Persoeiros
Emilio Lema Pérez
Autor: Concello de Cabana de Bergantiños
Idioma: Galego

Cesteiro

Canduas (Cabana de Bergantiños) 24.11.1928

Canduas (Cabana de Bergantiños) 28.08.2005

Emilio Lema Pérez tivo como profesión a de carpinteiro de barcos. Aprendeu o oficio nas carpinterías de ribeira de Cabana de Bergantiños, para despois traballar longo tempo en distintos estaleiros da cidade da Coruña. Non obstante, a súa verdadeira paixón era a cestería. Érao tanto que mesmo lle quitaba o sono e coa alborada xa se poñía a traballar a carón do seu banco de artesán.

Emilio Lema Pérez foi cesteiro desde os primeiros anos. Cando de cativo tiña que ir coas ovellas para os montes de Canduas, dicíalles ós seus compañeiros: "Quen me coide das ovellas fágolle un cesto". Tal dito, tal feito.

Emilio Lema Perez traballando

De todos modos, os anos de maior actividade artesá foron os que seguiron á súa xubilación de carpinteiro. Neles, impartiu cursos de cestería, acudiu a mostras de artesanía no Couto, en Neaño, na Telleira, en Boimorto, en Laxe e representou o oficio tradicional da cestería da Costa da Morte nos stands que a Asociación Neria levou á Feira Internacional do Turismo (FITUR) ou á Bretaña francesa. En Camariñas, uns sombreiros de varas soltas confeccionados por el resultaron co-gañadores do primeiro premio no desfile de moda da Mostra do Encaixe. Polo tanto, Emilio Lema Pérez converteuse no artesán de maior proxección e máis internacional de Cabana de Bergantiños. Días antes do pasamento, encontrábase elaborando a cesta máis grande do mundo coa que situaría ó seu concello natal nas páxinas do Libro dos Récords

Para realizar as pezas, Emilio Lema empregaba fundamentalmente material autóctono. Acudía ós prados para recoller vimbio e despois sometelo a distintos tratamentos: se quería elaborar unha peza escura, facíaa co vimbio sen pelar; se a peza tiña que ser clara, cocíao e pelábao. Nos últimos anos, incorporou material de fóra de Galicia, como podía ser a "vara longa" ou "médula" que el encargaba en Salamanca. Nalgunha obra, empregou lamias de carballo.

Emilio Lema Perez traballando

As obras que nacían no obradoiro de Emilio Lema tiñan un dobre sentido: o práctico e o decorativo. Entre as primeiras, as máis abundantes, cómpre citar paxes, buceiras, cestas, bandexas, cestos de pesca, cestos de ovos, cestos de romaría, sombreiros, cadeiras, botellas ou garrafas vestidas, ás veces con asa, ás veces sen ela. Entre as segundas, como retos que el se marcaba ou encargas realizadas polos visitantes do seu obradoiro, están avións, paxaros ou mesmo esveltos barcos veleiros.

Emilio Lema Pérez pertencía a esa estirpe de artesáns que se resistía á desaparicións nas aldeas de Galicia dos vellos oficios de antano. E Cabana de Bergantiños, documentado desde a idade media, é un verxel destes oficios. Como mostra, o exemplo deste cesteiro ou tamén o traballo das fiandeiras de liño e das encaixeiras.