Persoeiros
Hermosinda Varela Lema
Autor: Concello de Cabana de Bergantiños
Idioma: Galego

Poetisa popular

Tabuído. Canduas (Cabana de Bergantiños) 00.00.1914

Tabuído. Canduas (Cabana de Bergantiños) 26.02.1989

A poetisa popular Hermosinda Varela Lema naceu nunha casa forte de labradores. Cóntase que desde Rebordelo ata a casa natal todo eran propiedades de seu. Ademais, a facenda constituíana vacas, cabalos, varias parellas de bois e gando miúdo. Nun vello reparto da herdanza, entregouse como dote unha parella de bois para Portugal. Polo tanto, Hermosinda naceu e criouse labrega nunha paraxe cabanesa inesquecible ás beiras onde o Anllóns rende alentos: Tabuído.

Hermosinda de Tabuído era unha muller moi relixiosa. Nunca perdía misa, mesmo deixaba plantado calquera traballo na agra para acudir puntualmente á igrexa. Este trazo da súa personalidade verase plasmado despois na obra poética onde figuras como a Virxe son cantadas en varios poemas, onde a chegada dun novo cura á parroquia é celebrado con versos ou onde unha excursión á Virxe de Fátima en Portugal é recordada cunha boa presa de coplas.

Na primeira comunion dos seus fillosNatural dunha terra de importante tradición poética popular e instruída nunha escola do rural, Hermosinda de Tabuído xa creaba coplas desde moza. Tanto lle compoñía poemas a unha veciña como lle enchía follas de versos ós rapaces que acudían a ela para levalos ó colexio. O seu xenro tampouco escapou á ollada poética. A construción das escolas das Revoltas pasou pola súa pluma. E esa forza e ánimo poético estivo vivo ata o día do seu pasamento.

Xunto con persoas como María Baña Varela, Hermosinda Varela Lema é claro exemplo de pervivencia dunha literatura oral e popular nas aldeas de Galicia. Como mostra, sirvan estes versos inéditos nos que poetiza a historia da súa parroquia. Orixinal maneira de contar e cantar as raiceiras nativas.

Vouvos contar unha historia
aquí con poucas palabras:
no que antiguamente era
a nosa parroquia de Canduas.
 
Había un convento de monxas
disque no lugar de San Pedro.
Eu esto xa no no vin,
pro díxomo meu abuelo.
 
Despois marcharon dalí,
eu non sei pra que lugar;
disque lle iban facer guerra
os mariñeiros do mar.
 
E despois aquí en Canduas,
según algún vello dixo,
era un convento de frailes,
chamábase San Martiño.
 
Os frailes daquí marcharon
e non sei para que sitio;
así lle quedou o nombre:
parroquia de San Martiño.
 
Esta historia é pequena,
que ten mui poucas palabras.
A parroquia de Borneiro
disque era anexo de Canduas.
 
Estas cousas de tan vello
saberano dous ou tres,
que tamén era de Canduas
o lugar de Valarés.
 
Unha ves viñan con un morto
a Canduas a enterrar,
como non había puente
na Barra caiulle ó mar.
 
Ó pasarlle esta avería,
por si morrería outro
ordenaron co lugar
fora prá parroquia do Couto.
 
Antes Canduas era pequeno,
según dixo un estudiante,
pro como todo oumentou
hoxe é unha parroquia grande.
 
Esta é unha historia pequena
das cousas da antigüidá
e eu se soupera máis
decíavola de verdá.