O ‘Outono Cultural’ chega a Cabana con teatro, festivais, música en directo e un roteiro máxico para conmemorar o Samaín

Sen definir

<p>O departamento de Cultura do Concello de Cabana acaba de presentar a programación do ‘Outono Cultural’, unha iniciativa que inclúe multitude de espectáculos teatrais, música en directo, contacontos e outras sorpresas adaptadas para todas as idades. A primeira actividade, que terá lugar o 24 de outubro ás 18:00 horas no auditorio municipal, será o ‘Consertasso na Horta’ de Brais das Hortas. Esta sesión inaugural combina teatro, humor e música para facer gozar a toda a familia. O sábado 30 de outubro chegará a primeira das grandes actividades deste ‘Outono Cultural’. O Concello de Cabana conmemorará o Samaín dun xeito especial co roteiro máxico ‘As Cores do Samaín’, que partirá desde o Dolmen de Dombate a partir das 18:00 horas. A rapazada irá disfrazada cara o Castro de Borneiro portando luces ou candís nun traxecto no que gozarán de representacións teatrais a cargo dos Quinquilláns. O Son do Castro poñerá o acompañamento musical nunha xornada na que, por suposto, non faltarán as castañas asadas. A programación do mes de outubro pecharase o día 31 co espectáculo cómico ‘Desconcerto’, de Culturactiva. Esta actuación, que estará a cargo dos actores Fran Rei e Félix Rodríguez, poderá desfrutarse nas instalacións do auditorio municipal a partir das 18:00 horas. Caramuxo Teatro tomará o relevo no auditorio o martes 2 de novembro coa obra ‘A nena que vivía nunha caixa de mistos’. A función comezará ás 11:30 horas e estará dirixida a público familiar. O domingo 7 de novembro chegará a quenda do divulgador Pablo Carpintero, que analizará a música tradicional galega e a evolución dos seus instrumentos musicais. O público poderá acceder a esta sesión nas instalacións da Escola de Vela a partir das 12:00 horas. O día seguinte, luns 8 de novembro, a Asociación Íntegro organiza, coa colaboración do Concello de Cabana, o espectáculo ‘Encuentros y desencuentros’ de man da compañía teatral de Blanca Marsillach. Esta experiencia funciona como unha ferramenta terapéutica e un programa de integración no que traballan actores profesionais con e sen discapacidade. Romaría de Inverno no verán de San Martiño A segunda das grandes datas desta nova programación será o 11 de novembro. Desde as 10:00 ata as 13:00 horas terá lugar a tradicional recreación da Romaría de Inverno no campo de San Fins do Castro. Contará con música a cargo de Cé Orquestra Pantasma, baile, castañas, o clásico Berro Seco, sesión de contacontos con Anxo Moure e percorridos no tren turístico polos lugares máis emblemáticos de Cabana. A troula continuará o domingo 14 de novembro coa versión teatral de ‘A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza’, unha obra que representará A Xanela do Maxín. A actuación comezará 18:00 horas no auditorio municipal. Unha semana despois, o 21 de novembro, o centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate acollerá a presentación musical do libro ‘Xeometrías máxicas de Galicia’ a partir das 12:00 horas. No acto participarán Bieito Romero e Irma Macías. O xoves 25 de novembro celebrarase outra data moi especial neste calendario de actividades de outono. Trátase dunha programación conmemorativa baixo o título de ‘A visibilidade da muller’, unha xornada dedicada a poñer en valor a figura da muller na sociedade e a importancia da súa voz. O acto iniciarase ás 11:00 horas na Casa do Pendón. O último gran evento deste ‘Outono Cultural’ chegará o domingo 28 de novembro. As agrupacións musicais locais Os Farrapos, Manuel Souto e Jacinto Paredes, as pandereteiras As Fiandeiras do Fol, Eloy Mato, Xuntanza de Cabana e o Son do Castro participarán no gran ‘Festival As Nosas Músicas’. O público poderá gozar da música local desde os asentos do auditorio municipal a partir das 18:00 horas. As dúas derradeiras actuacións do outono serán o sábado 4 e o luns 6 de decembro no centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate, ambas con inicio ás 18:00 horas. A primeira das sesións será un dos contos de Pablísimo, ‘O Arquivo do Chibo’, mentres que a segunda será o espectáculo de narración oral e monicreques ‘Novos Lobos’, de Fantoches Baj. Inscricións e reservas Todas as actividades contarán con aforo limitado e será necesario inscribirse previamente a través do teléfono do departamento de Cultura, no 981 754 020. Garantiranse todas as medidas e recomendación sanitarias pertinentes co obxectivo de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio por covid-19. A programación cultural conta coa organización do Concello de Cabana e a colaboración da Deputación da Coruña, Gadis e a Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22.</p>