A exposición fotográfica ‘Cores da terra’ de Santiago Garrido seguirá en agosto no Dolmen de Dombate pola súa excelente acollida

Sen definir

A exposición fotográfica ‘Cores da terra’, do redactor de La Voz de Galicia Santiago Garrido, prolongará a súa estancia no Dolmen de Dombate durante o mes de agosto debido á súa excelente acollida.

Así, o Concello de Cabana e a Deputación da Coruña optaron por darlle continuidade á galería polos bos comentarios das persoas que levan visitando o centro arqueolóxico nas últimas semanas e que seguirán acudindo a Dombate durante a época estival.

A mostra está composta por imaxes sobre paisaxes tradicionais, solpores e elementos como “o gran de trigo ou de millo, a lavandeira, a andoriña no niño, a papoula e a margarida”, como explicaba o propio autor, Santiago Garrido, na presentación da exposición.

Esta actividade, que estivo motivada durante o mes de maio pola conmemoración das Letras Galegas, tivo un “moi bo recibimento por parte da veciñanza e de todas persoas que se achegan a Dombate”, aclararon desde o goberno local.