para Portugal. Por tanto, Hermosinda naceu e criouse labrega nunha paraxe cabanesa inesquecible, ás beiras onde o río Anllóns rende os seus últimos alentos: Tabuído.
Muller profundamente relixiosa, nunca perdía a misa, mesmo interrompendo calquera labor no agro para acudir á igrexa con puntualidade. Esta devoción está presente na súa obra poética, con composicións dedicadas á Virxe, á chegada de novos cregos ou ás súas experiencias persoais, como unha excursión á Virxe de Fátima, en Portugal.

Natural dunha terra con forte tradición poética e formada nunha escola rural, Hermosinda xa compoñía coplas dende moza. Escribía versos para veciñas, rapaces que llos levaban á escola, ou mesmo para o seu xenro. A construción das escolas das Revoltas tamén pasou pola súa pluma. Esta forza creativa estivo viva ata o día do seu pasamento.
Xunto con figuras como María Baña Varela, Hermosinda representa a pervivencia da literatura oral e popular nas aldeas galegas. Como mostra do seu estilo, compartimos estes versos inéditos, onde conta á súa maneira a historia da parroquia:
Vou contar unha historia
aquí con poucas palabras:
o que antiguamente era
a nosa parroquia de Canduas.
Había un convento de monxas
disque no lugar de San Pedro.
Eu esto xa non o vin,
pero díxomo o meu abuelo.
Despois marcharon de alí,
eu non sei pra que lugar;
disque lle iban facer guerra
os mariñeiros do mar.
E despois aquí en Canduas,
segundo algún vello dixo,
era un convento de frailes,
chamábase San Martiño.
Os frailes de aquí marcharon
e non sei para que sitio;
así lle quedou o nome:
parroquia de San Martiño.
Esta historia é pequena,
ten moi poucas palabras.
A parroquia de Borneiro
disque era anexo de Canduas.
Estas cousas de tan vello
saberano dous ou tres,
que tamén era de Canduas
o lugar de Valarés.
Unha vez viñan cun morto
a Canduas a enterrar,
como non había ponte
na Barra, caeu ó mar.
Ó pasarlle esta avería,
por se morrería outro,
ordenaron que o lugar
fora pra parroquia do Couto.
Antes Canduas era pequeno,
segundo dixo un estudante,
pero como todo aumentou,
hoxe é unha parroquia grande.
0 Comments