Cabana contará con máis de 270.000 metros cadrados de solo empresarial co novo plan de ordenación da Xunta

Sen definir

O Concello de Cabana contará con 270.882,99 metros cadrados de solo empresarial dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG) da Xunta de Galicia. Trátase dunha modificación no proxecto, que está pendente de aprobación, e que inclúe terreo do municipio que actualmente é de desenvolvemento privado.

Neste sentido, o rexedor cabanés, José Muíño, destacou a importancia desta medida, “clave”, para “dinamizar a actividade económica industrial do municipio e favorecer a xeración de emprego tanto entre a nosa veciñanza como para toda a contorna”.

O PSOAEG ten o obxectivo de planificar e localizar a superficie necesaria de solo empresarial de carácter supramunicipal que podería acoller actuacións deste tipo. Preténdese así cubrir as necesidades a longo prazo que poida ter o ecosistema económico da contorna.

O plan foi aprobado inicialmente no 2014 e modificado por primeira vez no 2018. O ente autonómico está agora en trámites para darlle luz verde á segunda reforma. Deste xeito, o proxecto pasará a incluír un total de 121 parques empresariais e unha superficie máxima de 47 millóns de metros cadrados en toda Galicia.