O Concello organiza un novo Meniñeiro e abre a inscrición para as actividades de Semana Santa

Sen definir

O Concello de Cabana abriu o prazo de inscrición para a edición deste ano do Meniñeiro de Semana Santa. A actividade está destinada a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos e desenvolverase en horario de mañá os días 29, 30 e 31 de marzo na Casa da Cultura.

Logo de quedar cancelada o ano pasado por mor do confinamento, este ano regresa a iniciativa, que arrancou no verán do 2007 e que ten como obxectivo axudarlle ás familias a compaxinar o traballo e o coidado da rapazada. O proxecto conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e da Unión Europea.

Dentro do Meniñeiro, as nenas e nenos desfrutarán e aprenderán tratando a temática da igualdade de xénero con traballos manuais, xogos deportivos e actividades no exterior se a climatoloxía o permite.

O alcalde de Cabana, José Muíño, destacou a importancia do “Meniñeiro para moitas familias do municipio que teñen complicacións para conciliar os seus traballos cos períodos nos que os seus fillos non teñen colexio”. “Somos conscientes da boa acollida da iniciativa entre a veciñanza e queremos seguir traballando nesa liña”, explicou.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes na casa consistorial ata o vindeiro 22 de marzo. Deberán aportar unha fotocopia do DNI da nai, pai, titora ou titora legal e documentación acreditativa da necesidade de conciliación.

As prazas estarán limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Durante as actividades velarase polo cumprimento de todas as normativas e recomendacións sanitarias para reducir o risco de contaxio de covid-19.