Remata a renovación da tubaxe de abastecemento do depósito do Picón, en Cesullas, cun investimento de 48.000 euros

Sen definir

O Concello de Cabana rematou os traballos de mellora do depósito do Picón, na parroquia de Cesullas, un proxecto cofinanciado coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no que se destinaron 48.000 euros.

Esta intervención incluíu a retirada dun treito de 465 metros de tubaxe cuxa vida útil estaba a piques de esgotarse e a súa reposición cunha nova canalización que permite garantir a subministración de auga potable á práctica totalidade dos núcleos costeiros do municipio en épocas de seca.

Cómpre destacar que a rede xeral de abastecemento de auga de Cabana de Bergantiños componse dun sistema complexo integrado por dúas redes interconectadas, que son a de Cesullas e Canduas, para dotar de auga potable á poboación. Ademais, o municipio conta cunha rede independente en Rempenín para abastecer os núcleos interiores.

O alcalde, José Muíño, destacou que “coa renovación da rede de Cesullas estase a realizar un traballo esencial para asegurar un servizo básico á veciñanza sobre todo en períodos de seca”. “O do Picón é un dos depósitos que manteñen abastecida de auga potable todos os fogares da parte costeira de Cabana, polo que conservar a infraestrutura en boas condicións é clave”, engadiu.

Esta actuación únese á mellora executada na estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Lodeiro, na que se puxo en marcha o tratamento de residuos mediante raios UV e na que se modernizou totalmente o funcionamento das instalacións.