Ruta 2.Da Outrabanda a Corcoesto por Beres

A Outrabanda, do río Anllóns, en Cabana de Bergantiños, será a saída nodal dos tres próximos itinerarios, que comparten un primeiro treito común, desde o seu inicio ata o lugar de Leas.

Neste segundo itinerario viaxaremos desde as paredes nobres do Pazo do Bosque, lugar da antiga capital municipal do concello, ata as minas auríferas de Corcoesto, explotadas xa polos romanos.

Mentres andamos camiño, veremos as cruces debuxadas na fonte de San Xoán, visitaremos un taller de artesanía da pedra, adentrarémonos na ancestral romaría de Santa Mariña do Remuíño, que se celebra alí onde o Anllóns abandona terras de Coristanco e comeza en Cabana de Bergantiños a producir enerxía eléctrica na minicentral de Corcoesto, antes de Ponte Xavarido.

Itinerario Ruta [PDF]

 

1. Outrabanda

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños da Outrabanda deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

2. Porto dos Boedos

Ás beiras do Anllóns, encóntrase o antigo porto natural dos Boedos, lugar a onde os lancheiros de Cabana viñan desparagar area para abonar as leiras. É este tamén un espazo para capturar angula.

 

3. O Reguengo

No entorno, este topónimo cabanés pronúnciase «O Reghenco» xa que a esta pronuncia lle afectan dous fenómenos dialectais da gheada propios desta zona occidental de Galicia. Segundo o toponimista Fernado Cabeza Quiles (1992: 302) este nome indica pertenza como territorio de realengo.

 

4. Aserradeiro de Lucío

Todas as ribeiras do Anllóns eran espazo para o tratamento da abundante madeira dos montes de Bergantiños, maiormente dos concellos que beiraban o río no seu último treito: Ponteceso e Cabana de Bergantiños. A madeira, en torada, cortábase en táboa ou en puntal e dispoñíase en castelos a secar. Despois, agardaba a chegada das lanchas do Anllóns para que fose transportada ó porto de cabotaxe de Corme para proseguir a súa viaxe por toda a costa peninsular española.

 

5. Río da Balsa

No río da Balsa, a carón da ponte, había un lavadoiro a onde viñan lavar a roupa as mulleres de Neaño. Nos prados da beira do río poñían a roupa ó clareo. Hoxe é lugar de recollida de auga municipal para abastecemento das casas. En xaneiro, durante as mareas vivas, de lúa nova, a angula chegaba ata a desembocadura do Balsa co Anllóns.

 

6. Monte de Vilariño

Chégase a el por unha pista privada de terra. En Vilariño naceu a poetisa popular María Baña Varela. Nos seus poemas canta a súa aldea de infancia (2004: 44).
 

Vilariño, Vilariño,
casa donde me criei,
nos brazos de meus avós,
que eran José Baña Mata
e Andrea Varela Rei

 

7. Capela da Nosa Señora das Neves

Onda ela hai unha fonte de pedra coa súa pía e cano labrado en catería. O adro é triangular, a espadana está baleira de campás e a fachada presenta forma pentagonal.

 

8. Pazo do Bosque

O Pazo do Bosque foi a finais do século XIX capital de Cabana de Bergantiños. Esta mansión foi levantada polos fidalgos Rodríguez de Arijón e os Romero (Martínez Barbeito, 1971: 129-130) )que tiñan ademais outros pazos en Bergantiños, Nemancos e Soneira. Encóntrase a carón da capela das Neves. A casa, de planta rectangular, conta con baixo e dous pisos, paredes robustas, coma unha fortaleza, con ventás troneiras para defenderse e situadas a considerable altura. A lareira aparece na primeira planta. Nun lateral do tellado érguese unha boa cheminea de sillares. No exterior, pombal e espléndido cabazo. Todo o conxunto deféndese por recinto amurallado.

 

9. Casa do Concello no Bosque

A carón do Pazo do Bosque erixíase a Casa do Concello, hoxe edificio desaparecido.

 

10. Taberna do Bosque

A taberna do Bosque era propiedade dos pais dun gaiteiro mítico de Cabana: Manuel do Bosque, como veremos adiante. Hoxe desaparecida, estaba en pé a principios do século XX. Nela detense o protagonista da novela do sevillano José Más, A Costa da Morte. É o primeiro lugar que Aurelio Mejuto visita en Cabana de Bergantiños. José Más describe unha taberna un tanto peculiar, onde hai un letreiro no que se recomenda ós serareiros que non marchen sen pagar. Nela, o vendedor Aurelio logra colocar algunha mercancía. Leamos o texto (Mas, 180-181): 
 

?[Desde Corme, Aurelio] permitiuse o luxo de coller o coche de liña para regresar a Ponteceso. Logo, a pé, e desviándose un pouco da estrada, entrou no lugar do Bosque, pequena aldea cerca de Anllóns e envolta nun verdadeiro paraíso... a alusión e o aviso?

 

11. O gaiteiro Manuel do Bosque

Na Taberna do Bosque naceu o gaiteiro Manuel Figueroa, coñecido como Manuel do Bosque. El é o autor da ?Muiñeira de Cabana? que se interpreta ó longo de Galicia polos gaiteiros. O grupo Milladoiro tamén incluíu este tema no CD No confín dos verdes castros.

 

12. Os Maseiros

Unha corredoira, con rodeiras milenarias de carro labradas en pedra, que descende apegada ó muro de peche do pazo condúcenos ata Os Maseiros. É un espazo á beira do Anllóns onde se pesca angula e onde, noutro tempo, se descargaba area da enseada da Insua. Precisamente, consideramos que o nome do lugar, Os Maseiros, fai referencia aos depósitos onde se descargaba a area. Este espazo fluvial tamén foi cantado pola poetisa María Baña Varela (2004: 32).
 

Río Anllóns, que vés de lonxe,
pasas por tantos regueiros,
tráe-la pesquiña toda
á baixada dos Maseiros.

Alí te-lo criadeiro,
alí quedan coleando,
ó sonido das campanas
que en Anllóns quedan tocando.

 

13. Aserradeiro de Pepe do Bosque

Encontrábase a carón da estrada, nunha zona de curvas, e era mostra da puxanza da industria madeireira que había nas beiras do Anllóns. Desde o próximo lugar de Leas (Eiroa Pose) ata a desembocadura do Anllóns, había gran número de aserradoiros. Algúns deles eran estes: o de Xusto, o de Amarelle, o de Rial, o de Mourelle, o de don Juan, o da Pesqueira, o de Cousillas, o de José de Costa, o de Fabriquín do Couto, o dos Xaquíns, o de Francisco de Pailetes. A diminución do intenso labor dos aserradoiros provocou a desaparición do oficio dos lancheiros e a dos pataches. As causas de mingua dos aserradoiros foron principalmente a construcción da fábrica de aglomerados de Rus (UNEMSA) e a mellora das estradas da comarca co conseguinte transporte de madeira en camións.

 

14. 2,5 km

É a zona máis arriba do río a onde se viña capturar angula. Aquí, o Anllóns, abeirado por liñas de abeneiros, vólvese calmo e pausado nos prados de Cabana de Bergantiños. É esta tamén unha boa zona troiteira. Un castaño íspese de follas cada outono.

 

15. Taberna de Peón de Leas

Encóntrase na encrucillada de Leas que nos leva a O Esto. Esta taberna é famosa pola súa tortilla con chouriciños de pé e pola lamprea. No inverso é nomeado o seu cocido caseiro. Todo isto degustado a calor da lareira.

 

16. Ponte sobre o río Cundíns

Ponte que salva o río Cundíns que, poucos metros máis abaixo, desemboca, como afluente, no río Anllóns. O Cundíns é un dos afluentes cabaneses do gran río de Bergantiños. Contra á dereita da ponte, un río de lavar e un muíño. Río arriba o muíño da Bouza e O Parrocho. Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Cundíns deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

17. Artesanía en pedra

No lugar do Esto ten o seu taller de cantería o artesán e escultor Anxo Cousillas.

 

18. Punto de lectura do Esto

A escola unitaria do Esto, converteuse nun punto de lectura para os habitantes da parroquia. Nas aforas do edificio, unha área recreativa para descansar da lectura. Desde aquí albíscase o cume da Pena da Eirita.

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños do Esto deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

19. Cruceiro da Parrocha

Levántase nunha antiga encrucillada de corredoiras. O seu varal é de cemento, capitel con querubíns e follas; Cristo no anverso, Virxe en actitude orante no reverso; pedestal encastrado na plataforma.

 

20. Campo da festa do Esto

É o espazo público para deleite comunal no día da festa do patrón. Nel érguese un cruceiro sen a figura da Virxe no reverso; sen embargo, está decorado con figuras de santos polos costados.

 

21. Igrexa de San Xoán do Esto

O recinto parroquial de San Xoán está delimitado polo adro. Accédese ó seu interior a través dunha entrada delimitada por unhas columnas que sosteñen dúas esferas e unha cruz de pedra moderna. Salvada esta, andamos polo cemiterio novo. No adro encóntrase unha pía bautismal. A parroquia de San Xoán do Esto (Otero Cebral, 34) foi anexa de Anllóns (Ponteceso) e pertencente ao arciprestado de Seaia; máis tarde, converteuse en parroquia de seu, tendo a Silvarredonda baixo a súa xurisdición.

No Esto celébrase a festividade de San Ramón, santo que tamén cantou María Baña Varela (2004: 39)
 

San Ramón quedou no Esto,
que é o santo das mulleres.
Rapazas se ?tades gordas,
ide á misa se queredes.

 

22. O Rieiro

Lugar do Rieiro.

 

23. Fonte de San Xoán

Accédese a ela por un camiño de tera e a través dun prado. Esta fonte nace debaixo de dous loureiros novos e dun branco penedo. A lenda conta que cada ano, na pedra que hai encima da fonte, (Cebral) aparece unha cruz gravada; tamén, antes de saír o sol, se poden ver tres pebidas de ouro. As súas augas curan o mal do aire.

 

24. Beres

Casas de Beres.

 

25. Castro de Beres

Castro de BeresDesde el gozamos dunha boa panorámica da contorna. Cara ao norte, ollamos o cume do monte Neme, e cara ao oeste o monte Faro de Brantuas. Segundo Rodríguez Casal (1975: 122) este castro tiña un cuncheiro, coma o de San Fins do Castro e A Cidá de Borneiro. A lenda (Casal, 1975: 122) cóntanos que nas vésperas de San Xoán sae unha galiña negra con pitos; e tamén que os mouros sacan as mulas a beber a unha revolta do río. En 1928, o castro de Beres foi escavado polo enxeñeiro Adelino de Faría Rodríguez; durante a súa actuación encontrou restos de cerámica elaborada con lousa moída. O castro de Beres tamén foi un espazo poético para Eduardo Pondal; neste recinto castrelo, Temunde, a fada do vento, logra a visión do irmanamento entre os guerreiros galegos e portugueses.
A lenda que recolleu Otero Cebral (35) di que os antepasados contan que no castro se atopaba soterrada unha relucente cadeira de ouro da que ninguén nunca soubo dar fe.

 

26. Teixedo

No lugar de Teixedo, encontramos unha casa con muros de sillería na que desapareceu o primitivo balcón. No murao da casa, destaca unha cruz de pedra. Abaixo, nas leiras, segundo contan os habitantes da aldea, había unha capela.

 

27. A Regueira

O regato da Regueira é cruzado por unha ponte e ademais é espazo para o muíño da Regueira. Non obstante, neste espazo fluvial encontramos outra das pequenas fervenzas das terras de Cabana de Bergantiños.

 

28. Cardezo

 

29. Corcoesto

En 1820, no primeiro intento de municipalización de España, Corcoesto foi nomeado concello. Trece anos despois, a capital do municipio pasaría a ser o lugar de Cabana (Cesullas). Segundo informa Pascual Madoz (tomo VI, 1845), en 1845 había dúas escolas no territorio de Cabana: unha en Cesullas e outra en Corcoesto; eran privadas, estaban sen mestres e tiñan entre ambas 42 alumnos.

 

30. Casa do Ferrador

A casa do Ferrador é testemuña dun oficio xa desaparecido na actualidade; non obstante, aínda se conserva, no seu xardín, o vello poldro (de madeira) para ferrar as vacas (poñerlle as ferraduras nos pés)

 

31. Cabazo con abellariza en Corcoesto

Na encrucillada de Corcoesto, o pináculo dun portal anúncianos unha abellariza na graneira (ou casadeira) dun cabazo. Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Corcoesto deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas. En Corcoesto (Otero Cebral, 6) levántanse moi cedo o día de San Xoán para veren bailar o sol. Na noite de San Xoán (Otero Cebral, 7), as mozas solteiras de Corcoesto poñen unha clara de ovo nun vaso cheo de auga para así saberen que oficios van ter os mozos que lles toquen en sorte. En Corcoesto (Otero Cebral, 12) teñen o costume de saíren todos os días pola mañá da casa botando primeiro pola porta o pé dereito. En Corcoesto (Otero Cebral, 13) evitase plantar as patacas cando a lúa está na punta; polo contrario, faise cando está menguante ou chea.

 

32. Taberna de Corcoesto

A taberna de Corcoesto ofrécenos descanso e conversa cos seareiros sobre as minas auríferas explotadas desde o tempo dos romanos nesta parroquia.

 

33. Casa dos Collazo

En Corcoesto a nobreza encárnase na Casa dos Collazo. Os seus escudos (Martínez Barbeito, 1971: 223), de emplumados elmos, presentan unha aspa acompañada de catro flores de lis, dúas caldeiras con serpes, un castelo con tres lises e unha aguia; o herdeiro do primitivo casal, Miguel Collazo, descendente de labradores, conseguiu en 1670 integrarse no Tribunal do Santo Oficio. Entroncado con este pazo estivo o poeta barroco Bernardo Antonio de Ribera y Collazo, autor do poema «La Barca máis Prodigiosa. Poema Historial de Nuestra Señora de la Barca»

 

34. Ponte Xiverido

Ponte Xiverido cruza o río Anllóns desde as terras de Corcoesto para coller camiño cara a Langueirón, xa en lindes do concello de Ponteceso. Aquí, o río pai de Bergantiños marca fronteira municipal. Arredor da ponte obsevamos mostras do pasado mineiro coa presenza da antiga casa da Compañía Mineira Sagasta e tamén aínda se perpetúan no tempo exemplos de explotación madeireira co funcionamento do aserradeiro de Varela Sánchez. Ademais, moi cerca da casa de Sagasta está unha das bocas de entrada da mina.

 

35. Minicentral

Desde Ponte Xiverido, seguindo parellos ó río, pola marxe cabanesa, chegaremos a unha minicentral levantada por un antigo alcalde de Carballo, Chinto (Jacinto Amigo Lera). A súa canle nace bastantes metros río arriba, ó lado de Santa Mariña do Remuíño. Alí, desde unha represa, nunha canle paralela ao río, condúcese a agua que despois poñerá en funcionamento as turbinas da minicentral.
Todo este treito de río, desde a represa ata ponte Xiverido é espazo troiteiro, así como de cando en vez non é raro que prenda algún reo. A 200 m da ponte podemos baixar ata outra boca de mina.

 

36. Boca de mina nos Picotos

Cerca dos Picotos, encontramos unha boca de misa. O seu interior está escavado en pedra.

 

37. Rectoral de Corcoesto

A rectoral de Corcoesto ten na actualidade un uso social como sé da Asociación de Veciños A Lareira. O conxunto das edificacións anexas da rectoral compleméntanse cun enorme cabazo de tipo Coristanco e un pombal, ambos de pedra.

 

38. Santa Mariña do Remuíño

O campo de Santa Mariña do Remuíño é un espazo etno-culturais máis importantes das terras de Cabana de Bergantiños. Aquí, ribeira abaixo, o río Anllóns separa os concellos de Coristanco, polas terras de Cereo, e Cabana. Contra a dereita da carballeira do Remuíño poderemos observar outra boca de mina con curva na súa entrada e á sombra de dous carballos novos. Desde esta boca de mina, un camiño da xente baixa ata as beiras do río. Neste meandro, comeza o embalse da minicentral que vimos atrás.

A carballeira do Remuíño é centenaria. Aquí celébrase cada 18 de xullo unha sonada romaría. Á sombra dos carballos érguese, observando a ermida, un particular cruceiro: anverso de corazón cravado de espadas, reverso de coroa de espiñas e unha serpe. Na fachada da capela desapareceu un sillar cunha deusa prerromana da fertilidade. Hoxe encóntrase na ábsida da parroquial de San Martiño de Cores (Ponteceso). A fonte do Remuíño data de 1896. Nas súas augas (Cebral, 107) lávanse os ubres das vacas para que desen máis leite; en tempos, tamén o facían as mulleres cando tiñan que amamantar nenos.

Por un camiño, á esquerda da capela, baixamos (200 m) ata o embalse e inicio da coanl eda minicentral. Enfronte están as terras de Langueirón (Ponteceso). (Podemos chegar ao lado contrario do embalse, a pé, desde Ponte Xiverido)

 

39. Pozo de Malacate

É un pozo vertical, de 100 m de profundidade, como resto do pasado de explotación aurífera. Comunica con todas as galerías e bocas de mina que acabamos de visitar. Desde o Pozo de Malacate obtemos unha boa panorámica da contorna.

 

40. Igrexa de San Pedro

Presenta unha fermosa estampa cos seus dous camelios enmarcando a fachada e a gran torre-campanario. No interior gárdase a imaxe de Santa Mariña, que só sobe ata O Remuíño cada 18 de xullo.

Galego