Espazo privilexiado en Europa para as aves

Espazo privilexiado en Europa para a observación de aves en migración

Informámosche que no Esteiro do Anllóns te encontras nun dos lugares máis privilexiados da Europa continental para a observación de aves. Aquí paran especies que realizan rutas migratorias desde Europa, Asia, Africa e mesmo América do Norte

Aquí encontrarás aves da rexión zooxeográfica boreoatlántica e da mediterránea, dado que o Esteiro do Anllóns pertence a unha zona limítrofe con estas dúas rexións.

Tamén verás aves mariñas que, tras nidificar en rexións setentrionais de Europa e Asia occidental, se desprazan a invernar a latitudes máis meridionais ca Galicia.

Así como aves terrestres que, seguindo un corredor secundario distinto ó corredor migratorio central dos estreitos de Xibraltar e do Bósforo, despois de nidificar en rexións setentrionais, invernan en África. Ou aves que seguindo este corredor secundario e non o do Mediterráneo central, situado en Sicilia e na Península Itálica, se desprazan cara ó norte na ruta migratoria da primavera.

Este corredor migratorio secundario entre Europa e África percorre todo o litoral atlántico da Península Ibérica. Nel encóntrase o Esteiro do Anllóns. As aves que o transitan viaxan apegadas á costa e, cando os ventos sopran fortes en sentido contrario do voo, buscan refuxio e alimento en espazos coma a desembocadura do Anllóns. Desta maneira, A Insua convértese tanto nun refuxio imprescindible para as migracións como un punto importantísimo para a observación de avifauna.

Outras aves que pousan no Esteiro son as do continente americano. Dado que a Costa da Morte é o espazo máis occidental da Europa continental, cando aves de América do Norte se desprazan cara ó sur en tempo de outono, algunhas pérdense no Atlántico e chegan ás Illas Británicas e ó Esteiro do Anllóns. Isto convérteo no mellor espazo natural non só da Península Ibérica senón tamén da Europa continental para a observación de aves procedentes do norte de América.

Galego