Rematan os traballos de construción da EDAR do Balado, en Neaño, que permitirá evitar vertidos nas augas do río Anllóns

Sen definir

<p>O Concello de Cabana concluíu esta semana as obras de construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) no lugar do Balado, en Neaño, parroquia de Cesullas. Esta infraestrutura posibilita evitar vertidos no leito do río Anllóns. A través desta intervención, que contou cun orzamento de 56.924,88 euros financiados polo Plan Único da Deputación da Coruña, permítese a eliminación dun punto onde se detectara a presenza de residuos procedentes dun colector da rede unitaria. Para poder solucionar esta situación procedeuse á conexión desta rede unitaria á rede de saneamento existente. Dotouse a canalización dun alivio que conecta á EDAR para recoller e depurar as augas residuais correspondentes. A depuradora está emprazada nun camiño municipal no que se executaron, á súa vez, traballos de desbroce e acondicionamento do firme. O goberno local agradece a colaboración veciñal á hora de realizar a intervención. Logo do remate dos traballos, o alcalde de Cabana, José Muíño, destacou a “importancia da creación desta infraestrutura para a rede de saneamento municipal, que se suma ás melloras no depósito de Picón, en Cesullas, ou na depuradora de Lodeiro”.</p>