O Concello abrirá o luns o prazo de inscrición para solicitar a ocupación das vivendas sociais

Sen definir

O Concello de Cabana abrirá o luns o prazo de inscrición para solicitar a ocupación temporal das vivendas sociais. Poderá facerse nas oficinas municipais ata o vindeiro 17 de outubro.

A Administración local posúe seis fogares destinados a ocupación temporal social co fin de asegurar unhas condicións dignas de vivenda a aquelas persoas que se atopan nunha situación económica na que contan con recursos insuficientes para acceder ao mercado de vivendas en ocupación temporal. No caso de que algunha solicitude fose incorrecta ou se omitira a presentación dalgún documento, outorgarase un prazo de 10 días para emendar os erros de todos/as eles/as.

Poderán optar todas aquelas persoas que non puidesen acceder a unha vivenda de ocupación temporal a prezo de mercado e nas que concorran os seguintes requisitos:

Ser maior de idade ou menor con emancipación concedida e non ter incapacidade de obrar para obrigarse de xeito contractual de acordo co Código Civil; deberase acreditar a residencia legal, efectiva e continuada no Concello de Cabana de Bergantiños durante un período de, cando menos, seis meses con anterioridade á data de solicitude; non se pode ser titular dunha vivenda en réxime de propiedade en pleno dominio ou dun dereito real de uso ou goce sobre outra vivenda en todo o territorio nacional e; a unidade familiar terá que acreditar que non se superan os ingresos máximos establecidos na convocatoria.

O prazo de autorización da ocupación temporal das vivendas sociais será de dous anos, contado desde a data de formalización do documento administrativo da cesión.

Crearase unha listaxe onde figuren todas as persoas solicitantes, segundo a orde de puntuación obtida, e no caso de igualdade terase en conta a data de presentación.

O alcalde, José Muiño, recalca a “importancia que temos desde os gobernos municipais de garantirlle á veciñanza un dereito, como é o de vivenda, facendo uso das nosas infraestruturas.

En Cabana existen seis deste tipo cunhas condicións excelentes, no centro neurálxico do noso municipio e temos a obriga de potencial para que todas as persoas sexan iguais nun ámbito fundamental como é o da vivenda, independentemente da renda”.