Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Eduardo Vázquez Espasandín

EDUARDO VÁZQUEZ ESPASANDÍN

” O Jay Jay “

Músico Popular enxebre

Rebordelo. Cesullas (Cabana de Bergantiños) 08.12.1909
Neaño. Cesullas (Cabana de Bergantiños) 25.11.2003


A pesar de aprender con seu irmán o oficio de carpinteiro, Eduardo Vázquez
Espasandín foi un famoso músico popular desde A Coruña a Padrón, desde
Cabana ata O Carballiño. ¿Quen non lembra a súa imaxe polas festas co bombo ás costas, aínda que, en principio, el quería ser gaiteiro? iniciouse na música popular no grupo Os Jaiteiros de Neaño y Jay Jay. Con el estaban os seus veciños Manuel do Bronllo (cuñado da poetisa María Baña), gaiteiro; Servando de Indalecio, gaiteiro; e Gabriel de Indalecio, tamborileiro. Tempo despois, estivo uns poucos anos n?Os Maravillas de Corme. Por último, a grande etapa como músico pasouna n?Os Enxebres de Neaño.

Todo un amplo abano de músicos populares da Costa da Morte acompañou ó Jay Jay durante uns 80. De Neaño, amais dos citados arriba, estiveron con el Manolo de Xusto (sobriño de Manuel do Bronllo e fillo de María Baña),
gaiteiro; e Plácido Vigueret (Plácido de Meiruco), tamboriño. De Corme, Calixto e Ramona dos Maravillas. De Laxe, José García Insua (Reboredo), gaiteiro. De Lamas (Zas) Manuel, coñecido como O Galo de San Clemente, gaiteiro. De Bamiro, José O Lambirote, gaiteiro, e un cuñado seu, tamboriño.
Da Campara, Alfredo Castro Fariña, gaiteiro, e os seus irmáns José,tamboriño, e Ramón, gaita. De Cances, José da Viúda (José Collazo Álvarez), gaiteiro. De Anllóns, Gabriel, O Zoqueiro da Garga, gaiteiro. De Iñaño, Serafín, gaiteiro. De Langueirón, Pepe de Langueirón, gaiteiro que aprendeu con Eduardo. De Pedracuca, Lelo do Gaiteiro, tamboriño. Así como o gaiteiro de Reparada (Vimianzo). Os Enxebres convertéronse, polo tanto, nunha verdadeira universidade de música popular na aldea de Neaño, nas terras de Cabana de Bergantiños.

Alboradas, procesións, sobremesas e merendas de festas e romaxes de
gran parte de Galicia coñeceron as melodías d?Os Enxebres de Neaño. Na
Coruña, Eduardo do Menucho compartiu escenario con Marinita de la Peña,
así como tamén foi asiduo das festas de María Pita. Polo San Xoán de
Carballo competían coas bandas de música de Gamallos. No Santiaguiño
do Monte, en Padrón, os gaiteiros de Neaño eran os únicos que cantaban enxebre. A Virxe da Barca, en Muxía, as Barquiñas de Ponteceso, as Festas do Mar de Malpica
souberon tamén das súas músicas. Pero de todas as romarías foi o San Fins do Castro a que contou
coa súa presenza máis simbólica e ininterrompida desde os vinte do século pasado ata hoxe. Os
Jaiteiros de Neaño ou Os Enxebres co Jay Jay ó bombo constitúen parte indispensable da historia
desta romaxe, de igual maneira có Berro Seco ou o Santo de Pólvora. Como cantaba Eduardo
Vázquez Espasandín botemos este agrú na súa memoria: «¡Viva la juventú! ¡E os vellos que non
morran!»

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *