Artístico
O patrimonio artístico relixioso de Cabana de Bergantiños
O territorio de Cabana de Bergantiños está dividido eclesiasticamente en dez parroquias, cada unha delas coa súa correspondente igrexa matriz. Pero máis alá das igrexas, este concello, coñecido polas súas romarías tradicionais, conserva unha rica nómina de capelas, expresións vivas da devoción popular. Algunhas delas, como a capela de San Marcos ou a de San Sebastián, xa só viven na memoria da xente e nos antigos documentos.
O elemento máis destacado do patrimonio artístico relixioso cabanés é o rosetón prerrománico da ermida de San Fins do Castro, unha verdadeira xoia da arte altomedieval. Da época románica, sobresaen os canzorros de Santo Estevo de Anos, mentres que no barroco, brilla con luz propia o retablo da pequena igrexa de San Martiño de Riobó, auténtico tesouro de arte sacra.
As advocacións parroquiais, maioritariamente masculinas, recollen nomes como San Pedro en Corcoesto e Silvarredonda, San Martiño en Riobó, Santo Estevo en Cesullas e Anos ou San Paio en Cundíns. Nas ermidas, pola contra, predominan as advocacións femininas, como O Carme do Briño e de Neaño, ou Santa Mariña do Remuíño en Corcoesto.
As dez parroquias de Cabana de Bergantiños están sementadas por máis de medio cento de cruceiros, testemuños pétreos da fe popular. A freguesía con maior número é San Xoán de Borneiro, que conta con once exemplares, mentres que a máis pequena, Cundíns, conserva tan só un.
Un modelo singular e digno de atención son os cruceiros viradoiros de Borneiro, xa catalogados polo galeguista Daniel R. Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza. Pola súa imaxinería e decoración, destacan tamén o cruceiro do Sacramento e o de San Fins en Cesullas, así como o dos Romero en Canduas.
0 Comments