Cabana de Bergantiños levará por todas as parroquias o seu particular 'meco' de Entroido

Sen definir

O Concello de Cabana de Bergantiños, nunha nova aposta por dinamizar as actividades culturais de Entroido a pesar da complicada situación sanitaria vixente, levará o seu particular ‘meco’ por todas as parroquias do municipio. O departamento de Cultura promove unha nova iniciativa, baixo o título ‘O meco troulea por Cabana’, coa que trasladará o espantallo de Entroido deste ano por diversos puntos destacados de toda a vila. Mañá, venres 12 de febreiro, o meco comezará un percorrido que lle permitirá coñecer máis polo miúdo o municipio e os seus lugares máis representativos, coma o dolmen de Dombate, as igrexas de Corcoesto, de Anos, a praia de
Rebordelo ou o CPI As Revoltas.

Co ánimo de respectar as medidas sanitarias vixentes e evitar as aglomeracións de persoas, o meco non permanecerá exposto nestas localizacións. Porén, a veciñanza poderá seguir a viaxe do espantallo polo concello mediante as redes sociais municipais, onde se irán colgando fotografías que documenten a experiencia do meco en Cabana.

O alcalde, José Muíño, destacou a necesidade de “manter vivo o Entroido a través deste tipo de iniciativas, que lle permitan aos cabaneses e cabanesas desfrutar desde as súas casas da festividade e interactuar telematicamente mediante a oferta de actividades culturais do Concello”.

CONCURSOS DE ENTROIDO

Esta nova campaña de cara o Entroido súmase ás xa activas nas redes sociais do Concello, ‘Lembrando o Entroido’ e ‘Contos de Entroido’. Ademais, continúa aberto o prazo para participar nos concursos ‘Crea un meco’ e ‘Xogando a ser outr@s’ na súa modalidade individual e na de conviventes. Finalizará o 17 de febreiro e a resolución farase pública o día 19, co anuncio das persoas premiadas en cada categoría.