O espírito do Samaín chega a Cabana cun roteiro máxico que incluirá teatro, música en directo e as tradicionais castañas asadas

Sen definir

<p>O espírito do Samaín chegará a Cabana este sábado 30 de outubro de man do departamento de Cultura e da programación do ‘Outono Cultural’. O roteiro máxico ‘As cores do Samaín’ levará á rapazada cabanesa por un percorrido que comezará no Dolmen de Dombate e que finalizará no Castro de Borneiro e que inclúe sorpresas para todos os gustos e idades. A ruta iniciarase a partir das 18:00 horas desde as instalacións do museo arqueolóxico de Dombate. As persoas participantes na actividade deberán ir disfrazadas e portando unha luz ou candil para seguir a ambientación da cita, na que non faltará a boa música a cargo de O Son do Castro e as representacións teatrais de Os Quinquilláns. Unha vez que os asistentes completen o percorrido ata o Castro de Borneiro, poderán gozar dunha gran degustación de castañas asadas e comer a froita da inmortalidade co acompañamento musical e escénico das dúas agrupacións convidadas. O roteiro ‘As Cores do Samain’ non será a única actividade desta fin de semana. A programación do mes de outubro pecharase o día 31 co espectáculo cómico ‘Desconcerto’, de Culturactiva. Esta actuación, que estará a cargo dos actores Fran Rei e Félix Rodríguez, celebrarase nas instalacións do auditorio municipal a partir das 18:00 horas. Lembramos que ambas actividades contan con aforo limitado e que será necesario inscribirse previamente a través do teléfono do departamento de Cultura, no 981 754 020. Garantiranse todas as medidas e recomendación sanitarias pertinentes co obxectivo de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio por covid-19. Esta programación cultural conta coa organización do Concello de Cabana e a colaboración da Deputación da Coruña, Gadis e a Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22.</p>