Cabana seguirá a impulsar o turismo sostible no Esteiro do Anllóns coa creación dun centro de recepción para roteiros

Sen definir

O Concello de Cabana seguirá a impulsar o turismo sostible no Esteiro do Anllóns a través da creación dun centro de recepción turística para roteiros. O proxecto, que conta cun orzamento de 30.000 euros subvencionados por Turismo de Galicia, contempla a restauración dun inmoble situado no percorrido do Camiño dos Faros.

O alcalde, José Muíño, explicou que se trata dunha “grande intervención” que permitirá “que todas as persoas que se acheguen a Cabana para gozar do espectáculo do Esteiro do Anllóns ou doutros emprazamentos paisaxísticos conten cun punto onde recibir información, asesoramento e acubillo na súa viaxe”.

Esta actuación inclúe a rehabilitación total dun edificio situado na contorna da praia do Pendón e o albergue. Este inmoble presenta un mal estado de conservación na actualidade que quedará corrixido co seu acondicionamento interior e exterior. A infraestrutura pasará a contar con oficina, almacén de material, aseos, duchas e vestiarios a disposición das persoas usuarias.

A segunda parte do proxecto consistirá na sinalización de catro rutas BTT polas que se dispoñerán carteis e diferentes elementos cos que indicar e diferenciar os percorridos. O centro de recepción será o punto inicial dos itinerarios e funcionará como espazo onde poder gardar obxectos persoais e mesmo as bicicletas.

Neste sentido, José Muíño destacou que o obxectivo “pasa por seguir a poñer en valor e incrementar o atractivo turístico de Cabana e de toda a comarca promovendo un turismo respectuoso co medio ambiente e sostible”. “O BTT non consiste só en pedalear, senón en desfrutar da ruta e dos espazos polos que circula”, afirmou o rexedor.

“Espazos como o Dolmen de Dombate, o Castro de Borneiro, o Camiño dos Faros e o propio Esteiro do Anllóns merecen unhas infraestruturas á súa altura”, engadiu Muíño. Entre as prioridades do goberno local cabanés, insistiu, está aproveitar ao máximo o auxe do gusto “pola terra e polo rural”.