CANDUAS

Gallego

 

CASTRO DE SINDE

A historia da parroquia de San Martiño de Canduas remítese á Prehistoria. Deste xeito, a parroquia conta cun asentamento fortificado da Idade do Ferro emprazado nos arredores do lugar de Sinde. A súa croa, de forma case circular, posúe unhas medidas de 86 x 70 m de diámetro. Esta bordéase en todo o seu perímetro por un terraplén que a separa do terreo circundante. Pola parte Leste e Sur aparece un foxo, hoxe cuberto pola vexetación, aínda que perceptible dende fóra. Contra a banda Oeste da croa hai dous antecastros dunhas medidas de 70 e 50 m. Este castro localízase en terreos de cultivo, é dicir, está sen musealizar, e o seu estado de conservación é bo.

 

IGREXA DE SAN MARTIÑO DE CANDUAS

A igrexa de San Martiño de Canduas erixiuse no ano 1910 arredor dun núcleo de casas no propio lugar de Canudas. A súa orientación (Lema Suárez, 1998: 75-79) é distinta á tradicional, xa que mira cara ó norte. A nave e a capela lateral leste están cubertas por unha bóveda de canón lixeiramente apuntada; mentres que a capela leste cóbrese con falsas bóvedas de crucería.

A orixinalidade desta igrexa (Lema Suárez, 1998:75-79) preséntase na fachada: pentagonal, construída case integramente polas doelas do cabazo de pedra do antigo mosteiro, que tiña as súas orixes no século IX. Na súa vertical, a porta principal, atopamos un pseudo-rosetón circular e a espadana con vidrieira simple. Nas fases construtivas da igrexa interveu, de forma esaxerada, o párroco Manuel Costa: en 1928 investiu 3.030 pesetas. As inquedanzas para estas reformas eran darlle emprego, nas obras de cantería e albanelería, aos mendigos e desocupados que tanto abundaban por eses anos.

Conta tamén cunha serie de vidrieiras no seu interior coa representación dos principais santos festexados na parroquia, entre outros máis célebres, coroados pola vidreira do patrón, San Martiño, aínda como romano. No centro desta serie de vidreiras atopamos unha escultura representativa de Deus coa orbe na súa man esquerda e co símbolo da bendición na man dereita, dándolle a benvida a quen entra pola porta principal, de gran tamaño e na madeira orixinal.

Os retablos e esculturas son contemporáneos, eclécticos. Tamén contemporáneo é o campanario, feito en granito, que contaba cunha cruz na súa parte superior, aínda que agora esta xa non existe. Está feito de xeito moi xeométrico, con perpiaños rectangulares que lle outorgan un certo carácter de torre, favorecendo a verticalidade.

Na fachada posterior instalouse unha celosía de pezas prefabricadas chamada popularmente o “ceo de Canduas”, tamén con vidrieira simple.

 

 

CAPELA DE FÁTIMA DE SINDE

Esta capela foi levantada durante a posguerra en granito (anos 40 do século pasado) por mandato do párroco de Canduas Manuel Costa Verdía, coa intención de facilitarlles aos veciños de Sinde ir ás celebracións relixiosas dunha maneira máis próxima, para non ter que desprazarse ata o lugar de Canudas. Porén, isto durou máis ben pouco, xa que a arquitectura non aguantou o suficiente e non se puido empregar durante moitos anos. Hoxe encóntrase semiderruída, aínda que conserva o seu arco oxival e pinturas nas bóvedas do altar. Ademais, as súas formas cadradas que aínda se observan a día de hoxe na fachada recórdannos á celosía de San Martiño de Canduas.

Consta dunha planta rectangular cunha única nave principal. Tamén contaría cun coro alto sobre arcos rebaixados e bóveda de canón rebaixada. Contaría, ademais, cunha serie de capelas á dereita sobre semi bóveda de canón, ás que se daría acceso por medio de tres arcos de medio punto, aínda hoxe conservados. Tamén se conservan os vans que actúan como fiestras permitindo entrar a luz ao que sería o altar, así como ao resto da estancia baixo uns arcos de medio punto e con decoracións xeométricas nas que irían as vidreiras.

 

CASA DE COLLAZO 

Levántase ao lado do cruceiro dos Romero. Enriba do lintel da porta principal, aparece un semi-escudo coa inscrición «LA EDIFICÓ J.C.C. EN EL AÑO 1887» As siglas J.C.C. correspóndese co nome José Collazo Campos. Fronte a esta casa, había un lavadoiro de pedra.

 

CASA DOS ROMERO

Coñécese co nome da Casa do Vinculeiro. Edificio de planta rectangular e de traballada cornixa de pedra. Son dúas vivendas apegadas que comparten medianeira, ademais dun pombal, un eirado de planta octogonal e un cabazo. A de arriba, habitada, posúe un escudo oval encadrado por sillares; as divisas dos parentescos da familia son dos Moscoso, Rodríguez de Arijón, Caamaño e Pardiñas Villardefrancos.

O edificio de abaixo, cunha data no lintel da porta 1660 é usado hoxe como corte. Na árbore xenealóxica da Casa de Romero destacan (Martínez Barbeito, 1971: 158) os capitáns Martín Romero de Caamaño e Andrés Romero, que pelexaron na guerra de Portugal.

A parte máis antiga ten forma rectangular con cuberta de tella curva trazada a dúas augas. Consta de dous andares que se comunicaban por unha escaleira de tres tramos –hoxe desaparecida-, estando as dependencias máis privadas no superior, distribuídas por un corredor central que conduce á parte nova do pazo. O estado de conservación non é moi bo debido a que se atopa deshabitada.

A parte “máis nova” data do século XIX e trátase dun volume de dúas alturas apegado ao anterior, aínda que se encontra máis elevado ca el polo desnivel do terreo. A disposición dos ocos na fachada principal segue, á maneira clásica, un eixo de simetría central marcado polo escudo de armas no primeiro andar, e colocándose dous ocos en ambos lados. O lintel destes coróase cun frontón semicircular de pedra. Este material tamén queda visto nos esquinais, na liña de imposta, no zócalo e na cornixa, deixando os panos recebados e caleados. 

 

 

CASA DO XOANO

Encóntrase nun desvío entre a Casa do Collazo e a de Romero. Conta con dous corpos en forma de L. A porta con gateira, con trampela interior no caso de frío. Forno na cociña, mesa de pedra para a sella, corte de gando, ventá con parladoiros e tragaluces. A fachada era cuberta por un antigo cabanote, hoxe só queda en pé a columna de pedra que o sostiña.

 

FREXUFRE

En Frexufre atopamos unha antiga ponte de pedra, da mesma idade que a vella estrada de Ponteceso a Laxe. Ao seu carón, a ponte nova e, un pouco antes pola súa dereita, báixase á aldea de Frexufre, á que se chega baixo a sombra dunha bóveda de loureiros. Frexufre é o paraíso das plantas tropicais e das flores de Canduas. Os habitantes do lugar cren que o nome procede da abundancia de freixo que había no entorno. Aínda hoxe se conserva un vello e único exemplar desta árbore. 

Frexufre é un aliñamento rectangular de casas señoriais. As tres primeiras, que están abandonadas, contan cun cabazo de pés, palmeira e un pradal. A que posúe cheminea rematada en catro picos e escudo chámaselle a Casa dos Barreiros (Barreiro González). No lintel dunha ventá traseira aparece a inscrición «Rodrigo de Leis 1764» e no lintel da segunda casa «Año 186¿2? JHS MA».

Segundo Leonor Alonso e Luís Giadás (1998: 137) os propietarios do lugar foron a familia dos Leis, señores da Casa de Mórdomo (Traba de Laxe) e de Taraio (Cerqueda, Malpica de Bergantiños), que, entroncados coas principais familias fidalgas da Costa da Morte, eran unha das liñaxes máis poderosas do noroeste coruñés. Se cada (Alonso / Giadás, 1998: 137) o fundador do casal foi Rodrigo Sancho de Leis, fillo de Francisco Antonio de Leis Villardefrancos e de Quiteria Bermúdez de Castro, bisneto de Gonzalo Posse «O Vello», fundador da igrexa de Santo Estevo de Soesto, onde Rodrigo solicitaría, en 1745, que súa nai puidese ser enterrada.

A casa de abaixo, a única habitada, propietaria dos invernadoiros de flor da pequena agra que se encosta desde a ribeira, posúe tres abellarizas nas paredes.

Non se pode abandonar Frexufre sen visitar o Coído dos Muíños. Chégase a el andando por un carreiro e baixo a bóveda de carballos que acompaña un pequeno regato no seu precipitado discorrer. No interior desta pequena carballeira, un elemento etnográfico da modificación da natureza pola man do home, muros de contención de terra para construír pequenas terrazas de terra útiles para uso agrícola. A canda o río, unha sucesión de muíños de auga construídos en granito. O último deles mesmo está  tan abaixo que xa está tocando as augas do mar.

 

MOSTEIRO BENEDICTINO DE CANDUAS

Situado nun outeiro entre Laxe e Canduas, houbo un mosteiro benedictino (Lema Suárez, 1998: 74-75). Primeiro de monxas (século IX) e despois de monxes da mesma orde. Posiblemente fose dúplice nos primeiros tempos. Pasou a mans varonís en tempos do arcebispo don Lope de Mendoza. A explicación sería, segundo conta o Padre Yepes na súa Crónica general de San Benito, que «la hazienda no andava bien tratada en manos de mujeres». O priorato desta freguesía substituíu o antigo mosteiro, incorporándose a San Martiño Pinario de Santiago en 1436, sendo aprobada a decisión polo papa Uxío IX en 1442. O mosteiro, pese a que contaba coa protección dos reis de Castela, Xoán I e Xoán II, no primeiro tercio do século XV sufriu abusos dos nobres galegos. Nos abusos cometidos por Arias Pardo de Cela e Joán Becerra de Val de Veiga, alguén chegou a «apalear al abad y ajar una sobrina suya»

No correspondente ao Padre Sarmiento, temos que durante a súa viaxe por Galicia, no verán de 1745, hospedouse durante unha noite no mosteiro benedictino de Canduas o ilustrado galego Frei Martín Sarmiento. No seu caderno de viaxe (Sarmiento, 2001: 94-95) recolleu as seguintes notas:

"Cándoas, outra légoa. Priorado noso. Noite. En Candoas no plano da escada hai unha pedra e esta inscrición: «HIC TUMULATUS MANET SUB ERA D. CXIII». Hic tumulatus manet sub era D. CXIII ou tal vez era 113 suplindo mil. Pero non se sabe quen é o que estaba enterrado onde apareceu esta pedra. Esta tróuxose non hai moito desde a igrexa de San Xoán de Borneiro, a que se compuxo ao tempo que se fixo a casa de Cándoas, no tempo do prior Frei Mauro Bázquez. A igrexa e couto de Borneiro foran da orde, segundo lin en pergameos en Moraime; e así é crible que Borneiro fora mosteiro e antigo. Está a unha legua de Cándoas.

Aldeas de Cándoas: Cándoas. Sinde. Ures, Tabuído. San Pedro. Freixufre. Aguarei. Cabo di Area. Rancodoiro.

A ría de Cándoas é boa; terá de longo desde a ponte até a barra, legua e media. A barra principal é a que ten ao norte o lugar de Corme, e ao sur o de Laxe, que como cabo correspondente ten ao Insua e o do lado de Corme é o cabo de Turnis ou o Roncudo. E os cabos máis dentro da ría son: o Padrón, o porto do Cavalo, o da parte de Cándoas, e Osmo, o da parte de Corme.

O sábado 14 saín de Cándoas para Moraime por Ozón a Lourido."

Vemos, pois, como o grande ilustrado galego, Frei Martín Sarmiento, ten unha dobre conexión con Cabana de Bergantiños. A primeira foi esa estancia no mosteiro de Canduas. A segunda, e consecuencia da primeira, a inclusión da longa cita anterior no seu libro Viaxe a Galicia (1745). Podemos sistematizar a información que recolleu Sarmiento (94-95) nos seguintes puntos:

1. Fálanos da tradición de embarcacións de transporte de cabotaxe construídas na enseada da Insua, é dicir, fálanos de que xa había nesta época a tradicional carpintería de ribeira nas beiras da ría. Exprésanos que ata Ponteceso chegaban "pataches da ría de Laxe, Corme e Cándoas."

2. Cita a freguesía de "San Estebo de Cesullas."

3. Informa que o lugar de Sinde pertence á parroquia de Canduas: "Sinde de Cándoas."

4. Conta a distancia que tivo que camiñar desde Sinde a Canduas: "Cándoas, outra legua."

5. Expresa a orde monástica que rexía o mosteiro de Canduas: "Priorado noso"; polo tanto, bieito.

6. Indica o tempo que estivo no mosteiro: "Noite."

7. Describe, con todo detalle, unha pedra con inscrición: "En Cándoas no plano da escada hai unha pedra e esta inscrición HIC TUMULATUS MANET SUB ERA D. CXIII. Porén, non se sabe que é o que estaba enterrado onde apareceu esta pedra. Esta tróuxose non hai moito tempo desde a igrexa de San Xoán de Borneiro."

8. Emparella os tempos de construción da igrexa de San Xoán de Borneiro e o do mosteiro de Canduas: "igrexa de San Xoán de Borneiro, a que se compuxo ao tempo que se fixo a casa de Cándoas."

9. Escribe o nome do prior fundador do mosteiro de Canduas: "Casa de Cándoas, no tempo do prior Frei Mauro Bázquez."

10. Descubre que a igrexa e mosteiro de Borneiro foran da orde dos bieitos: "A igrexa e o couto de Borneiro foran da orde, segundo lin en pergameos en Moraime; e así é crible que Borneiro fose mosteiro e antigo."

11. Informa da distancia de ambos espazos parroquiais: "Está a unha legua de Cándoas."

12. Compila os nomes das aldeas que conforman a freguesía de Canduas: "Aldeas de Cándoas. Cándoas, Sinde, Ures, Tabuído, San Pedro, Freixufre, Aguarei (sic), Cabo di Area (sic), Rancodoiro (sic)."

13. Fálanos das condicións e dimensións da ría de Corme e Laxe que el lle chama ría de Cándoas: "A ría de Cándoas é boa; terá de longo desde a ponte até a barra legua e media."

14. Cando describe os lindes e accidentes xeográficos da ría de Corme e Laxe (Cándoas) confunde a Barra do Anllóns, a lingua de area que fecha a enseada da Insua, coas augas do mar da ría: "A barra principal é a que ten ao norte o lugar de Corme, e ao sur o de Laxe, que como cabo correspondente ten ao Insua e o do lado de Corme é o cabo Turnis ou o Roncudo. E os cabos máis dentro da ría son: o Padrón, o porto do Cavalo (sic), o da parte de Cándoas, e Osmo, o da parte de Corme."

15. Por último, informa da súa data de partida: "O sábado 14 saín de Cándoas para Moraime por Ozón a Lourido."

Hoxe en día queda deste mosteiro, aínda que moi reformada, a casa reitoral, aproveitando os sillares para as casas veciñais. Esta contaría cun gran balcón de pedra que podemos observar en fotografías antigas, pero que xa non está presente. Pola outra banda, si que se mantén parte da reitoral, na parte interna, na chamada "horta do Cura".

O monumental cabazo co que contaba o mosteiro, que hoxe en día sería dos máis grandes de Galicia, foi desfeito na década de 1920 polo párroco Manuel Costa, para erguer a actual fachada da igrexa de San Martiño de Canduas, sen dúbida a máis rechamante de toda a arquitectura relixiosa da Costa da Morte. O pombal e a horta, así como a eira de pedra, aínda permanecen.

 

CONVENTO DE SAN PEDRO

En San Pedro, durante a Alta Idade Media (Alonso / Giadás, 1998: 136) había un convento de monxas que era parroquial. Neste lugar dise que había unhas catorce casas e os habitantes de Valarés, no concello veciño de Ponteceso, pertencían a esta parroquia de San Pedro por mor do illamento de Corme e do Couto, polo que o seu enterramento sería levado a cabo tras unha derradeira viaxe en barca para cruzar a ría de Corme e Laxe.

A súa desaparición, tanto do convento coma da igrexa parroquial que o acompañaría, quizais fose no século XII, debido ás razzias almorábides do almirante Alí Ben Memón, que asolaron a Costa da Morte no ano 1115, obrigando os campesiños a refuxiarse en covas, terra adentro, con todas as súas pertenzas. As pedras labradas do convento serviron de alicerces das casas dos veciños. Os capiteis románicos de decoración vexetal da igrexa adornan a entrada dunha das fincas do lugar.

Hai a lenda de que o san Pedro Papa da parroquial de san Paio de Cundíns fora levado deste desaparecido convento, pero o certo é que se trata dunha estatua neoclásica da primeira metade do XIX, polo que esta teoría non é posible.

 

CRUCEIRO DOS ROMERO

Está construído en granito. Ten como plataforma unha pilastra. O pedestal é cuadrangular e remata con medias canas e cunha roda lisa; posúe a seguinte inscrición: "De la casa de los Romero". Ten mesa anexa. O varal é octogonal e comeza en cadrado. O capitel esférico, singular no concello, presenta astrágalo circular con chafráns e liso, follas de acacia e serpe coroándoo. A cruz é cuadrangular. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara á dereita e coas mans pechadas, á cabeza coroa de espiñas, o pano da pureza anóase á dereita e lese a cartela de INRI. No reverso aparece a Virxe en actitude orante coas mans xuntas.

 

CRUCEIRO DO IGREXARIO

Está construído en granito. A súa plataforma está enterrada. O pedestal é cuadrangular. O varal é cadrado con chafráns adornados. O capitel é esférico coma o do cruceiro dos Romero, aínda que nesta ocasión carece de decoración, e coróase cun semicapitel cuadrangular. A cruz é octogonal con remates florenzados.

 

CRUCEIRO DO CAMPO DA ESCOLA

Está construído en granito no lugar coñecido como Campo do Outeiro, no que no século pasado estaba a escola de Canduas. A plataforma é cuadrangular de tres graos. O pedestal é cuadrangular e remata con chafráns. O varal octogonal comeza e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.

 

CRUCEIRO DE SAN MARTIÑO

Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é cúbico. O varal é octogonal aínda que comeza en cadrado. O capitel é tronco cónico invertido e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.

 

CRUCEIRO DE TABOÍDO

Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é circular. O varal é circular partindo dun pedestal cuadrangular liso. O capitel ten astrágalo circular liso, ábaco de lados rectos e catro caras. A cruz é cuadrangular con remates florenzados.

 

CRUZ DO PADRÓN

Está construído en granito. Carece de cruz e pedestal xa que se incrusta nun penedo. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel cuadrangular está moldurado en cuarto bocel e media cana. A cruz é romboidea con remates florenzados e círculo no centro.

 

CRUCEIRO DE PIQUITE

A cruz de pedra que aparece en punta Taboído chámase o cruceiro de Piquite. Foi levantada no lugar trala morte neste espazo duns pescadores de liña.

Da Piquita, realiza Otero Cebral a seguinte descrición cargada de tintes poéticos: 

"A Piquita, a insólita e mesmo entristecina amiga das estrelas e do medo do mar, visitada amiga da sospeita e do fenezo que non ficas nese teu remouso e reclamo."

 

FURNA DA ESCANAVADA

Ai longo da ribeira cabanesa encóntrase a solitaria furna da Escanavada. É un precipicio de máis de 50 metros. Só se pode chegar a ela andando polas pedras da ribeira ou por mar, con marea baixa, en bote.

Desta lendaria furna, que non é a única da parroquia, cóntanse moitas historias. Así, a principios do século XX, unha cabanesa, que estaba apañando toxo, levou o seu meniño no carro; o carriño esvarou pola furna embaixo e ela, intentando salvalo, caeu tamén polo precipicio. Ademais, dise que durante a Guerra Civil española, se escondían aquí os perseguidos (de igual maneira que o facían no monte Pindo de Carnota). A lenda da furna relátanos que a súa profundidade é tal que se pode chegar ata o «castro» andando.
Desta furna, realiza Otero Cebral a seguinte descrición cargada de tintes poéticos: 

"A Furna Misteriosa, cicais ese vivo encanto que para podelo coñecer de cheo se haxa que meter nese seu misterio ou tal vez renaza como algo inesperado ese noso debezo de te desenmergullar; pero ti, furna, sexa cal sexa o desvelo que se che faga, serás igual."

 

 

HERMOSINDA DE TABOÍDO

Hermosinda Engracia Varela Lema naceu no lugar de Taboído (Canduas) no ano 1914 e morreu na súa casa natal o 26.02.1989. Naceu nunha casa forte de labradores. Cóntase que desde Rebordelo ata a casa natal todo eran propiedades de seu. Ademais, a facenda constituíana vacas, cabalos, varias parellas de bois e gando miúdo. Nun vello reparto da herdanza, entregouse como dote unha parella de bois para Portugal. Polo tanto, Hermosinda naceu e criouse labrega nunha paraxe cabanesa inesquecible ás beiras onde o Anllóns rende alentos: Taboído.

Hermosinda de Taboído era unha muller moi relixiosa. Nunca perdía misa, mesmo deixaba plantado calquera traballo na agra para acudir puntualmente á igrexa. Este trazo da súa personalidade verase plasmado despois na obra poética onde figuras como a Virxe son cantadas en varios poemas, onde a chegada dun novo cura á parroquia é celebrado con versos ou onde unha excursión á Virxe de Fátima en Portugal é recordada cunha boa presa de coplas.

Natural dunha terra de importante tradición poética popular e instruída nunha escola do rural, Hermosinda de Taboído xa creaba coplas desde moza. Tanto lle compoñía poemas a unha veciña como lle enchía follas de versos ós rapaces que acudían a ela para levalos ó colexio. O seu xenro tampouco escapou á ollada poética. A construción das escolas das Revoltas pasou pola súa pluma. E esa forza e ánimo poético estivo vivo ata o día do seu pasamento.

Xunto con persoas como María Baña Varela, Hermosinda Varela Lema é claro exemplo de pervivencia dunha literatura oral e popular nas aldeas de Galicia. Como mostra, sirvan estes versos inéditos nos que poetiza a historia da súa parroquia. Orixinal maneira de contar e cantar as raiceiras nativas. 

Vouvos contar unha historia
aquí con poucas palabras:

o que antiguamente era

a nosa parroquia de Canduas.
 


Había un convento de monxas

disque no lugar de San Pedro.

Eu esto xa no no vin,

pro díxomo meu abuelo.
 


Despois marcharon dalí,

eu non sei pra que lugar;

disque lle iban facer guerra

os mariñeiros do mar.
 


E despois aquí en Canduas,

según algún vello dixo,

era un convento de frailes,

chamábase San Martiño.

 

Os frailes daquí marcharon

e non sei para que sitio;

así lle quedou o nombre:

parroquia de San Martiño.
 


Esta historia é pequena,

que ten mui poucas palabras.

A parroquia de Borneiro

disque era anexo de Canduas.
 


Estas cousas de tan vello

saberano dous ou tres,

que tamén era de Canduas

o lugar de Valarés.
 


Unha ves viñan con un morto

a Canduas a enterrar,

como non había puente

na Barra caiulle ó mar.
 


Ó pasarlle esta avería,

por si morrería outro

ordenaron co lugar

fora prá parroquia do Couto.
 


Antes Canduas era pequeno,

según dixo un estudiante,

pro como todo oumentou

hoxe é unha parroquia grande.
 


Esta é unha historia pequena

das cousas da antigüidá

e eu se soupera máis

decíavola de verdá.

 

 

EMILIO LEMA PÉREZ

Emilio Lema Pérez naceu en Canduas o 24.11.1928 e faleceu no mesmo lugar o 28.08.2005. Tivo como profesión a de carpinteiro de barcos. Aprendeu o oficio nas carpinterías de ribeira de Cabana de Bergantiños, para despois traballar longo tempo en distintos estaleiros da cidade da Coruña. Non obstante, a súa verdadeira paixón era a cestería. Érao tanto que mesmo lle quitaba o sono e coa alborada xa se poñía a traballar a carón do seu banco de artesán.

Emilio Lema Pérez foi cesteiro desde os primeiros anos. Cando de cativo tiña que ir coas ovellas para os montes de Canduas, dicíalles ós seus compañeiros: «Quen me coide das ovellas fágolle un cesto». Tal dito, tal feito.
De todos modos, os anos de maior actividade artesá foron os que seguiron á súa xubilación de carpinteiro. Neles, impartiu cursos de cestería, acudiu a mostras de artesanía no Couto, en Neaño, na Telleira, en Boimorto, en Laxe e representou o oficio tradicional da cestería da Costa da Morte nos stands que a Asociación Neria levou á Feira Internacional do Turismo (FITUR) ou á Bretaña francesa. En Camariñas, uns sombreiros de varas soltas confeccionados por el resultaron co-gañadores do primeiro premio no desfile de moda da Mostra do Encaixe. Polo tanto, Emilio Lema Pérez converteuse no artesán de maior proxección e máis internacional de Cabana de Bergantiños. Días antes do pasamento, encontrábase elaborando a cesta máis grande do mundo coa que situaría ó seu concello natal nas páxinas do Libro dos Récords.
Para realizar as pezas, Emilio Lema empregaba fundamentalmente material autóctono. Acudía ós prados para recoller vimbio e despois sometelo a distintos tratamentos: se quería elaborar unha peza escura, facíaa co vimbio sen pelar; se a peza tiña que ser clara, cocíao e pelábao. Nos últimos anos, incorporou material de fóra de Galicia, como podía ser a «vara longa» ou «médula» que el encargaba en Salamanca. Nalgunha obra, empregou lamias de carballo.

As obras que nacían no obradoiro de Emilio Lema tiñan un dobre sentido: o práctico e o decorativo. Entre as primeiras, as máis abundantes, cómpre citar paxes, buceiras, cestas, bandexas, cestos de pesca, cestos de ovos, cestos de romaría, sombreiros, cadeiras, botellas ou garrafas vestidas, ás veces con asa, ás veces sen ela. Entre as segundas, como retos que el se marcaba ou encargas realizadas polos visitantes do seu obradoiro, están avións, paxaros ou mesmo esveltos barcos veleiros.

Emilio Lema Pérez pertencía a esa estirpe de artesáns que se resistía á desaparicións nas aldeas de Galicia dos vellos oficios de antano. E Cabana de Bergantiños, documentado desde a idade media, é un verxel destes oficios. Como mostra, o exemplo deste cesteiro ou tamén o traballo das fiandeiras de liño e das encaixeiras.

Porén, esta tradición de cesteiros non naceu ninmorreu con el, senón que pervive aínda na parroquia con outros cesteiros coma Jaime de Pedro, Manolo de Frexufre (que aprendeu do primeiro e de Ramón de Pedro, antigo cesteiro de Canduas) e Adolfo de Barullo.

 

JACINTO PAREDES

Jacinto Paredes Moreira naceu na parroquia de Borneiro, pero pasou boa parte da súa vida no lugar da Telleira, na parroquia de Canduas. Dedicouse á música de xeito profesional, aínda que lle viña de familia, xa que seu pai, Manuel, tocaba o acordeón. Seus tíos José María e Daniel, tocaban a batería, a caixa e o bombo. Deste xeito foi como Jacinto aprendeu a tocar estes instrumentos pouco a pouco.

Debutou no Salón Victoria, máis coñecido como “o de Patricio”, propiedade do pai de Jacinto, que tamén era taberneiro e panadeiro. Neste salón actuaban acotío os da Venus de Ponteceso. A banda de Corme tamén actuaban moitas veces alí. Pero foi cos primeiros cos que Jacinto debutou con 14 anos co acordeón.

Foi con esta idade cando comezou a asistir a clases do Conservatorio da Coruña co acordeón. Con 15 anos comezou a formar parte da Venus de Ponteceso, na que estivo dous anos. Despois formou parte da Finisterre, na que mudou o acordeón polos teclados. Logo da Finisterre, integrouse nas formacións Los Duques e na Sintonía de A Coruña. Antes de ir facer o servicio militar tocou en Los Trobadores e, unha vez feito, entrou en Los Satélites, na que durou dous anos e medio. Logo chegou á Trébol, na que pasou 33 anos e da que se retirou o 31 de decembro do ano 2007.

A día de hoxe segue ensinando piano, solfexo e acordeón, algo que fixo dende o 1991 na escola de música de Serantes (Laxe) e que tamén fai na súa propia casa en Cabana.

 

 

MUÍÑOS

Este tipo de construción está moi espallada pola xeografía galega e foi testemuña de grande importancia na vida cotiá dos habitantes destas terras.

O seu uso é claro: era un aparello no que os veciños do lugar moían o gran que servía despois para facer o pan no forno ou para darllo aos animais.

Porén, tamén xogou un papel importante na vida social, xa que era un punto de reunión dos labregos e labregas posto que, cando acudían a el para moer, reuníanse e moitas veces quedaban de leria e de troula, cantando e bailando. Incluso era un lugar onde os namorados quedaban para manter relacións sexuais. Todo isto quedou reflectido nunha rica literatura popular na que as coplas e refráns sobre estes asuntos son abundantísimos. Os temas tratados son moi variados; dende os temas propiamente amorosos ata o tratamento irónico-sarcástico que reciben os curas:

 

“O muíño xa vai vello

ten silveiras ó redor;

as mozas que van a el

todas perden a color.”

 

“Un burro blanco

bailando no campo

ca peza no pé

e burro non é.”

 

“o crego foi ó muíño

c’un fato de nenas novas

elas todas en camisa

e el no meio en cirolas”

 

Co paso do tempo estas costumes foron desaparecendo, debido a que os muíños foron substituídos por outros aparellos máis modernos, polo que foron sendo progresivamente abandonados. Hoxe en día, un gran número destas construcións están nun estado de claro deterioro. Actualmente só un pequeno número deles segue funcionando gracia aos coidados que lle profesan os seus donos.

En Cabana, o tipo de muíño que máis abunda é o muíño de regato, coma no caso do Rego dos Muíños, que nace nas estribacións de Borneiro, formado pola unión de dous pequenos regatos no Roncadoiro, facendo de linde co Castro A Cidá. É de afamada sona polo grande número de muíños que posúe e que sempre posuíu, aínda que a día de hoxe tan só hai un en funcionamento, contra o comezo do sendeiro que corre a carón do rego.

Dentro deste tipo de muíños de regato hai certas variacións, pero que se corresponden cunhas liñas xerais. Están situados á beira dun río ou regato normalmente, aínda que tamén hai algúns afastados deles. A auga soe desviarse do seu curso normal mediante unha canle; ás veces acada certa altura para que a auga colla forza. Por ela vai a auga ata o cubo; no final da canle hai un aliviadeiro para tornar a auga se fose necesario e unha gradicela para que non pase o lixo. A parte final do cubo, onde se estreita máis, chámase billote. Ao pasar a auga, esta acciona o rodicio, que é a roda horizontal. Este rodicio, formado por culleres ou penas, e que pode ser de madeira ou ferro, é a peza que transmite o movemento ao resto dos elementos do muíño. O rodicio descansa na porca ou mesa, que é a viga que vai ao traveso por baixo, mediante un aguillón ou grilo de forma apuntada. O veo ou vara é o eixo vertical que parte do rodicio e vai dar ao piso do muíño e atravesa o pé que se mantén sempre fixo e é de pedra, o mesmo que a moa ou capa, peza superior que xira encol do pé. A parte do piso onde está a moa chámase tremiñado.

Ao final da canle hai unha especie de porta pequena que ao abrila fai que a auga entre no muíño, é o que se chama pechadoiro. Na parte superior é por onde se mete o gran. Primeiramente está a moega ou moxega; esta ten unha pequena canle por onde corre aquel e chámase quenlla. O gran cae polo movemento da tenxedoira, que é unha táboa que vai unida á quenlla. Esta táboa móvese co movemento da moa, sobre a que está situada. O gran convértese en fariña mediante o movemento da capa sobre o pé, e aquela recóllese nun caixón.

Para facer o muíño hai varios sistemas, consistentes en non deixar pasar a auga cara dentro del mediante unhas táboas. Un mecanismo moi usado é o de meter unha pequena táboa dentro da moega e pasala por unha roldana que vai amarrada cun cordel ao pecho do freo. Cando se baleira a moega e queda libre a táboa de madeira, o pecho do freo desprázase e pega no enganche do pechadoiro, facendo que se corte o fluxo da auga e, polo tanto, o muíño queda parado. Neste concello atopamos muíños, como é o caso do muíño de Rellán, que posúen unha roda vertical ou volante de grandes dimensións e que ten a función tamén de transmitir o movemento á moa da pedra.

Como todo aparello, o muíño sofre avarías ou necesita estar en boas condicións para moer. Por iso, cada certo tempo, hai que picar a capa e o pé, para que a fariña saia en boas condicións. A parte interna da moa debe ir máis picada e a parte externa ha de ir máis fina.

En canto ao sistema de organización, este é diferente segundo os casos. Hai muíños que eran dun só dono, entón o propietario moía para os veciños cobrándolles en diñeiro, pero o máis frecuente era quedar cunha porcentaxe do que se moía, que era tratada entre o muiñeiro e o propietario do gran. Os muíños podían tamén ser de varios veciños e, entón, cada un tiña un horario ou quenda determinada; de mañá, de tarde, de noite etc. Ás veces podíase comprar un turno determinado, que era o se coñecía como a compra da peza. 

Entre as parroquias de Borneiro e Canduas podemos atopar 14 muíños de “herdeiro”, que evidencian a fartura das posesións que tiñan os monxes bieitos do antigo mosteiro de Canduas. É unha mágoa que non se restauren estes muíños, dos que, como xa dixemos antes, tan só se restaurou un, pero que algúns aínda se conservan na canle de enlace co rego dos Muíños.

 

 

CARPINTERÍA DE RIBEIRA

Os barcos como medio de transporte acadaron dende moi cedo un gran desenvolvemento, sendo durante moitos séculos o principal elemento de comunicación. A súa importancia fixo que os coñecementos para a súa construción fosen chegando a toda a beiramar galega, creando tipos de embarcacións distintas segundo o uso ao que se destinasen.

A construción de embarcacións ten en Galicia unha gran tradición e Cabana de Bergantiños non é allea a isto. Xa no século XVIII na ría de Corme e Laxe había unha importante actividade pesqueira, como vimos antes que mencionaba o Padre Sarmiento e, polo tanto, unha necesidade de construír embarcacións. Cabe resaltar a carpintería O Baladiño, que conserva a construción artesanal máis antiga do esteiro do Anllóns.

Hai constancia de que, durante o século XIX, construíanse embarcacións de madeira na zona da enseada coñecida como A Telleira. A comezos do século XX, o traballo continuado de Julián Tedín Leis, que comezou no oficio con doce anos, supuxo o pulo definitivo para esta importante actividade artesanal, coa creación dun importante estaleiro do que sairían grandes barcos coma o "Ponteceso" e que finalmente pechou na primeira metade dos anos sesenta baixo o mando do fillo de Julián, Juan Tedín. Deste xeito, supoñía o comezo do auxe da carpintería de ribeira, que tivo lugar durante a Gran Guerra (1914-1918). Isto débese a que dende a parroquia de Canduas e, en xeral, dende toda a enseada, embarcaban toneladas e toneladas de madeira para os portos europeos, así como tamén se levaron a cabo a construción de numerosas embarcacións.

A demanda era tanta que tiveron que constratar carpinteiros dos arredores de Noia e chegáronse a construír na praia do Pendón ata tres embarcacións á vez. Porén, cabe destacar que neste sector tamén había mulleres traballando, coma Dolores Centeno, que exercía o traballo de armadora.

Habería unhas cinco carpinterías de ribeira no seu momento de maior auxe. Estas serían a dos Hermanos Suárez Taboada (O Tecelán), Roseva e o Baladiño na parte das Grelas e Taboído, e a dos Tedín e a de Antón do Chicho e máis o fillo na Telleira, xunta a praia do Pendón.

As carpinterías de ribeira situábanse na beira do mar ou dos ríos, sendo lugares protexidos dos ventos e dos temporais. As carpinterías estaban formadas por un pendello sostido por esteas de madeira ou pedra que permitía armar debaixo os barcos en construción, evitando así o mal tempo posible. Estaba situado preto da auga para que nas mareas máis vivas do ano a auga chegase xunta o seu pé para facilitar as botaduras dos barcos. Tamén as carpinterías posuían unha edificación de pedra que funcionaba como taller ou almacén, e unha ampla extensión de terreo onde se almacenaba a madeira.

 

Proceso de construción dunha embarcación

O proceso de construción dunha embarcación comeza cando un armador ou propietario dun barco fala co carpinteiro de ribeira para que lle constrúa a embarcación. Nese momento trátanse as características do barco e o seu prezo. A partir de aquí comeza a verdadeira construción. Os carpinteiros realizaban todo o proceso de construción, dende ir buscar a madeira ao monte ata armar o barco.

Primeiramente escollíase a madeira; as árbores máis empregadas eran o carballo, o eucalipto e o piñeiro. O carpinteiro ía ao monte e buscaba as árbores que necesitaba segundo as dimensións, o estado da madeira ou a forma, aspecto este importante para facer as pezas curvas. Despois eran cortadas cun machado ou tronzador. Seguidamente serrábanse coa serra portuguesa. Para isto, apoiaban o tronco nun cabalete e un home subido no tronco e outro por baixo manexaban a serra. Todo isto tendo en conta a forma das pezas que querían obter. Logo os carreteiros cos seus carros de bois ían buscar a madeira ao monte. En Cabana este proceso tivo que estenderse nalgún caso ata os concellos de Zas ou de Santa Comba.

O carpinteiro procede despois á montaxe das cadernas, que soen ser de carballo, van cravadas e compóñense de varias pezas: varengas, medios, sinol e sobresinol. Despois están as vagras, de eucalipto, que unen as cadernas de proa a popa.

A continuación van os durmintes ou cordas, que son de eucalipto e tamén van de proa a popa. Chámanselles durmintes porque neles temos que durmir os vaos, pezas de carballo ou eucalipto que van de babor a estribor e son a suxeición da cuberta do barco. Os vaos levan brusca, é dicir, que teñen o lombo para arriba. Lévana para que, cando veña un golpe de mar, desaloxen a auga de cuberta mediante uns orificios que se lle fan na obra morta chamados imbornais.

O seguinte paso é a montaxe da tapa trancanil, que é a primeira peza de cuberta e nela van encastrados os barraganetes, que son de piñeiro. Seguidamente, tápanse os vaos con madeira de piñeiro. Na cuberta, que é do mesmo material, déixanse unhas entradas que se chaman cuarteis e outra zona aberta onde irá o motor e, enriba, a ponte de goberno.

Despois disto os carpinteiros fan a obra morta que, como xa dixemos, está composta por barraganetes, que van encastrados na tapa trancanil, que é de carballo. Na obra morta van unhas pezas que se chaman rexistros de abaixo que se apoian no trancanil, así como o fondo da obra morta e o rexistro de arriba. Nos barraganetes fanse uns espigos ou encastres, situándose aí a tapa regala ou batiola, que é de madeira de carballo.

A continuación constrúese a ponde de goberno: armazón de piñeiro e forrado de chapa mariña.

No interior dunha embarcación van as cornamusas, que serven para amarrar o barco, así como unhas pezas que van de proa a popa chamadas calzos do motor, nos que vai ir a máquina enriba dun chasis de ferro.

No interior do casco colócase a sobrequilla, situada enriba da quilla e das cadernas, e que vai unida á quilla e encastrada nas cadernas mediante uns pasadores de aceiro inoxidable ou ferro galvanizado. A continuaciónrealízase o banceado da embarcación, é dicir, a operación de forrar mediante táboas o casco. O primeiro bordo son as cintas e logo o cintón, que sobresae do barco para protexer o casco do peirao. Despois, outra cinta por abaixo, logo un rozadeiro e un varadeiro que teñen a mesma funcionalidade. O primeiro bordo que vai contra a quilla chámase bordo de calime.

Rematada a construción do casco, faltan aínda dúas operacións importantes. A primeira, calafatear, consiste en protexer as xuntas metendo estopa ou brea. Feito isto, procedíase a carenar, operación que consiste en tratar a madeira para impedir a súa putrefacción, para o que se pinta o interior con alcatrán e o exterior cunha mestura de brea, xofre e aceite, quentándose para aplicalo. Antigamente, para limpar o barco de bichos e impurezas, os carreteiros ían ao monte por toxo e facían unha fogueira pola barriga do barco.

Cando finaliza a construción do barco, procédese a súa botadura, que consiste en romper unha botella de champaña no casco da embarcación. Hai a costume de levar a botella á meiga para que dea boa sorte. Tamén se depositan no barco outros obxectos como ferraduras de cabalo, santos ou báteselle auga bendita. Todo isto vai acompañado dunha festa con bebida, comida e baile.

 

Ferramentas:

O carpinteiro de ribeira usa un gran número de ferramentas, moitas delas comúns ás usadas por outros oficios que traballan a madeira. Deste xeito, os martelos, mazos e sarxentos que serven para montar as pezas, son todos de gran tamaño.

A serra de aire, a portuguesa, o tronzador e os machados permiten o serrado da madeira que logo se prepara en pezas coa axuda da serra de voltas, os serróns, galropas, cepillos rectos e de volta.

Outras ferramentas moi empregadas son as aixolas, tanto a aixola de pé coma a aixola de man, moi usadas para a labra das pezas do barco. A falsa escuadra e o compás de puntas eran imprescindibles para o trazado das fasquías e a toma de medidas. Hai que mencionar tamén os formóns, berbequís e pés de cabra.

 

 

Estaleiro Roseva:

Este estaleiro era o único de Cabana de Bergantiños no que se alterna a producción de embarcacións artesanais de madeira e de casco de ferro. Sitúase na ensenada de Cabana de Bergantiños, procurando a protección natural da costa, no delta da desembocadura do Anllóns.

A mestura de materiais consiste na conservación da edificación orixinal integramente en madeira, o que correspondería á parte do asteleiro tradicional, pero cun proceso de reconversión, coa incorporación de dúas naves para a construción de todo tipo de embarcacións.

Creouse no ano 1958  e a día de hoxe (2023) está inactivo.

 

Carpintería de ribeira O Tecelán (Hermanos Suárez Taboada):  

Trátase dunha carpintería de ribeira fundada como propiedade asociada, dos irmáns Marcial, Manuel e Santiago Suárez Taboada. Creouse no ano 1973 no Lodeiro, no lugar de As Grelas, antiga zona de aserradeiros. Anterior á súa fundación había xa un estaleiro nese mesmo lugar, o de Basilio e Manolo Mato, pero que desaparecera un tempo antes.

Na marea baixa, tamén se ven pescadores co «Cavaduiro» ou forquita na procura de senrada. Mergulladas na area sobresaen cabezas de cadernas de embarcacións putrefacta.

A día de hoxe, a empresa continúa en mans da familia, con Marcial Suárez Valiña á súa fronte. 

 

Carpintería de ribeira O Baladiño:

Consérvase aínda como o modelo das típicas carpinterías de ribeira nas beiras do Anllóns, no lugar do Baladiño, en Taboído, co seu galpón de madeira e varadeiro de madeira para realizar as botaduras de embarcacións. Desde ela gózase dunha boa vista da Barra, pouso de aves, e do monte Branco, que parece tocarse coas mans. É propiedade de Martín Senande Vázquez, neto de Benito Senande, fundador do estaleiro.

 

 

AREEIRAS

Tamén tiveron grande importancia na parroquia de Canduas, vencelladas á ría e aos traballos do mar, as empresas areeiras. Trátanse dunha serie de empresas que, por medio de pequenas embarcacións coma lanchas ou gamelas, acudían á Barra ou aos diferentes areais para extraer a area que posteriormente se empregaba na construción.

No século XX había tres empresas areeiras importantes na ría, que serían a Areeira de Rama (que levou a maioría dos anos Elvira de Rama), aa de José de Daniel (na Telleira) e a de Antonio de Ceslao, que era a máis nova.

O proceso era moi rudimentario ao principio, xa que se cargaba a area en cestas que se levaban á cabeza cara ás embarcacións e tamén se descargaban do mesmo xeito. Posteriormente xa se engadiron carretas ao proceso, o que axilizaba moito a descarga. Finalmente, comezaron a engadirse dragas ás embarcacións, eliminando a necesidade de ter que ir a algún areeiro e impedindo que a Barra sufrise máis danos, permitindo que seguise cumprindo a súa función natural protectora. Finalmente acabouse por prohibir a extracción de area da ría e estas empresas desapareceron.

 

BIBLIOGRAFÍA

Castro Béizana, F.X., Concello de Cabana de Bergantiños

Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña. 

Fuertes Dopico, O., Fernández Madrid, J. (2011), "Estudio tipológico de la construcción tradicional de astilleros en Galicia", Madrid, Instituto Juan de Herrera.

Lema Suárez, X. M., (1999), Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas), Asociación Neira.

Soraluce Blond, J.R., Fernández Fernández, X. (1995) Arquitecturas da Provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso, Deputación da Coruña.