O Concello renovará o alumeado público en todas as parroquias do municipio a través dun proxecto de 946.996,75 euros

Sen definir

O Concello de Cabana de Bergantiños efectuará a renovación do alumeado público das parroquias de Carduas, Borneiro, Cesullas, O Esto, Cundins, Silvarredonda, Rioboo, Nantón, Anos e Corcoesto a través dunha subvención do IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, e nun proxecto que contará cun orzamento de 946.996,75 euros.

Actuarase en 2745 dos 3001 puntos de luz existentes no municipio -xa que o restante xa están renovadas- substituíndo así as luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED, máis eficientes e coas que se conseguirá un aforro estimado dun 66,93 por cento. O obxectivo prioritario desta actuación é favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, á vez que se “mellorará a visibilidade en todos os puntos nos que se interveña, xa que a tecnoloxía empregada mellora ás luminarias actuais, conseguindo máis luz con menos potencia”, asegura o alcalde, José Muíño.

Desde o goberno local salientan a “importancia dunha actuación deste calado, que ademais de supoñer un aforro para as arcas municipais incrementará o benestar e a seguridade tanto de peóns como de condutores en todo o termo municipal”, engaden.