O Concello de Cabana enxalza o labor e dedicación das mulleres voluntarias no comedor escolar polo 8-M

Sen definir

O Concello de Cabana de Bergantiños enxalzou o labor e a dedicación diarias das mulleres voluntarias no comedor escolar do CPI As Revoltas con motivo do Día Internacional da Muller. A través dunha peza audiovisual que se difundiu este 8 de marzo nas redes sociais municipais, mostrouse a importancia das tarefas que realizan e que se incrementaron enormemente coa chegada da covid-19.

No vídeo recóllese o testemuño de Rosina Álvarez, unha das mulleres que participa no programa de voluntariado do centro escolar e que fai posible que a iniciativa salga adiante. Ó longo dos dous minutos que dura a gravación, Rosina explica como é o día a día no traballo e o especial coidado que necesitan ter ela e as súas compañeiras para velar polo cumprimento das medidas de protección ante o coronavirus.

O alcalde de Cabana, José Muíño, destacou “a importancia do servizo de voluntariado para a rapazada do colexio e o grande esforzo que as mulleres ó cargo realizan de xeito diario”. “Con este vídeo pretendemos mostrar unha pequena parte de todos os proxectos que son posibles grazas a elas”, explicou o rexedor, que incidiu na importancia “de loitar pola igualdade desde todos os ámbitos posibles”.

Esta iniciativa súmase á campaña que se está a desenvolver este mes de marzo en redes sociais. Desde o primeiro día do mes e de xeito diario estanse a compartir fotografías antigas que teñen como protagonistas ás mulleres cabanesas. O proxecto está a ter moi boa acollida entre a veciñanza, que participa activamente nos comentarios á hora de situar as imaxes e as persoas que aparecen retratadas.