O ESTO

Galego

 

CASTRO DE BERES

Coma o castro do Piñeiro de Anos, ten croa circular duns 55 m de diámetro. Esta croa estaba rodeada por un parapeto duns 4-6 m de alto que foi arrasado durante as tarefas agrícolas. En dirección Norte e Noroeste, obsérvase un antecastro tamén bastante alterado polos traballos agrícolas. Os niveis habitacionais do castro poden conservarse en bo estado.

Desde el gozamos dunha boa panorámica da contorna. Cara ao norte, ollamos o cume do monte Neme, e cara ao oeste o monte Faro de Brantuas. Segundo Rodríguez Casal (1975: 122) este castro tiña un cuncheiro, coma o de San Fins do Castro e A Cidá de Borneiro. A lenda (Casal, 1975: 122) cóntanos que nas vésperas de San Xoán sae unha galiña negra con pitos; e tamén que os mouros sacan as mulas a beber a unha revolta do río. En 1928, o castro de Beres foi escavado polo enxeñeiro Adelino de Faría Rodríguez; durante a súa actuación encontrou restos de cerámica elaborada con lousa moída. O castro de Beres tamén foi un espazo poético para Eduardo Pondal; neste recinto castrelo, Temunde, a fada do vento, logra a visión do irmanamento entre os guerreiros galegos e portugueses.

A lenda que recolleu Otero Cebral (35) di que os antepasados contan que no castro se atopaba soterrada unha relucente cadeira de ouro da que ninguén nunca soubo dar fe.

 

 

 

IGREXA DE SAN XOÁN DO ESTO

Trátase dunha igrexa de estilo barroco situada nun lugar solitario, entre as parroquias de Anllóns e Silvarredonda. No seu espazo relixioso exterior atópase o cemiterio parroquial.

A construción consta dunha planta de salón, conformada por un presbiterio e unha única nave. A ábsida é cadrada e móstrase cuberta por unha bóveda de canón, realizada en pedra, que se sustenta por medio de arcos perpiaños. A sancristía está apegada ao muro norte do presbiterio, ao que ten acceso por unha porta interior, e a súa cubrición levouse a cabo, igualmente, cunha bóveda. A estrutura da cuberta é a dúas augas, de tella curva do país.

O interior de San Xoán presenta uns muros revocados e caleados, con excepción da bóveda do presbiterio e a arcada que conforma a totalidade do conxunto. En canto á ornamentación interior, cabe destacar o retablo do altar maior, que posúe unhas características marcadamente barrocas.

A fachada principal posúe o característico sistema pentagonal que se repite na maioría das igrexas desta zona; así, sobre un imaxinario eixo vertical, sobrepóñense unha porta rectangular –enmarcada con cantería-, unha pequena fiestra e unha espadana realizada en formigón, na que se abren dous ocos para as campás. Os muros exteriores presentan un revoque de cal, agás os esquinarios con cachotería e linteis de portas e fiestras. 

 

 

 

 

 

 

 

 

ANXO COUSILLAS

Anxo Cousillas Bermúdez, nado no 1961 na parroquia de O Esto defínese a si mesmo como artista vocacional e autodidacta. Con formación en materia de debuxo, modelado e talla pola Escola Mestre Máteo, oscila entre a madeira e a pedra para a meirande parte das súas cracións, nas que en ocacións tamén incorpora vidro ou diversos metais.

Participou en numerosas exposicións, tanto no eido comarcal (Castelo de Vimianzo ou Centro Cultural de Ponteceso), coma a nivel nacional (Palacio de Congresos de Zaragoza ou a Casa de Galicia de Madrid). Varias das súas obras atópanse expostas en espazos públicos en localidades coma Laxe, Ponteceso, Carballo, Ribadeo ou Pobra de Trives.

Neste caso podemos observar unha escultura do autor do Santiago peregrino, que podemos distinguir grazas ao seu sombreiro, ás súas vestimentas e o bastón coa cabaza. 

 

 

 

 

 

CRUCEIRO DO CAMPO DA FESTA

Está construído en granito. A plataforma é cuadrangular de tres graos. O pedestal é cuadrangular e ten mesa adosada. O varal é octogonal e comeza cadrado. O capitel é cilíndrico, remata cadrado e é moldurado. A cruz é rectangular de brazos con media cana. No anverso, aparece Cristo crucificado con tres cravos, cabeza ladeada á dereita, mans abertas, coroa de espiñas e pano de pureza atado á dereita. Ós lados aparecen a Virxe e San Xoán. O reverso carece de imaxe.

 

CRUCEIRO SAMPIL

Construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é circular. O varal é octogonal. O capitel é cuadrangular moldurado e con caras. A cruz é octogonal. No anverso, aparece Cristo crucificado con tres cravos, cabeza ergueita, con mans abertas, coroa de espiñas, pano de pureza sen atar e cartela de INRI. O reverso carece de imaxe.

 

CRUCEIRO DA PARROCHA

Levántase nunha antiga encrucillada de corredoiras. O seu varal é de cemento, capitel con querubíns e follas; Cristo no anverso, Virxe en actitude orante no reverso; pedestal encastrado na plataforma.

 

PUBLICACIÓNS 

Ciprianillo de Beres
O Ciprianillo de Beres trátase dun manuscrito de mediados do século XIX realizado por Rafael Ares y Torres, un cura erudito que exerceu na parroquia de Pazos (Ponteceso). O párroco comezaría arredor do 1845 a súa labor, prolongado ata o 1880. Así, recollería moita información acerca da cultura popular de todo Bergantiños.

En Galicia, Asturias e Portugal acadou gran éxito o Libro de San Cipriano, ou Ciprianillo, polas súas listas de tesouros e rituais para retirar os feitizos que protexían os tesouros das mouras e meigas, escondidos nos castros ou mámoas. En esencia un ciprianillo é un grimorio, un libro de maxia e ocultismo que recolle as oracións e rituais cristiás para enfrontarse ao demo. O ciprianillo foi amplamente coñecido a finais do XIX circulando de diferentes formas, engadindo e modificando fragmentos. Así, as súas orixes poderían remontarse ao século XVII. 

A obra foi recollida e investigada por Juan Félix Neira Pérez e publicada, no 2023, a obra Misterios e encantos de Bergantiños. O ouro soñado e outras quimeras

 

BIBLIOGRAFÍA

Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña.

Lema Suárez, X. M., (1999), Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas), Asociación Neira.

Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995), Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso, Deputación da Coruña.

Varela Varela, X. M. (2005), No confín dos verdes castros, Cabana de Bergantiños