San Xoán de Borneiro

Cruceiro do igrexario I

Construído en granito. A plataforma é cadrangular con dous graos. O pedestal é cadrangular e remata en chafráns. Ten mesa adosada. O varal, que comeza cadrado, é octogonal diminuído. A parte máis destacada deste cruceiro é o seu capitel cilíndrico que presenta as seguintes formas: astrágalo circular e liso; follas de ábaco, de lados curvos e vértices achafranados; volutas; catro caras de querubíns; follas de ápice groso e redondo. O capitel cadrangular está exento de imaxes e só presenta como motivo decorativo brazos achafranados.

 

Cruceiro do igrexario II

Está construído en granito e presenta a plataforma e o pedestal totalmente enterrados. O capitel é cilindrico moldurado. A cruz presenta os brazos achafranados, remates florenzados e flores no centro.

 

Cruceiro do igrexario III

Totalmente de granito, ten a plataforma enterrada. O pedestal é cúbico. O varal é octogonal aínda que comeza en cadrado. O capitel, troncocónico invertido con molduras, semella unha maceta de barro de Buño. A cruz é romboidea con remates florenzados e círculo no centro.

 

Cruceiro do Briño I

Elaborado en granito, presenta a plataforma enterrada. O pedestal é cadrangular rematado en chafráns. O capitel é cadrangular moldurado. A cruz é octogonal con remates florenzado.

 

Cruceiro do Briño II

Está construído en granito e ten a plataforma enterrada. O pedestal é cadrangular. O varal é octogonal e comeza e remata en cadrado. O capitel é cadrangular con molduras. A cruz é octogonal con remates florenzados e figuras xeométricas.

 

Cruceiro da carballeira do Briño

Está datado como un dos cruceiros máis antigos Galicia. No pedestal ten a seguinte inscrición: ?Se retocó, trasladó y pintó siendo cura párroco Francisco Lema Martínez natural de esta parroquia. Año 1899?. Esta inscrición é testemuña do costume do tralado de sito dos cruceiros así como nos informa que este é un cruceiro policromado. Non obstante, a súa data de construción aparece máis arriba: "1622".

 

Cruceiro da Balsa en Dombate

Está totalmente construído en granito e presenta a plataforma enterrada. O pedestal é cadrangular rematado con medias canas. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel é cadrangular moldurado. A cruz ten sección cadrangular. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara á dereita, de mans abertas e con coroa de espiñas, co pano da pureza anoado á dereita. O reverso carece de imaxe.

 

Cruceiro de Dombate

Está elaborado en granito. A plataforma cadrangular está construída de cachotería. O pedestal é cadrangular. O varal é octogonal. A capitel, cadrangular moldurado, posúe a seguinte inscrición: BFB. A cruz é cadrangular e no seu anverso aparece a figura dun cáliz, unha pequena imaxe en actitude orante; os paus da cruz únense por figuras xeométricas.

 

Cruceiro de Fontefría I

Como materiais combina granito e formigón. A plataforma está enterrada. O pedestal é cadrangular e remata con medias canas. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel é cadrangular moldurado con cuarto bocel e media cana. A cruz é de formigón e presenta forma cadrangular recrucetada.

 

Cruceiro de Fontefría II

Combina granito e formigón. A plataforma está enterrada. O pedestal é cadrangular rematado en chafráns. O varal é octogonal comezado e rematado en cadrado. O capitel é cadrangular moldurado con cuarto bocel e media cana. A cruz é rectangular cun círculo no centro e pequenos círuclos na totalidade dos paus.

 

Cruceiro viradoiro de Vilaseco I

Construído en granito. A plataforma e o pedestal entán enterrados. O varal é octogonal comezando en cadrado e rematando nun capitel debuxado con dous riscos acanalados. A cruz exenta de imaxes e decoración xira todo arredor.

 

Cruceiro viradoido de Vilaseco II

Construído en granito. Está situado no muro dunha vivenda case escondido entre unha sebe de loureiros. Ten a súa pequena cruz cementada ó capitel para que non sexa roubada.

 

Cruceiro viradoiro do Roncadoiro

Esta cruz está hoxe desaparecida e sábese dela pola súa descrición e debuxo que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao inclúe no libro As cruces de pedra na Galiza. Descríbea do seguinte modo: "Unha cruz que cómpre citar como moi antiga, aínda que a súa antigüidade sexa hipotética, é a que se ve no logar do Roncadoiro ?feligresía de Borneiro e concello cruñés de Cabana- Esta cruz é xiradoira e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun moimento antigo, cicais arrefeitado máis tarde. Pola súa condición de pedra xiradoira, o pobo concédelle virtudes miragreiras".

 

Cruceiro de Vilaseco

Está construído en granito. A plataforma dun grao é cadrangular. O pedestal é cúbico. O varal é circular, comeza en cadrado e vai diminuíndo. O capitel é troncocónico invertido con molduras semellante ó do igrexario de Borneiro. A cruz é cadrangular con remates florenzados e círculo no centro.

Galego