O Concello de Cabana remata as reparacións en estradas das parroquias de Silvarredonda e Rioboo por 95.000 euros

Sen definir

O Concello de Cabana acaba de concluír os traballos en varios puntos das parroquias de Silvarredonda e Rioboo. As reparacións contaron cun investimento de 95.049 euros financiados do Plan Único da Deputación da Coruña.

O alcalde, José Muíño, destacou o importante progreso que supón “este incremento de calidade nas estradas que vertebran o municipio e que achegan unha importante mellora nas condicións de circulación de vehículos”. Neste sentido, avanzou que esta actuación “está enmarcada dentro doutra serie de intervencións máis ampla e que eleva o investimento en acondicionamento de estradas a case 240.000 euros”.

Deste xeito, este proxecto contemplou o arranxo das vías entre Baneira e A Penela e no núcleo da Paradoa, na parroquia de Silvarredonda, ademais dunha estrada no Meixoeiro, na parroquia de Rioboo.

Os traballos contemplaron a reposición do firme anterior por unha nova capa de aglomerado en quente. Ademais da eliminación da masa vexetal existente e da limpeza das marxes das vías, tamén se procedeu ao pintado das correspondentes marcas viarias.