Ruta 8.Do Vao ó Castro de Anido por Camafreita

Viaxamos pola parroquia de Nantón, polo paraíso dos cabazos, mostra aínda do seu esplendor agrícola. As lendas emergullan nesta terra ateigada de tesouros coma os do castro de Anido, a canda a presenza do pasado de casas nobre como a Casanova ou a de Anido. As pegadas arqueolóxicas de Nantón lévannos visitar unha multitude de mámoas, sinal dun espazo sacro, pero tamén nos convidan a descifrar o enigma dun petroglifo de coviñas.

Itinerario Ruta [PDF]

 

1. Mámoa no Vao

No lugar do Vao encóntrase unha areeira e unha finca de viveiros forestais, non obstante, o pasado arqueolóxico cobra presenza coa aparición dunha mámoa que se encontra desfeita por unha dos seus lados. Cerca, a lagoa das Samesugas onde nace o rego da Barcia.

 

2. Padrín

Padrín é un pequeno val con casas labregas. Un cabazo de seis pares de pés, tipo Fisterra, érguese no noso camiño.

 

3. Camiño de Cuns

Este era un vello camño que seguían os xalleiros (transportistas en mulas) que viñan buscar barro á vila de Buño e o dos labradores que carrexaban, en carros de bois ou de vacas, area desde a Insua para botarlle as súas leiras. Baixaban pan (millo) da Terra de Xallas, subían barro e carretadas de area.

 

4. Camafreita

En tempos, as pescas de Malpica, Laxe e Corme chegaban a Camafreita con cestos de peixe á cabeza para cambiar por un cribo de millo. 

Como aldea agrícola, Camafreita amosa bos exemplos de cabazos: un cabazo de pés amosa un pasadizo na súa cepa; outro, que se encontra á súa sombre, é hoxe bicentenario, a rudeza das súas pedras demóstrannolo.

 

5. Cazón

En Cazón, case no final do lugar, un conxunto etnográfico formado por tres cabazos de pés. Algunhas das vivendas da aldea foron restauradas con acerto.

 

6. Casa de Rellán

Casa de labradores con certos elementos distintivos como o seu balcón con varanda enreixada, pozo na fachada. Non obstante, o máis salientable é unha porte de estilo medieval que aparece nun cabanote anexo. Á dereita, empoleirado na aba dun monte, érguese un cabazo de esveltos pés.

 

7. Cruceiro nunha vivenda

Vemos un cruceiro no interior dunha vivenda.

 

8. Denillón

En Denillón encóntrase a casa duns descendentes da portentosa familia Graíño Amarelle e dos Andrade. Os desta casa pagaban renda no pazo de Porto do Souto (Nemeño. Ponteceso). Os actuais propietarios, traballadores dunha granxa porcina, están emparentados co apelido nobre dos Pardiñas. Dentro do recinto da granxa encóntrase o castaño máis grande do concello de Cabana de Bergantiños.

 

9. Casa de Roque en Nantón

Como elemento anexo posúe un cabazo de seis pares de pés, datado en 1934; salienta polos seus preciosos remates. Como anexos da vivienda, obsérvase unha tulla e un cabanote con palleira. A casa antiga, hoxe restaurada, tiña dous fornos, un grande e outro pequeno. Fronte á Casa de Roque, encóntrase o muíño de Nantón, movido no seu tempo con enerxía eléctrica.

 

10. Mámoa de Monteagudo

Esta mámoa hoxe xa non existe posto que foi desfeita durante unhas tarefas agrícolas.

 

11. Mámoa da Chousa de Campelos

Consérvase en bastante estado, agás a presenza das rodeiras de tractor dun camiño que a corta por unha das súas marxes.

 

12. Mámoa do Monte de Campelos

Situada no centro dunha chousa, é de pequenas dimensións.

 

13. Petroglifo da Piolla

É o único petroglifo, resto arqueolóxico da Idade do Bronce, de todo o territorio de Cabana de Bergantiños. A súa descrición é uniforme, dado que tan só se encontra formado por cazoletas. A de maior tamaño parece dominar, case desde o centro, a laxe na que aparece gravado. Arredor da grande cazoleta, beirean un círculo de pequenas coviñas. Unha fileira de pequenas covas aparece na marxe da laxe.

 

14. A Casilla

Desde a estrada, segundo baixamos A Casilla, ollamos de fronte a corda montañosa de Borneiro que semella un xigante deitado. O monte Gontón é a cabeza, os montes de Borneiro as mans e os do Allos os pés.

 

15. Peralta

Nome de lugar que significa ?pedra alta?. A referencia paisaxística que explicaba este topónimo xa non se encontra actualmente presente, posto que a canteira (clausurada e hoxe convertida nunha pequena lagoa) comeu as pedras que bautizaban este espazo.

 

16. Cruceiro de Peralta

Hai anos, na praga do expolio do patrimonio da Costa da Morte, foille roubada a cruz do cruceiro de Santo Alberte de Peralta. Ata este cruceiro (Otero Cebral, 27), noutros tempos, traían en procesión todas as imaxes santas que se veneraban en Nantón.

 

17. Escola Unitaria de Peralta

Espazo educativo desta parroquia cabanesa. Detrás da escola, encóntrase a «Cova dos Ladróns», lugar cuberto de xestas onde os máis vellos din que nela se escondían e vivían os ladróns.

 

18. Igrexa de San Pedro

O entorno da igrexa de San Pedro de Nantón está cuberto de carballos centenarios. O portal que nos leva á rectoral cóbrese dunha inscrición na que podemos ler a data de construción: 1815. Parte das escaleiras que baixan ao adro están formadas por antigas lápidas de pedra. Para Lema Suárez (1998, t. 2: 588) a capela maior, coa súa bóveda de crucería nervada, data de finais do século XVI; a nave posiblemente fose ergueita en época barroca (XVIII); os retablos son neoclásicos e barroco-rococó. No interior vemos tamén a bóveda de canón e os confesionarios introducidos na parede. No muro sur da igrexa, albíscase o espazo dunha porta pechada con pedra. A fachada, pentagonal, sotén a torre-campanario. No cemiterio salientan os panteóns de pedra.

 

19. Fonte do Carme

Próxima ao cemiterio novo, encóntrase a fonte do Carme, onde noutros tempos (Otero Cebral, 141) os confrades ían a ela en procesión cos «mitíns», nos que realizaban ofrendas de cerros de liño e cartos.

 

20. Cabazo da Palleira

No lugar da Palleira, no interior dunha vivenda, podemos observar o cabazo máis grande de Bergantiños, aínda que en realidade, son dous cabazos unidos, ou un primitivo cabazo de seis pares de pés ampliado con outro de catro pés. No cabanote da vivenda, dúas abellarizas e un pombal.

 

21. Pombal da rectoral

O pombal da rectoral encóntrase no medios dos prados.

 

23. O Bidual

No lugar do Bidual aínda quedan restos das murallas do pazo pertencente á familia dos Pose e Anido.

 

25. Castro de Anido

Dun vello camiños que leva ao castro de Anido dise que por el descendían os mouros a coller auga ao rego de Ponte Paíño. O castro de Anido está moi abrigado dos ventos do sur. O foxo, aínda hoxe reodea parte da desaparecida dobre muralla. A lenda (Rodríguez Casal, 1975: 118) cóntanos que aquí, en tempos mo antigos, habitaban xentes de mouros e cartaxineses, ou que hai unha viga e unha ola de ouro enterrados no castro. O restos arqueolóxicos encontrados (Otero Cebral, 27) formábano sartegos en grupos de tres e de catro enterrramentos.

Galego
Erro | Concello de Cabana

Erro

O sitio web atopou un erro inesperado. Por favor, inténteo de novo máis tarde.

Mensaxe de erro

  • Warning: Cannot modify header information - headers already sent by (output started at /usr/home/concello-cabana/www/includes/common.inc:2861) en drupal_send_headers() (liña 1554 de /usr/home/concello-cabana/www/includes/bootstrap.inc).
  • Error: Call to undefined function each() en SimplenewsSpool->nextSource() (liña 273 de /usr/home/concello-cabana/www/sites/all/modules/simplenews/includes/simplenews.source.inc).