Cabana continúa a súa firme aposta pola educación positiva co proxecto Mochilas pola igualdade

Sen definir

O Concello de Cabana continúa coa súa firme aposta pola educación positiva co proxecto Mochilas pola igualdade, un programa cuxa finalidade é o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

Dentro desta actividade, buscábase que o alumnado cabanés traballase de forma cooperativa e perspectiva de xénero, modificando as actuacións discriminatorias e facer presión para eliminar os obstáculos que impiden a participación das mulleres en igualdade de condicións que os homes en calquera ámbito da vida.

Os destinatarios e destinatarias foron o alumnado de 5º e 6º de primaria do CPI As Revoltas, que traballaron un total de 100 minutos en aula. Imprimíronse 270 mochilas que poderán empregar, a partir de hoxe, todas e todos os nenos do municipio para lembrar á sociedade da importancia que é educar en igualdade e contar con valores positivos para acadar a equidade no futuro.

Neste obradoiro, as nenas e nenos deseñaron eslogans relacionadas coa temática da igualdade entre mulleres e homes para despois imprimilo nos saquilños que o alcalde de Cabana, José Muiño, lle entregou á rapazada do centro CPI As Revoltas e da escola unitaria no derradeiro día de clase.

Os deseños foron o resultado dun traballo previo no que as nenas e nenos se documentaron sobre os contidos a tratar (desigualdades sociais, educativas, laborais, acoso, violencia de xénero) para plasmar nunha mochila o resultado das súas impresións e aprendizaxe a través dunha perspectiva crítica.