BORNEIRO

Galego

 

CASTRO OU CASTELO DE BORNEIRO

Foi recoñecido en 1984 pola arqueóloga Ana Mª. Romero Masiá. É un asentamento fortificado da Idade do Ferro ou mesmo Medieval construído no alto dunha floración granítica dos montes de Borneiro. A croa é de tipo ovoidal de 95 x 60 m. Delimítase por un terraplén natural de abundantes afloracións rochosas; os febles vans destas floracións foron pechados por grandes bloques de pedra. A croa circúndase de dous antecastros cara o Sur, Leste e Oeste que fortalecen o sistema defensivo. Posúe un excelente estado de conservación e aínda se poden ver partes da muralla que delimitaba algún dos antecastros.

 

A CIDÁ DE BORNEIRO

Coñecido como “A Cibdá” (cidade en castelán antigo), é un dos castros máis antigos de Galicia e foi o primeiro que contou cunha datación científica co método do C-14. Estivo habitado entre os séculos VI a. C. e o I d.C. e parece que a vida desapareceu dun modo lento, non repentino, a xulgar polo tipo, estado e localización dos materiais.

Descuberto en 1924 por Parga Pondal e Pérez Bustamante, este castro comezouse a escavar nos anos 30 por parte de S. González García-Paz. Estes traballos duraron pouco tempo e volvéronse reanudar nos anos 70 con J.J. Eiroa, sendo a partir do ano 1980 cando se inicie a terceira e máis longa etapa de traballos arqueolóxicos (11 anos) dirixidos por Ana Romero Masiá.

Xunto coa actividade metalúrxica, os habitantes do castro vivían da agricultura (cereais, legumes...) e da gandaría (vacas, cabalos, porcos, ovellas...). Quizais tamén se practicaba a caza e a recolleita de froitos xunto coa pesca e o marisqueo, debido ós restos atopados (cunchas, ósos, ferramentas, etc.) e á relativa presencia do mar.

Os materiais que se atoparon foron depositados, na súa mayoría, no Museo Arqueológico e Histórico “Castelo de San Antón”. Poden ser agrupados en catro conxuntos. 

  • Orgánicos: só atopamos os denominados "concheiros" en varios puntos do xacemento. Son unha especie de vertedoiros de cunchas de mariscos mesturados con espiñas de peixe.
  • Metálicos: en bronce (cobre+estaño+chumbo) apareceron agullas, aneis, doas de colar, fragmentos de vasillas e caldeiros, conteiras (remates para as fundas de coiro dos puñais), empuñaduras de puñais de antenas, fíbulas (prendendores da roupa), láminas decoradas, etc. En ferro son menos numerosos e relacionados case todos coa actividade doméstica, agrícola ou metalúrxica: follas de coitelos ou puñais, fouces, ciceis, picos e fragmentos difíciles de identificar.
  • Cerámicos: os máis abundantes, con miles de fragmentos por campaña de escavación. Teñen formas (pratos, cuncas, olas, xerras...) e decoracións (imitan cestos, pezas metálicas...) moi variadas. Tamén se atoparon moldes e crisois de fundición así como fusaiolas ou fichas de xogo.
  • En pedra: abundan os muíños de man e as pedras de afiar. Tamén apareceron restos de moldes de fundición de metais, pezas de adorno persoal (doas de pasta vítrea), fusaiolas (pezas que fan tope nos fusos) e un machado pulido de tipoloxía neolítica.

Por outra banda, a Cidá de Borneiro estaría habitada por un conxunto de familias no que se pode deducir que os homes disporían dos bens mobles (gando, botíns de guerra, xoias) e as mulleres dos inmobles ( a propiedade e usufructo da terra) herdados por liña materna. De xefes guerreiros que dirixiran o pobo non se pode falar, só se sabe que se respectaba o rango e a idade das persoas. Quizais os homes posuísen o poder, tanto a nivel familiar como político, pero sempre temos que pensar na igualdade que parecen demostrar os restos arqueolóxicos.

Na actualidade, a Cidá de Borneiro presenta escavadas as tres cuartas partes da superficie da croa e un total de 36 construccións estendidas por toda a ladeira do monte. A acrópole, de forma case oval, mide 90 m. en dirección norte-sur e 55 m. en sentido transversal de leste a oeste. Está rodeada por un foxo e dous muros defensivos en todo o seu perímetro, excepto no lado leste onde só hai un ó actuar a propia pendente do terreo como defensa natural. Desde o castro, a 212 m. de altitude, poderíase controlar o territorio que o rodea, sobre todo a desembocadura do río Anllóns e a Ría de Corme e Laxe.

As construccións atopadas no interior da croa de Borneiro son todas de tipo doméstico e a planta predominante é a redondeada. Non todas deberon funcionar como vivendas; algunha, polo tipo de pedra dos muros, de materiais atopados no seu interior, dimensións, etc. debían funcionar como anexos ou dependencias. En moitas delas atopáronse os fogares orixinarios, pero non se conservan os restos orgánicos (poste central, teito de palla e madeira...) debido, sobre todo, á acidez característica do chan galego. Isto impide coñecer moitos datos sobre os bens materiais e mobles ó desapareceren na súa maioría.

Ademais do recinto principal ou "croa" do castro, coas vivendas máis ou menos separadas en barrios, tamén hai unha zona coñecida como o Barrio de Extramuros, no lado leste, coincidindo coa entrada principal do poboado. É un conxunto formado por unha gran casa ovalada, dúas fontes con desaugadoiro. Suponse que se construíu máis tardiamente que o recinto principal e puido ter unha finalidade industrial para fundición de metais.

A principal característica deste castro é que é o único de toda a zona das Rías Altas de Galicia, e un das únicos 4 nos castros galegos, escavado que presentase unha sauna. Esta sauna é supostamente un elemento que aparece debido á extensión do mesmo nas relacións marítimas con Asturias e o norte de Portugal. Confirmaríase como tal coa aparición da chamada “Pedra Formosa” nas escavacións do ano 2007.

 

O conxunto de defensas articúlase, como é o normal nas defensas dos castros galegos, nun circuíto interior que acolle á croa e que unicamente se interrompe para dar paso á entrada principal, que se situaba na zona leste, no barrio de extramuros. Paralela a esta muralla (construída de modo diferente segundo a zona por necesidades impostas polo propio terreo) corre un foxo, hoxe bastante colmatado pero que debeu acadar, nalgún punto, considerables dimensións. De forma máis ou menos concéntrica articúlase un segundo circuíto de muralla e un segundo foxo e, na zona oeste, a máis vulnerable, aínda son visibles os restos de muralla que formaría, nesta área, un terceiro circuíto.

Estas murallas están construídas a base dunha estrutura interna de amoreamento de pedras grandes, que son as que manteñen a elevación; a ambos os dous lados, terra e pedra miúda configuran o grosor da defensa e, para dar maior consistencia a toda a estrutura, estes materiais están contidos por un muro que é o que as escavacións deixan agora á vista.

 

DOLMEN OU MÁMOA DA GÁNDARA

É coñecido no mundo da arqueoloxía desde o ano 1924, hoxe case non se conservan restos. A mámoa orixinaria podía medir uns 15 m de diámetros un uns 2 de altura. Encóntrase en terreos de transición entre monte baixo e leiras de cultivo. O túmulo foi moi rebaixado polas tarefas agrícolas. Hoxe só se conserva unha lousa fracturada da antiga cámara poligonal e o túmulo moi rebaixado.

 

MÁMOAS

  • Mámoa nº1 de Agranova: Ten 15 m de diámetro e 1 m de altura; encóntrase en terreos de monte baixo; o estado de conservación é bo.
  • Mámoa nº2 de Agranova: Ten 12 m. de diámetro e 50 cm de altura; emprázase en terreos de monte baixo; o estado de conservación é bo.
  • Mámoa nº3 de Agranova: Ten 13 m de diámetro e 60 cm de altura; sitúase en terreos de monte baixo; un camiño de carro degrada a súa parte central.
  • Mámoa nº4 de Agranova: Acada os 10 m de diámetro e 30 cm de altura; encóntrase en terreos de monte baixo; o estado de conservación é bastante bo.
  • Mámoa do Cruceiro da Portela: Ten 12 m de diámetro e 80 cm de altura; encóntrase en terreos de monte baixo; o seu estado de conservación é aceptable, pese a que un camiño de carro pasa pola marxe sur e un camiño de servizo de prado deterioraron o aspecto superficial do túmulo.

 

DOLMEN DE DOMBATE

Dombate está formado por un túmulo de planta irregular de forma acorazonada composto de terra limpa sobre a que se colocou unha coiraza de pedras de pequeno tamaño. Este túmulo envolve unha cámara poligonal que se entende cun corredor de catro metros e desenvolto en tres treitos. O corredor pechase cunha lousa vertical a modo de porta. A estrutura de acceso ó anterior configúrase como complexa: primeiro, unha incurvación na planta da masa tumular e na coiraza; despois o dromos, adro ou corredor descuberto horizontal no que apareceron 20 idoliños de pedra, unha zona enlaxada con pedras planas, un espazo de pavimento composto de grava e a porta de entrada ó corredor. Por comparación, dos dous Dombates presentan dúas formas diferentes de acceso á cámara: o Antigo ten un acceso simple conformada por unha invaxinación no túmulo e a coiraza a modo de funil; o Recente posúe unha forma moito máis complexa.

Considerado como a "catedral" do megalitismo galego, é un dos monumentos megalíticos mellor conservados. Xa era coñecido no s. XIX por Murguía, pero a súa popularidade medrou cando o poeta Eduardo Pondal, natural e veciño de Ponteceso, lle adicou un famoso poema en "Queixumes dos pinos" (1885).

Aínda recordo, aínda, cando eu era estudiante,
garrido rapacete, que ben rexerse sabe;
cando iba pra Nemiña a estudiar o arte
do erudito Nebrija e do boo Villafañe;
e iba a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.


Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
no alto da costa de Uces de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo pola gandra adiante,
xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.

 

Dombate Antigo: Apareceu debaixo do túmulo do Dombate Recente. Del quedan poucos restos. Só se conservan parte dun dos soportes da cámara. Grazas ós negativos da implantación das lousas da cámara púidose concluír que esta era pequena, alongada, aberta e composta de nove ortostatos reforzados por un lixeiro contraforte.

A coiraza e a masa tumular presentaban unha forma de funil na abertura da entrada á cámara para facilitar o acceso á mesma. Tamén apareceron as laxes horizontais do círculo peristalítico así como pedra da coiraza que se observan na actualidade nun dos muros testemuña.

O túmulo primitivo tería unhas medidas de 10,5 m de diámetro e 1,00 m de altura. A cámara estaría formada por nove ortostatos cunha abertura ó Leste cunha entrada en forma de pozo.

Dombate Recente: É poligonal. Ten unhas medidas de 4,20 x 2,5 m de diámetro e 2,90 de altura. Está formada por sete lousas chantadas ou ortostatos e unha gran tampa que as cubre. A altura máxima da cámara é de 4,65 m. Para erguer o Dombate recente suponse que foron necesarios uns 140 homes se transportaron os lousas sen axuda de rolos e 53 no caso contrario. Dombate recente é un dolmen de corredor. Este obsérvase diferenciado en planta e alzado. Posúe unha lonxitude de 4,10 m e unha anchura oscilante entre os 0,95 e 1,40 m. A altura do corredor vai medrando a medida que se achega á cámara (desde os 0,95 ata 1,50). O corredor foi un dos achados das escavacións de Dombate. Está orientado ó poñente. Fórmano tres chantas ou esteos a cada lado cunha lixeira inclinación cara a dentro na parte superior. A cuberta do corredor encóntrase desprazada de sitio. A laxe de peche presenta un pequeno escote na súa parte inferior. As grandes pedras coas que se levantou ou dolmen de Dombate non foron extraídas do Monte de Borneiro, máis próximo, senón do Castelo de Lourido, ou do Campo da Mina, máis afastados, debido a que estas eran máis doadas de traballar. Apareceron dentro deste dolmen unha serie de gravados. Xa se apreciaban antes da escavación de Dombate e están situados en altura por riba do chan da cámara sen escavar. Aparecen no interior da cámara en tres lousas verticais.

No século XIX, o historiador Manuel Murguía xa citaba os gravados de Dombate. No século XX, foron descritos polos investigadores E. Shee e García Martínez como “un corpo de trazos paralelos co seu eixo vertical estendido e provisto dunha base trapezoidal dando ó conxunto unha imaxe bicónica. Unha dobre liña semella unha asa que corre da parte superior do corpo ata a unión desta e a base”. Noutra lousa hai varias liñas onduladas que aparentan ondulacións serpentiformes. Tamén hai unha serie de pinturas. Aparecen nas bases das lousas da cámara e do corredor por debaixo do nivel da terra que ofrecía a cámara antes de escavar. Son liñas horizontais, zig-zags e puntiños negros e vermellos. Ademais disto, atopáronse trapecios de sílex, follas enteiras ou fragmentadas, contas de colar toneliformes, puntas de frecha de base triangular en sílex ou cuarzo, machados e aixolas pulimentadas. Tamén se encontraron fragmentos de cerámica toneliforme.

En Dombate realizáronse as segundas grandes escavacións do megalitismo na Costa da Morte. A primeiras foron efectuadas polo matrimonio alemán, George Leisner e Vera, no dolmen de Pedra Cuberta (Treos. Vimianzo). Escavouse durante os veráns de 1987, 1988 e 1989. Foron dirixidas polo arqueólogo José María Bello Diéguez, hoxe director do Museo Arqueolóxico da Coruña no que se depositaron os achados localizados tanto en Dombate como no castro A Cidá. A maior parte dos gastos de escavación foron cubertos pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia.

Durante as escavacións encontráronse 20 idoliños aliñados á entrada do corredor. Aparentan forma humana. Tiñan unha función de deuses protectores da tumba. Tamén se encontraron idoliños noutros dolmens galegos como o da Cova da Moura (Argalo. Noia), Axeitos (Oleiros. Ribeira) e A Mina da Parxubeira (Eirón. Mazaricos).

No referente á súa investigación, hai que destacar que o dolmen de Dombate estivo presente na literatura histórica xa desde os autores do século XIX. O primeiro propagandístico deste xacemento foi Manuel Murguía quen na súa Historia de Galicia o estuda en 1901.

En 1910, o hispanista irlandés Spencer Dogson trata sobre el nun artigo publicado en La Voz de Galicia. En 1924, os compoñentes do Seminario de Estudos Galegos, Ciriaco Pérez Bustamante e Isidro Parga Pondal, publican un amplo estudo que tivo gran difusión naquela época baixo o título de “Los dólmenes de Dombate y la Gándara” no Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo.

En 1938, George Leisner inclúe nun estudo sobre o megalistismo noroccidental a primeira planta rigorosa de Dombate. Anos máis tarde E. Shee Twohig e M. C. García Martínez realizan un estudo dos gravados que xa foran identificados por Manuel Murguía. En 1981, E. Shee Twohig realiza en Oxford a tese de doutoramento co título de The Megalithic Art of Western Europe no que describe a Dombate como “un monumento de cámara poligonal máis ancha ca longa, con corredor ben diferenciado da cámara tanto en planta como en sección, y con gravados nalgunhas lousas da cámara presentando os motivos de The Thing (A Cousa) e ondulados”.

Tras as escavacións de finais da década dos 80, José María Bello Diéguez descobre que o xacemento de Dombate está formado por dous monumentos ademais doutros achados nos que aquí se fala noutros apartados.

Foi este arqueólogo, José María Bello Diéguez, quen descubriu que Dombate non era un, senón dous monumentos superpostos que foron construídos en distinta época e que el denominou Dombate Primitivo e Dombate Recente. Era a primeira vez que na Península ibérica se encontraba un caso de superposición de monumentos megalíticos nun mesmo emprazamento.

Esta sucesión cronolóxica de monumentos deu paso á teoría da monumentalización (superposición de xacementos) fronte á da necroplización (construción de xacementos nunha mesma área).

  • Dolmen ou mámoa da Gándara: É coñecido no mundo da arqueoloxía desde o ano 1924, hoxe case non se conservan restos. A mámoa orixinaria podía medir uns 15 m de diámetros un uns 2 de altura. Encóntrase en terreos de transición entre monte baixo e leiras de cultivo. O túmulo foi moi rebaixado polas tarefas agrícolas. Hoxe só se conserva unha lousa fracturada da antiga cámara poligonal e o túmulo moi rebaixado.
  • Mámoa nº1 de Agranova: Ten 15 m de diámetro e 1 m de altura; encóntrase en terreos de monte baixo; o estado de conservación é bo.
  • Mámoa nº2 de Agranova: Ten 12 m. de diámetro e 50 cm de altura; emprázase en terreos de monte baixo; o estado de conservación é bo.
  • Mámoa nº3 de Agranova: Ten 13 m de diámetro e 60 cm de altura; sitúase en terreos de monte baixo; un camiño de carro degrada a súa parte central.
  • Mámoa nº4 de Agranova: Acada os 10 m de diámetro e 30 cm de altura; encóntrase en terreos de monte baixo; o estado de conservación é bastante bo.
  • Mámoa do Cruceiro da Portela: Ten 12 m de diámetro e 80 cm de altura; encóntrase en terreos de monte baixo; o seu estado de conservación é aceptable, pese a que un camiño de carro pasa pola marxe sur e un camiño de servizo de prado deterioraron o aspecto superficial do túmulo.

Unha vez rematada a intervención arqueolóxica no monumento, a Deputación Provincial da Coruña, encargou a redacción dun plan de conservación e restauración para o mesmo no que ademais se abordase tamén a súa reconversión nun recurso cultural para a provincia mediante a exposición pública do xacemento. O Plan Director buscaba así non só unha correcta protección dos restos arqueolóxicos postos ao descuberto, senón tamén a comprensión polo público de todos os elemento a expoñer, garantindo tamén o seu coidado pero gardando tamén o seu coidado pero ao mesmo tempo a estética do monumento.

O monumento foi protexido no 1990 cunha cuberta provisional co fin de evitar a degradación das pinturas e estructuras localizadas. O problema fundamental que presentaba o conxunto era o da conservación das pinturas do interior do sepulcro megalítico que para a súa correcta conservación era necesario manter a humidade relativa estable e baixa, e unha temperatura e luminosidade baixas co fin de evitar a condensación de auga sobre a pintura e o desenvolvemento de microorganismos. Así, para manter todos os condicionantes realizáronse dous concursos de ideas para a conservación e musealización do dolmen e o seu espacio. Finalmente sairía gañadora a proposta de Francisco José Vidal Pérez do 2008 para o centro de interpretación, un espacio intermedio e o espazo exterior ademais do pavillón do e conservación do dolmen.

A deputación aprobou no 2021 a actulización da musealización do dolmen na que se incluirán animacións virtuais en 3D, proxeccións multimedia, a mellora dos recursos virtuais e audiovisuais así como diversas recreacións e ata unha aplicación para móbiles de realidade aumentada.

 

CISTA DA ÍNSUA

Xacemento datado na Idade do Bronce e que foi destruído en 1975 por mor dunhas tarefas agrícolas. Tras a súa destrución foi levada á casa dos seus descubridores. Na actualidade encóntrase depositada no Museo Arqueolóxico da Coruña. Deste monumento funerario consérvanse sete lousas que posúen un grande interese pola decoración gravada que presentan catro delas.

A decoración é a seguinte:

Lousa A: dúas liñas paralelas polos lados maiores serven e marco; banda 5 triángulos equidistantes sen pechar no vértice superior; fileira de 5 cazoletas equidistantes que se corresponden dun modo aproximado cos vértices dos triángulos; paralelamente, liña recta con 11 pequenos triángulos perpendiculares.

Lousa B: repite a anterior decoración.

Lousa C: dúas fileiras (de 8 e 9, respectivamente) de triángulos enfrontados.

Lousa D: repite a decoración anterior, pero con fileiras de nove triángulos. O arqueólogo Manuel Lestón sospeita que no lugar no que se encontrou a Cista da Insua pode haber outras máis no subsolo.

 

ERMIDA DA NOSA SEÑORA DAS VIRTUDES DO BRIÑO

A ermida sitúase nunha pequena carballeira situada na zona occidental do lugar do Briño onde se celebra a romaría o 18 de xullo.

Presenta unha planta de salón conformada por un presbiterio cuadrangular (5,5 m. de lado) e unha nave rectangular (10,6 m. x 5 m.). Conta cunha sancristía cuadrangular adosada ao muro norte do presbiterio e un pórtico exterior adosado ao muro sur da nave no seu tramo medio, de forma rectangular. No último tramo da nave, no seu muro sur, apréciase tamén na planta a base da torre-campanario cuadrangular. Os muros son de gran grosor, de 1 metro no presbiterio e case 1,5 na nave.

O presbiterio cóbrese cunha cúpula sobre pendentes, apreciándose en planta dous contrafortes angulares no muro leste e un terceiro no muro sur, que contribúen a soportar as presións desta cúpula. Nas enxutas da cúpula sentados baixo respectivos arcos de medio punto e policromados, atopamos aos catro Evanxelistas cos seus correspondentes atributos A sancristía cóbrese cunha cúpula semellante pero mais pequena e sinxela. A nave presenta unha estructura abovedade con sete arcos faixóns lixeramente apuntados e directamente volteados sobre os muros que soportan o peso da bóveda. Así, o retablo de estilo neoclásico, conta con Santa Bárbara na parte superior e na inferior á Virxe do Carme e a Virxe das Virtudes, intercambiando esta última o seu lugar con Santa Bárbara sendo aquela a advocación da ermida.

A comunicación da capela maior coa nave establécese mediante un gran arco triunfal de aspecto lixeiramente apuntado coa súa rosca moldurada por unha grosa gola, arrincando directamente do chan e no que non se marcou a liña das impostas.

No primeiro tramo da nave obsérvanse a cada lado, senllos fornelos profundamente escavados nos grosos muros e rematados en arcos de medio punto presentando na base cadanseu altar pétreo de lados combados. Na actualidade están baleiros aínda que noutros tempos albergarían retablos.

No tramo medio do muro norte abriuse unha porta travesa alintalada e paralelamente ao muro oeste, ergueuse unha tribuna de madeira á que se accede mediante unhas escaleiras adosadas aos muros oeste e sur e continuadas ao chegar a tribuna, aínda que máis rústicas, para acceder á torre-campanario.

A cubrición da nave é unha bóveda de canón lixeiramente apuntada co seu entramado sostido por sete arcos faixóns. Tanto esta bóveda como a cúpula da sancristía están sen calear polo que se visualizan as pezas de cachotería.

No exterior a nave cóbrese cun tellado a dúas augas que se prolonga na parte sur para cubrir o pórtico exterior adosado. Sen embargo, a cubrición do presbiterio é un teito ao centro culminado na súa parte central nunha lanterna de tambor cilíndrico, rematada á súa vez nunha cupuliña e un pináculo. Este tambor está furado por catro arquiños de medio punto que permiten a iluminación interior a través do burato circular do centro da cúpula.

O pórtico exterior presenta un pórtico na súa parte frontal no muro sur cunha porta central rematada nun arco de medio punto e pechada cun enreixado de ferro.

A torre-campanario érguese sobre unha base cuadrangular construída en cantería e sobre a que se asenta directamente o único corpo do campanario. Este componse de catro piares sobre os que se voltean outros tantos arcos de medio punto. Sobre este corpo, un pináculo en cada unha das catro esquinas e  outro máis coroando a forma piramidal da parte central.

A fachada occidental presenta en cantería, pezas de notable grosor pero de pouca lonxitude. Conta co clásico esquema pentagonal no cal, no eixo vertical central,  se superpoñen a porta principal alintelada, un fornelo rectangular que contén, de estilo manierista, a imaxe pétrea da Virxe das Virtudes, unha fiestra rectangular e unha escultura de San Xoán Bautista, patrón da parroquia. A cada lado do fornelo central atopamos sendos fornelos rematados nun arco en cortina. No da parte norte colócase a imaxe pétrea de Santiago e no sur a San Andrés. A cada un dos lados da porta adósanse no norte a San Paulo e no sur a San Pedro.

A parte máis antiga data do século XVI con algunha reminiscencia tardía do gótico no arco triunfal semi-apuntado e nas arcadas da bóveda da nave. É moi probable que a capela maior e a sancristía se rematasen a comezos do XVIII.

 

CRUCEIROS

Destacan os cruceiros na parroquia de Borneiro xa que son xiradoiros. Á beira do camiño entre a aldea de Borneiro e a igrexa parroquial de San Xoán hai unha sinxela cruz sen ningún ornamento pero cunha particularidade, a parte superior, é dicir, a cruz, ten a facultade de poder xirarse lateralmente sendo costume facelo para pedir que mude o vento mais o tempo e de tal xeito exercer o dominio da natureza a través da relixión en prol de mellores colleitas.

No Roncadoiro localizábase unha pequena cruz coa mesma virtude e debuxada por Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galicia, de cabeza ancheada e tosca con cruces pequenas gravadas nos brazos e na parte superior que, segundo Castelao, “unha cruz que compre citar como moi antiga, aínda que a súa antigüidade sexa hipotética, é a que se ve no lugar de Roncadoiro-feligresía de Broneiro e concello cruñés de Cabana-. Esta cruz é xiradoira e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun moimento antigo, cicais arrefeitado máis tarde. Polo súa condición de pedra xiradoira, o pobo concédelle virtudes milagreiras”.

Desgraciadamente esta cruz que xiraba ao pé do chan nunha pedra desapareceu no basureiro instalado a carón da ponte do río dos Muíños, co cal se perdeu unha das xoaias etnográficas de Borneiro.

Ademais destes cruceiros viradoiros, cóntase con outros dous en Vilaseco. Nun deles a cruz atópase cementada para evitar o roubo e a outra, sen decoración algunha na parte da cruz, pode xirar todo arredor.

Cóntase na carballeira do Briño cun dos cruceiros máis antigos de Galicia. No pedestal, unha inscrición: “Se retocó, trasladó y pinto siendo cura párroco Francisco Lema Martínez natural de esta parroquia. Año 1899”. Dita inscrición é testemuña do costume do traslado de sitio dos cruceiros. Non obstante, a súa data de construción refléxase na parte superior, 1662.

 

MATILDE VILARIÑO POSE

Matilde Vilariño Pose naceu o 12 de marzo de 1944 en dombate, parroquia de Borneiro do concello de Cabana de Bergantiños. Aos tres anos recitaba versos de García Lorca e escribe poesía dende que era unha nena. Rosalía de Castro e Yolanda Castaño son as súas poetas favoritas e tamén dedica tempo a pintar.

Publicou o seu primeiro poemario no 2018, recompilando poemas escritos dende o 2010, momento no que pasou a ser protagonista dun programa de televisión e recitar os seus poemas en actos públicos relacionados coa cultura grazas ao apoio dende un primeiro momento dos seus netos Jorge e Eloy, en especial a este último. Este primeiro poemario, chamado Poemas que non foron ó lume, conta cun total de 104 poemas distribuídos por anualidades a modo pseudo-biográfico.

No ano 2022 publicou o seu segundo libro, Na lingua que eu falo, con recordos e lembranzas, tamén de carácter costumbrista e pseudo-biográfico, aínda que non repartido por anuarios.

 

ELOY MATO RIAL

Eloy Mato Rial (nado o 8 de febreiro de 2001 en Dombate, Borneiro, Cabana de Bergantiños), iniciou os seus estudos de Educación primaria e Educación Secundaria Obrigatoria no CPI As Revoltas, onde paralelamente asistía a clases municipais de teatro, a cargo da profesora Silvia Losada. Xunto a outros compañeiros e compañeiras de teatro, participou en obras como “O Xuíz dos Divorcios” ou “O restaurante Farruco”.

Nesa etapa, á idade de 6 anos comeza a asistir a clases de piano a cargo do profesor Herminio na casa da cultura de Cabana de Bergantiños, mesmo lugar onde se impartían as clases de teatro antes mencionadas. No ano 2010, comezaría a interpretar algunas pezas tradicionais co seu primeiro teclado no recente grupo “Lúa Chea de San Xoán” creado por seu pai, Fernando Mato xunto con outros amigos e veciños, onde segue tocando a gaita e o acordeón actualmente e chamándose este grupo “O Son do Castro”.

Tempo máis tarde, comezaría a asistir a clase de piano e linguaxe musical en Baio a cargo da profesora Tatiana Pankratova, onde continuaría ata o ano 2012. Neste ano, comeza a adentrarse no instrumento do acordeón co profesor Fernando Fraga, da escola de música de Cee, aínda que estando no grupo “Lúa Chea de San Xoán” xa recibira nocións deste instrumento con Xosé Manuel Mourín, tamén profesor de gaita.

Cursou bacharelato no I.E.S. Maximino Romero de Lema, coincidindo alí tamén con compañeiros e coñecidos tamén afeccionados a música tradicional. Posteriormente cursaría en Ferrol durante dous anos un ciclo superior de Deseño en Fabricación Mecánica e actualmente (2023) está a cursar o ciclo superior de Mecatrónica Industrial. Aínda que a súa vida esté ligada ás máquinas, durante este período non abandonou a súa afección pola música e o acordeón, participando en actos e celebracións como as “Festiletras do Couto”, entregas de premios poñendo fondo musical e en actos culturais como o festival municipal “As nosas músicas”, entre outros.

O 7 de Maio de 2022, preséntase a un concurso para estudos de acordeón celebrado na sala Río Selmo de Ponferrada, onde acada o primeiro premio na modalidade de acordeón tradicional ou “Varieté”, interpretando os temas “Jotaerre”, unha xota vasca e “Indiffèrence”, un mussete francés.

Participou tamén como gaiteiro en 2 ocasións nos tradicionais desfiles de bandas do “Festival do mundo celta de Ortigueira” coa agrupación tradicional “Queiroa” de Sada. Actualmente, segue mantendo a súa afección polo acordeón e a música, aprendendo novos temas e introducíndose no sistema basseti en acordeón, apropiado para facer melodía na man esquerda, o que da pé a interpretar pezas clásicas.

 

MANUEL LEMA OTERO

Manuel Lema Otero naceu o 4 de xuño de 1916 no lugar de Borneiro no seo dunha casa de labradores de case clase media. Seus pais foron Concepción Otero e Rafael Lema.

Durante a infancia, alternaba traballos na labranza cos estudos no colexio, onde se sentía decepcionado por non lle impartiren clases de debuxo. Dende estes primeiros anos converteuse xa nun pintor autodidacta.

Tamén construíu un taller ao aire libre para realizar experimentos. Un deles foi unha incubadora, número 158.277, asinada por tres enxeñeiros, da que conseguiu a patente. Por mor deste invento era coñecido na Costa da Morte polo alcume de “o home dos pitos”. Inventou tamén un sistema de detención de incendios, fabricaba xoguetes con movemento etc.

Malia isto, exerceu profesionalmente case toda a súa vida de labrador. Poren, é recoñecido polo seu traballo como pintor naïf. Das 575 obras que se presentaron para o Concurso de Arte Naïf ou Inxenuísta convocada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza de 1981, atopábanse 10 obras do borneirán: O Gran Xuízo, A batalla do Ebro, Santa Compaña, Adán e Eva no Paraíso, Autorretrato, Campiña galega, A hora h., Inocentes, Recordo da construcción e Evacuación de feridos. Gañou o primeiro premio coa súa obra A batalla do Ebro, aos 65 anos, coa súa correspondente entrega de 200.000 pesetas.

A partir deste momento durante os días do 18 ao 27 de xaneiro do 1982, xunto con outros 85 artistas do certame, exhibiu a súa obra ao público na Sala da Delegación Provincial de Cultura da Coruña, para posteriormente trasladarse ao Museo de Pontevedra, Museo de Vigo, Museo de Lugo, Museo de Ourense e Santiago de Compostela.

Rendíuselle homenaxe en Borneiro e o día das Letras Galegas de 1983 realizou unha exposición conxunta co pintor vimiancés Xurxo Martiño. O 4 de stembro de 1983, a petición dos correspondentes de La Voz de Galicia realiza unha exposición das súas pinturas na cantina da comisión de festas. Tamén impartiu no 1985 unha conferencia sobre a arte naïf e a súa concepción da arte como pintor autodidacta, ademais de manter un encontro co alumnado do C.P. As Revoltas de Cabana.

No 1988 participa na Exposición de Pintura, Escultura e Fotografía que realiza a Asociación Cultural Río Anllóns de Ponteceso.

Postumamente, a obra de Manuel Lema estivo presente no ano 1994 na Asociación Cultural Monte Branco polas Letras Galegas (O Couto, Ponteceso) e en 1998 na I Mostra de Creación Plástica da Costa da Morte, celebrado pola Asociación Neria e o concello de Cabana de Bergantiños coa súa obra San Xoán Evanxelista na illa de Patmos escribe ó dictado do ceo a Apocalipse.

Manuel Lema Otero morreu o 6 de agosto de 1991 e está soterrado no cemiterio parroquial de San Xoán de Borneiro.

 

MINA DO CALDEIRO

É unha mina de adscrición cultural indeterminada. Preséntase como un corte situado na parte baixa da ladeira que se observa fronte á Cidá de Borneiro. Ten como dimensións 150 m de longo, 20 m de ancho e 6 m de fondo. Na parte alta presenta unha sección transversal en V; na parte baixa e próxima ó rego dos Muíños, forma un gran semicírculo. A súa utilidade foi a extracción de recursos primarios. É unha mina moi semellante ás explotadas ó longo do Noroeste peninsular durante a ocupación romana. É posible que a súa datación corresponda a esa época ou mesmo á época castrexa.

 

BIBLIOGRAFÍA

Coruña, Deputación da (2011), El Dolmen de Dombate. Arqueología, restauración, arquitectura, Deputación da Coruña. 

Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña. 

Lema Suárez, X. M. (1998), A arte relixiosa na Terra de Soneira (Tomo III), Santiago de Compostela: Fundación Universidade de Cultura. 

Lema Suárez, X. M. (1999), Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas), Asociación Neria.

Monteoliva Arquitectura S.L. (1999), Catálogo do patrimonio

Rodríguez Castelao, A., D., (1949), As cruces de pedra na Galiza

Romero Masiá, A., M., (1987), Castro de Borneiro (Campañas 1983-1984), Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Cultura e do Patrimonio Histórico-Artístico. 

Erro | Concello de Cabana

Erro

O sitio web atopou un erro inesperado. Por favor, inténteo de novo máis tarde.

Mensaxe de erro

  • Warning: Cannot modify header information - headers already sent by (output started at /usr/home/concello-cabana/www/includes/common.inc:2861) en drupal_send_headers() (liña 1557 de /usr/home/concello-cabana/www/includes/bootstrap.inc).
  • Error: Call to undefined function each() en SimplenewsSpool->nextSource() (liña 273 de /usr/home/concello-cabana/www/sites/all/modules/simplenews/includes/simplenews.source.inc).