Ruta 3.Da Outrabanda á Mata pola Penela

Este itinerario comparte co anterior un primeiro treito Outrabanda-Beres. Desde aquí, segue camiño cara ao condado medieval da Torre da Penela. Ademais, gozaremos de boas panorámicas bergantiñás desde os Chans de Perrol ou visitaremos o mellor retablo barroco do concello en San Martiño de Riobó. Despidiranos San Brais de Folgoso, o santo da gorxa, enriba dun recinto castrexo e espreitante do lugar lendario O Pozo da Forca.

Itinerario Ruta [PDF]

 

1. Paradoa

Lugar de Paradoa, en Silvarredonda.

Na parroquia de Silvarredonda, como actividade económica, existe unha explotación de pizarra.

 

2. Igrexa de San Pedro

É unha pequena construción de ábside cadrada. A sancristía nace de par da ábsida e a espadana é de cemento. O vello cemiterio conserva aínda as lápidas na terra. O cruceiro é sinxelo, cun particular pedestal octogonal. Salientan as cruces dos panteóns de pedra.

 

3. Lugar do Rego

Desde aquí obtemos unha boa panorámica do monte Branco.

 

4. Capela de Santa Margarida

É unha construción sinxela, cunha ventá rectangular, semellante á dunha casa, no presbiterio. Na fachada e na espadana encontramos dúas inscricións. Desde o adro observamos Pazos, Cerqueda, o océano Atlántico, o monte de Beo e a Sisarga Grande. O cruceiro é de cemento. A romaría celébrase cada 13 de xullo como reflicte unha copla popular:
 

 
 
O día trece de xullo,
celébrase a romaría;
romeiros desde moi lonxe
veñen visita-la santiña.



Á dereita da estrada que leva á capela, abaixo na pradería, escóndese a mellor fonte de pedra do concello de Cabana de Bergantiños: a fonte de Santa Margarida de Baneira. Arredor das silveira, aparecen os panos do ofrecidos. No fondo da fonte, brillan tamén as moedas tiradas polos devotos para seren sandados das súas verrugas. Os fieis acoden ás augas desta fonte santa (Cebral, 124) e lavan nelas as pernas e mans nas que teñan algún mal.

Esta romaxe foi cantada por María Baña (2004: 38). Nos seus versos, cita ó músico local, e veciño dela mesma, José María Álvarez Canto.
 

Miña santa Margarida,
a túa costa subín,
bebinche a auga da fonte,
nunca máis aló volvín.

E estaba José María,
dirigindo na orquesta,
tocando no pasodoble,
que era a alegría da festa.

 

5. Regoseco

Regoseco é unha aldea que conta con casas de pedra con elementos anexos de arquitectura tradicional.

 

6. Bello

En Bello alterna a presenza de cabazos de pés con cabazos de graneira ou tipo Coristanco.

 

7. Perrol

A estrada que nos leva á aldeíña de Perrol preséntanos unha fonte de sorpresas cara ao horizonte coas illas Sisargas como panorámica máis afastada de nós. Perrol está composto por tan só unha casa. Este casal é venteado do norte e da travesía (sur). É a vivenda situada en maior altitude no concello de Cabana de Bergantiños. Conta cun pequeno cabazo centenario. A panorámica da vivenda amosa monte Neme, Pazos, Xornes, Cambre e Buño. Tralo descenso da aldea, xorde tamén na nosa ollada a silueta do monte Nariga.

 

8. Baneira

No lugar de Baneira celebrábase (Cebral, 37) todos os días tres de cada mes unha feira coñecida polo nome da «feira dos zapatos»

 

9. A Penela

Da aldea da Penela destaca o seu carácter rural, expresado nos seis cabazos de pés e cepas. O nome de lugar significa (Cabeza, 1992: 215) pena ou pedra pequena. Para Otero Cebral (38) o nome da Penela pode provir dos sacrificios das damas que se facían no lugar, xa que se conta que aquí se realizaban "sacrificios humanos e neste caso sería o equivalente a PENA ELA"

Aínda que o máis sobresaínte sexa o seu pasado histórico do que perviven aínda os seus restos pétreos: a torre da Penela. No pasado (Otero Cebral, 37) na Penela encontrábase o único condado do que hoxe son as terras de Cabana de Bergantiños; os vestixios históricos dese condado son a fortaleza, o cruceiro e a fonte.

 

10. A Torre da Penela

A torre da Penela é a máis pequena de catro torres medievais que vixiaban o condado da Penela. Os lindes do territorio deste condado estaban marcados (Cebral, 42) por tres cruceiros: o de Bello, o de Baneira e o do campo da Penela. O fundador do vínculo nobiliar (Martínez Barbeito, 1971: 478) foi Lope Bermúdez; a principios do século XVII, Lorenzo Bermúdez de Castro converteuna en pazo. A torre presenta un formato cadrado, un escudo na parte forntal e unha porta con arco de medio punto e de grandes doelas. O seu cume está aínda coroado por ameas. Os últimos apelidos nobres que posuían en propiedade a torre da Penela foron os do conde Javier Ozores Poderosa. Hoxe o edificio pertence a unha familia de labradore, que empregan, a parte baixa, como alpendres, e a parte media como graneira de trigo e pombal.

Os escudos
No antepeito da ventá do primeiro corpo da torre encontramos o escudo do remodelador da mesma. Os cuarteis amosan as armas (Martínez Barbeito, 1971: 478) dos Bermúdez, Castro e Riobó. Un segundo escudo aparece aos pés do cabazo da vivenda.

A lenda
Cóntase que os soldados tiñan retida unha fermosa moza no cárcere desta torre. Nun descoido, ela logrou fuxir, pero os soldados déronlle morte ao pé do cruceiro. Os lugareños, que viron o acontecido, comezaron a exclamar: «¡Pena... dela! ¡Pena... dela!» Por iso agora, aldea e torre se coñecen co nome da Penela.

 

O cruceiro
Cara ao oeste da torre, levántase o cruceiro da lenda. Aquel fuxido que pasaba do cruceiro, salvávase. A súa plataforma é de catro escaleiras; o pedestal, cadrado, conta cunha saínte caveira e tibias, que representan a morte; o varal, octogonal, posúe esctita unha data na súa base dereita: «1(7)66»; no capitel, aparecen cabezas de querubíns e a cruz escúlpese con forma de paos.
 

 

A fonte da Penela
Utilizada en tempos polos habitantes da torre, chégase a ela por un sendeiro cementado. Hoxe os seus dou scanos verten augas, primeiro nun sartego, despois nun río de lavar, ambos de pedra. A lenda (Cebral, 242) cóntanos que nela se agocha o encanto dunha feiticeira e fermosa dama branca.

 

11. A Devesa

Segundo o toponimista Fernando Cabeza, a aldea da Devesa debe o seu nome á presenza duns terreos coutados ou pechados por valados.

 

12. A Barcia

Esta aldea recibe o nume do río Barcia que transita por un curto e verde val tras repousar no Pozo da Forca. O lugar encóntrase nunha extrema do val deixando as praderías útiles para a labranza.

 

13. Soutochán

É outra pequena aldea, neste caso formada por dúas casas en estado de abandono. Desde Soutochán chegaremos ó Pozo da Forca.

 

14. Pozo da Forca

O rego da Barcia, que nace nas terras do Vao ou As Samesugas, vólvese fervenza na Baiabosa e verte augas ós caldeiros do Pozo da Forca. A brancura e caudal espeso da fervenza obsérvase cuns cinco metros de altura. O Pozo da Forca é un lugar ateigado de lendas. Otero Cebral (23) recolleu varias. Unha di que o pozo vén sendo, en terra, un ollo do mar. Outra conta que, en certa ocasión, un crego quixo saber da súa fondura e para iso empregou doce pezas de adival do que colgaba unha pedra; botouna neste ollo de agua e din os máis vellos que non deu tocado fondo; ademais, non se sabe de ninguén que lle dera atopado fondo ao pozo. Asimesmo, dise que este era o lugar onde aforcaban os prisioneiros e os axusticiados da casa da Penela ou doutras cadeas do lugar. Por último, crese que no fondo do Pozo da Forca se encontra unha valiosa grade de ouro que ninguén deu atopado aínda.

Eduardo Pondal, rendeuse perante tanta beleza e incluíu en Queixumes dos pinos este poema:
 

 
Esquiva rapaceta,
coma do toxo a fror,
tan pura com'as frescas
augas de Rioboo,
(río de Bergantiños,
xentil e soador,
cando da Baiabosa
sae con rouco ton,
antre miúdos seixos
de branca e leda cor,
buscando o brando seo
do seu maior, o Anllóns)



Na festividade de San Brais, so mozos asistentes a esta romaría viñan merendar á fervenza por un camiño que baixa desde a ermida.

 

15. Riobó

Aldea de Riobó.

No lugar de Riobó consérvase unha lenda (Otero Cebral, 24) que di que esta aldea e o Pozo da Forca están unidos por unha viga de ouro; ninguén tentou a sorte de querela encontrar para non desfacer o misterio desta lenda transmitida de xeración en xeración.

 

16. Igrexa de San Martiño

Na entrada (interior) da igrexa aparecen dúas pías, a máis pequena ten de base un oso ou lobo, este último símbolo dos Moscoso. O arco triunfal da igrexa está sostido por capiteis románicos con decoración vexetal. A capela maior acolle un retablo barroco, a auténtica xoia sacra das terras de Cabana de Bergantiños.

Debaixo do altar, escóndense, por alfombra, tres sepulcros. No da esquerda, co escudo dos Castro, Moscoso, Riobó, Leis e Vilardefrancos, pódese ler a seguinte inscrición:
 

AQUÍ JAÇ LORENÇO BERMÚDEZ DE CASTRO, SEÑOR DA CASA DE A PENELA E DE SU XURISDICCIÓN E SU MUGER (MARÍA DE LEIS) 1675



Esta igrexa foi construída (Martínez Barbeito, 1971: 478) por mandado de Ruy Soneira de Rioboo, nobre da casa solarega da Penela, e, como deixou escrito en testamento de 1571, nela tamén foi soterrado.
A lenda (Otero Cebral, 24) conta qeu a igrexa de Riobó e o Pozo da Forca están unidos por unha enorme viga de ouro.

 

17. Chans de Perrol

Desde este cume cabanés, apreciaremos as alturas dos vales de Bergantiños e Soneira. A panorámica abrangue lugares como monte Neme, Sisargas, torres de Mens, monte do Faro, pico do Castelo, illa da Tiñosa, monte Branco, O Gontón, pico de Sinde, A Penela, Riobó; ao lonxe, pico de Meda. Na outra banda dos Chans de Perrol, observaremos, no horizonte, Buño, monte Neme, Carballo e Verdillo; aos nosos pés, Valenza e Agualada.

 

18. Folgoso

Este nome de lugar é un fitónimo, nome de planta, que anuncia a abundancia de fieitas no entorno. Nesta aldea, a señora Nieves Rial conserva a tradición de elaboras as filloas á pedra.

 

19. Corte das Cabras

Na ladeira do monte de Folgoso encóntrase (Otero Cebral, 25) a Corte das Cabras, lugar lousado e de forma moi peculiar onde os pastores e cabras se resgardaban do frío e das choivas; tamén servía de acubillo para o gando que pacía salvaxe.

 

20. Castro de Folgoso

Encóntrase nas aforas da aldea de Folgoso, contra o precipicio que forma o Pozo da Forca. A croa é ovoidal e ten 122 m de longo e 103 m de ancho. Está defendida por un parapeto duns 7-8 m de alto. Na propia croa, levántase a capela de San Brais. Contra o Noroeste aparecen dous antecastros duns 70 m de longo e 20 m de ancho. Presenta bo estado de conservación.

 

21. Capela de San Brais

A capela de San Brais erixiuse no centro da acrópole do castro de Folgoso. Trátase dun claro exemplo de espazo precristián sacralizado cunha ermida e tamén coa presenza dun cruceiro que ten como plataforma un penedo. San Brais é o santo da gorxa. Coma en Baneira, unha cantiga dinos o día da súa romaxe.
 

 
 
 
Meu santo san Brais,
feito de pau de loureiro,
ten a súa romería
o día tres de febreiro.



A capela data do século XVIII. O presbiterio está a maior altura cá nave; no interior garda un retablo barroco. A fonte encóntrase nas proximidades da ermida. Desde o campo da ermida, óese o ruído da fervenza do pozo da Forca.

 

22. A Mata

Esta aldea cabanesa é coñecida por ser berce de mozos regueifeiros.

 

23. Meixoeiro

Na aldea do Meixoeiro pódense observar interesantes edificacións de arquitectura popular como cabazos con columnas circulares en pedra de cachotería.

 

24. O Rempenín

Como elemento de arquitectura tradicional, aquí encóntrase un cabanote de longa fronte que sostén a súa teitume con dúas columnas circulares de pedra.

Galego