R-2. Tralas pegadas dos Riobó

PUNTOS DE INTERESE:

1. LUGAR DA MATA (SAÍDA / CHEGADA)
2. IGREXA DE S. MARTIÑO DE RIOBÓ
3. TORRE DA PENELA
4. VAL DA BARCIA
5. POZO DA HORCA
6. CASTRO E CAPELA DE SAN BRAIS DO FOLGOSO
7. MUÍÑOS DOS ABELÁNS

Resume do percorrido

Este percorrido transcorre por un interior de Cabana de Bergantiños que amosa curtos vales, elevadas altitudes e importantes elementos patrimonais entre os que salientan arquitecturas defensivas como a Torre da Penela ou o mellor retablo barroco do concello na parroquial de San Martiño.
Por terreos do antigo condado da Penela, berce da nobre familia Riobó, as aldeas preséntanse pequenas e conformadas por un escaso número de vivendas debido ós poucos terreos cultivables e á enorme ocupación dos bosques.
O ser humano deixou aquí unha pegada tan lonxeva que permanece no tempo en entornos etnográficos como o dos muíños dos Abeláns, o sacro-arqueolóxico de San Brais de Folgoso ou o espazo fluvial do Pozo da Horca.

RUTA:

Km. 0. A ruta comeza na Mata. Iniciamos camiñada cara á igrexa de San Martiño. Pasado o cemiterio, deixamos á esquerda un desvío que baixa a Soutochán que nos levaría directos ó Pozo da Horca, pero seguimos recto cara Riobó.

Km. 1.5. Riobó é unha aldea encaixada nun val entre montañas. Nunha das casas pedimos a chave para acceder á igrexa de San Martiño. O interior garda marabillas de arte relixiosa: dúas pías bautismais antigas, un arco triunfal con capiteis románicos, dúas sepulturas con escudos dos condes da Penela e o mellor retablo barroco do concello. Continuamos percorrido por detrás dunha canceliña metálica que dá paso a un camiño polos prados que atravesa o regato de Riba da Cancela e enlaza cunha corredoira ata a aldea da Penela. 

Torre da Penela é o único resto dunha fortaleza medieval que vixiaba o condado do mesmo nome. Os seus lindes marcábanos os cruceiros de Bello, Baneira e campo da Penela. O fundador do vínculo foi Lope Bermúdez. A principios do século XVII, Lorenzo Bermúdez de Castro converteuna en pazo. Os últimos apelidos nobres foron os do conde Javier Ozores Poderosa. 
Ten formato cadrado. Na frontal aparece un escudo e unha porta con arco de medio punto de grandes doelas. Os cuarteis do escudo amosan as armas do remodelador: Bermúdez, Castro e Riobó. Outro escudo encástrase nos pés dun cabazo veciño.

lenda de orixe do nome do lugar conta que uns soldados tiñan retida no cárcere da torre unha fermosa moza. Nun descoido, ela logrou fuxir, pero déronlle morte ó pé do cruceiro. Os veciños, que vían o acontecido, exclamaron: ?¡Pena... dela! ¡Pena... dela!?. Outra tradición di que quen pasaba as lindes do cruceirosalvábase. 

Seguimos a frecha amarela ata fonte da Penela que nace nunha ladeira da aldea. É un conxunto de pedra no que dous canos verten auga nun sartego. A lenda conta que nela se agocha o encanto dunha feiticeira e fermosa dama branca.

Km. 2. Volvemos sobre os nosos pasos. Seguimos pola pista asfaltada cara á Barcia deixando á esquerda Riobó. Máis adiante, un atallo polo medio do monte lévanos ó val da Barcia (km. 4) e desde alí unha pista de terra que bordea o río déixanos na aldea de Soutochán.

Km. 4.7. Collemos un camiño de carro que nos leva ó desvío, de ida e volta, para visitar o Pozo da Horca. Batemos coa maxestosa fervenza da Baiabosa, a quen Eduardo Pondal dedicou versos coma estes: ?río de Bergantiños, / xentil e soador, / cando da Baiabosa / sae con rouco son, / entre miúdos seixos / de branca e leda cor?. Cóntase que no fondo do Pozo da Horca se esconde unha grade de ouro; tamén se di que desde aquí ata a Torre da Penela vai unha trabe de ouro; ademais, que o pozo vén ser un ollo do mar.

Km. 6. Recuamos sobre os nosos pasos e subimos á dereita por un camiño forestal ata o castro de Folgoso e a capela de San Brais, santo da gorxa. Ocastro é de pequeno tamaño e croa circular; presenta como particularidade a de ser un espazo precristián sacralizado mediante construción dunha ermida na súa acrópole. A capela data do século XVIII; presenta presbiterio a maior altura cá nave; no interior, conserva un retablo barroco.

Km. 7.2. Dirixímonos ó Folgoso. A derradeira visita son os tres muíños dos Abeláns. Ó seu carón restaurouse a marxe fluvial cun pequeno paseo e área recreativa.

Km. 9.5. Volvemos á aldea de Folgoso na que se conservou a tradición culinaria das filloas á pedra. A música tradicional tocada con pandeireta tamén mantén vivas pezas como a ?punteada e a xota de Folgoso? tocadas co puño pechado. Os últimos pasos lévannos outra vez ó café-bar Josefa da Mata por unha costenta pista asfaltada.

 

Tralas pegadas dos Riobó R-2 (en castellano)

Panel da ruta

Tríptico (I)

Tríptico (II)

Galego